A produción de planta ornamental e flor cortada en Galicia acada un valor conxunto anual de 82 millóns de euros. Ademais, a comunidade ocupa o terceiro lugar de España en produción de flor e o quinto no que atinxe á planta ornamental. Así se recolle na Estratexia deste sector impulsada pola Xunta e que foi presentada esta mañá nun acto presidido pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez, quen estivo acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros.
Neste acto, que tivo lugar na Cidade da Cultura e ao que asistiron representantes do sector, a titular de Medio Rural salientou as cifras de facturación e produción deste eido produtivo, o que lle augurou “un gran futuro” porque, sinalou, este sector “está repleto de mulleres e homes ambiciosos, ben formados, con explotacións e empresas modernas, sostibles e rendibles”.
Potencial de crecemento
Nesta mesma liña, Gómez remarcou que o da flor e a planta ornamental “é un ámbito esencial para o desenvolvemento da economía de Galicia e cun potencial de crecemento ao que lle queda moito percorrido”. Engadiu que xera un triplo impacto positivo na comunidade: económico, social e ambiental. Precisamente, incidiu, “este foi un dos motivos polos que a Consellería se decidiu a realizar esta planificación sectorial, ao igual que xa se fixo antes con outros eidos tan importantes para o PIB galego coma o lácteo, o cárnico, o vitivinícola ou o da horta”.
Ademais, a conselleira explicou que, para levar adiante esta iniciativa, contouse coa colaboración técnica da Fundación Juana de Vega, á que agradeceu o seu traballo. Sobre o potencial deste eido, sinalou tamén que Galicia é “un lugar privilexiado” para o cultivo de moitas variedades, entre elas de flores e plantas ornamentais, grazas á mestura do clima e a orografía favorables.
Medidas de apoio da Xunta
Para impulsar toda esa riqueza, trasladou a conselleira, “elaborouse esta estratexia, como parte das moitas medidas de apoio impulsadas ao longo dos últimos anos pola Xunta”. Actuacións que Gómez enmarcou nos ámbitos da formación, a investigación, a mobilización de terras, as axudas ao fomento da actividade ou a promoción.
Así, en relación coa formación, a titular de Medio Rural salientou os ciclos de grao medio e superior postos en marcha polo Goberno galego e relacionados directamente con esta actividade; sobre a investigación, puxo en valor o labor que se desenvolve nos centros propios a prol de cultivos con maior produtividade; no ámbito da mobilidade de terras, destacou o papel da Lei de recuperación; canto ás axudas, subliñou que aportan seguridade e estabilidade ás explotacións e negocios e, con respecto á promoción, dixo que transmitir a mensaxe da “excelencia” das flores e plantas ornamentais de Galicia é a mellor fórmula de ter éxito nun mercado cada vez máis globalizado e competitivo.