Presentadas as primeiras demandas de gandeiros de Lugo contra o Cártel Lácteo en xulgados de Granada e Barcelona

As reclamacións, por importe de 3,5 millóns de euros, inclúen a 5 socios de Agromuralla que piden unha indemnización a Lactalis e Danone por pactar durante anos os prezos de compra do leite nas explotacións

Rueda de prensa conjunta de Eskariam y Agromuralla este miércoles en Lugo

Rolda de prensa conxunta de Eskariam e Agromuralla este mércores en Lugo

A asociación de gandeiros Agromuralla e o gabinete xurídico Eskariam informaron este mércores do inicio do proceso xudicial pola vía civil contra o denominado Cártel Lácteo, coa presentación das primeiras demandas en distintos xulgados españois.

Eskariam presentou a finais de 2022 as primeiras demandas de socios de Agromuralla dentro dun grupo de sete demandas testemuña rexistradas en varios xulgados de España. As reclamacións presentadas inclúen a 5 gandeiros da provincia de Lugo socios de Agromuralla e foron presentadas nos xulgados de Granada e Barcelona, onde se atopa o domicilio fiscal das empresas demandadas, Lactalis e Danone, dúas das principais industrias que formaban parte do Cártel Lácteo. O montante total destas dúas reclamacións é de 3,5 millóns de euros en indemnizacións

Estas demandas testemuña permítennos avanzar no proceso e non colapsar os xulgados, como pasaría presentando miles de demandas ao mesmo tempo

“Estas demandas, traballadas durante moitos meses, queren reflectir todas as particularidades que se poden dar dentro do denominado Cártel do Leite e facilitar a toma de decisións por parte dos diferentes xulgados. Dentro da nosa estratexia responsable, estas demandas testemuña permítennos avanzar no proceso e non colapsar os xulgados, como pasaría presentando miles de demandas ao mesmo tempo”, asegurou na rolda de prensa celebrada este mércores en Lugo David Fernández, CEO de Eskariam.

Litigar en igualdade de condicións ás industrias

Agromuralla, que reúne a máis de 200 produtores das provincias da Coruña e Lugo, foi no seu momento a primeira asociación de gandeiros que asinou un acordo de colaboración con Eskariam, un bufete especializado neste tipo de reclamacións colectivas, a fin de defender os intereses dos gandeiros nas demandas contra o Cártel Lácteo.

“Hoxe contamos cun equipo legal que está á altura dos equipos legais que defenden ás industrias lácteas, polo que por primeira vez os gandeiros podemos acudir ao Xulgado con garantías e litigar en igualdade de condicións que as industrias e xa temos algúns indicios que inclinan a balanza ao noso favor”, asegura José Manuel Díaz, titular dunha granxa láctea en Láncara.

Pendentes da resolución da Audiencia Nacional

En 2015, a CNMC impuxo sancións a varias industrias do denominado Cártel Lácteo por valor de 88,2 millóns de euros. En xullo de 2019, a CNMC publicou a resolución definitiva do expediente sancionador contra as industrias lácteas, pero a día de hoxe os recursos presentados polas industrias seguen pendentes de resolución por parte da Audiencia Nacional. “Miles de gandeiros en toda España sofren este retraso”, denuncia Eskariam.

Confiamos enb que a Audiencia Nacional resolva este ano os recursos confirmando a sanción de Competencia por importe de 88,2 millóns de euros

“Confiamos en que a Audiencia Nacional resolva os recursos neste ano 2023 e que esa resolución sexa favorable aos gandeiros. Este é un camiño longo pero os pasos estanse a dar de forma racional e proximamente haberá sentenzas”, afirmou Juan Álvarez, director de Operacións do bufete madrileño.

“Neste tipo de reclamacións colectivas é de vital importancia que se sumen un número significativo de afectados. A día de hoxe, máis de 12.000 gandeiros en toda España decidiron presentar unha reclamación ás industrias que formaban o Cártel Lácteo. Deses 12.000 reclamantes, máis de 7.000 son gandeiros representados por Eskariam”, explica.

Animan a reclamar a gandeiros xa xubilados

Aínda así, estímase que máis de 30.000 gandeiros teñen dereito a reclamar. O prazo para poder facelo continúa aberto, en virtude a unha sentenza do 22 de xuño de 2022 do Tribunal de Xustiza da UE que amplía o prazo de prescrición, de maneira que todos aqueles gandeiros afectados que non reclamasen están aínda a tempo de facelo. “Dirixímonos a todos aqueles gandeiros que a día de hoxe non deron o paso de sumarse a esta demanda colectiva para que o fagan. Non existe risco algún de que as industrias lles deixen de recoller o leite”, asegurou Juan Álvarez.

Unha sentenza de 2022 do Tribunal de Xustiza da UE ampliou a 5 anos o prazo de prescrición

“Os gandeiros non temos que adiantar cantidade de diñeiro algunha, só pagamos se gañamos e cando cobremos a indemnización, nunca antes, o que supón litigar sen risco algún para nós. Por iso animamos a todos os gandeiros en activo, aos xa xubilados e mesmo aos herdeiros de gandeiros falecidos a reclamar”, insistiu José Manuel Díaz.

As industrias lácteas adoptan unha postura común de baixar o leite no campo un mínimo dun 10%

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información