“Preocúpanos a caída da produción de leite e de granxas. Pode perigar toda a cadea láctea”

A presentación en Lugo dun libro sobre o sector lácteo dá pé a unha análise da situación actual e perspectivas. Interviron o presidente da Interprofesional, Daniel Ferreiro, os coordinadores da obra, Edelmiro López e Manuel Laínez, e o presidente de Cajamar, Eduardo Baamonde

INLAC Cajamar Presentación 'El sector lácteo en España' en LugoO presidente da Organización Interprofesional Láctea (InLac), Daniel Ferreiro, e o presidente de Cajamar, Eduardo Baamonde, presentaron este xoves en Lugo a publicación El sector lácteo en España xunto aos dous coordinadores da obra, Edelmiro López, profesor de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, e Manuel Láinez, consultor de investigación e innovación alimentaria de Cajamar.

O libro analiza en profundidade a evolución experimentada polo conxunto do sector desde 2015, cando desaparece o sistema de cotas lácteas na UE e se inicia unha progresiva liberalización da produción, atopándose na actualidade a oferta española de leite e os seus derivados “nunha conxuntura favorable de prezos á alza”, considera a análise realizada.

O obxectivo desta publicación, promovida por Cajamar en colaboración coa Interprofesional Láctea é “achegar unha visión actual da dinámica recente, a realidade e os retos futuros da cadea láctea en España”. Esta monografía foi publicada en xullo de 2022. Con todo, e “a pesar da conxuntura do sector no último ano, conserva no esencial a súa vixencia”, aseguraron Manuel Laínez e Edelmiro López, coordinadores do estudo.

Na actualidade a oferta española de leite e os seus derivados atópase nunha conxuntura favorable de prezos á alza

Na súa elaboración participaron 38 especialistas recoñecidos do ámbito académico e investigador, analizando os diferentes elos da cadea (explotacións gandeiras, industria, distribución e consumo) desde distintos enfoques (contexto europeo e internacional, análise socioeconómica, mercados, tecnoloxía, sistemas de produción, sustentabilidade ambiental, nutrición e saúde).

De 200.000 a 20.000 produtores

Eduardo Baamonde destacou a evolución que experimentou o sector lácteo, adaptándose aos diferentes retos como a globalización, as melloras tecnolóxicas e as novas políticas comunitarias. “A clave da procura da rendibilidade xa non é tanto a mellora da competitividade, pois creo que este sector, sobre todo, na parte da produción, fixo os deberes nesta reconversión, e hoxe en día a produción media española está á altura da media comunitaria”, recalcou.

Natural de Vilalba e enxeñeiro agrónomo, o presidente de Cajamar lembrou que o número de explotacións lácteas pasou nas últimas décadas de 200.000 ás 20.000 actuais. “Produciuse unha restruturación importante, sobre todo na parte produtora pero o sector actualmente está moito máis profesionalizado e moito máis orientado ao mercado. Estase internacionalizando máis, enfocándose a produtos de valor engadido, que eu creo que é o que hai que facer. O sector xa é moi competitivo e agora o que está buscando é productos e procesos que aporten valor”, afirmou.

Neste sentido, recalcou que “debemos enfocarnos a analizar como podemos agregar valor, a través da diferenciación de procesos e produtos, e tamén o posicionamento de marca, que é un elemento clave para poder garantir o recoñecemento do verdadeiro valor do leite e dos produtos lácteos por parte do consumidor”.

Non poderiamos entender Galicia e o mundo rural sen o sector lácteo

“Queda unha asignatura, que é difundir e divulgar os valores do sector lácteo, porque o consumidor moitas veces descoñece aspectos relevantes como o contido nutricional dos produtos lácteos, os beneficios que teñen para a saúde ou o valor social e medioambiental que aporta o sector lácteo. O sector lácteo en Galicia é unha forma de vida, forma parte dunha cultura e dunha forma de entender o mundo e é fundamental sobre todo no mantemento do tecido rural porque fixa poboación e mantén o territorio”, asegurou.

Escenario “muy volátil”

INLAC Cajamar1

Daniel Ferreiro, presidente da InLac, xunto a Eduardo Baamonde

Pola súa banda, Daniel Ferreiro agradeceu a Cajamar o seu apoio para a elaboración desta publicación, que definiu como “unha pequena biblia do sector”, destacando a súa presentación en Lugo, “capital láctea de España”, afirmou.

Así mesmo, o presidente da InLac reiterou a necesidade de afrontar os retos actuais que ten o sector: “Estamos preocupados pola caída da produción e a perda de efectivos no sector. Todos os factores van unidos: non hai relevo porque falta renda, recoñecemento social e calidade de vida. Ou buscamos solucións ou estaremos a poñer en perigo a toda a cadea láctea, desde a produción e as cooperativas á transformación láctea, pero non só iso, senón tamén ao medio rural e os ecosistemas”, argumentou o presidente da Interprofesional.

Debemos buscar saídas máis adecuadas fronte ao imparable aumento dos custos de produción e a enerxía

Ademais, engadiu,“debemos buscar saídas máis adecuadas fronte ao imparable aumento dos custos de produción e a enerxía, agravado trala invasión de Ucraína, e loitar porque o leite non se utilice como produto reclamo nos lineais. Necesitamos que a sociedade sexa consciente do traballo que existe detrás de cada vaso de leite, iogur, porción de queixo ou calquera outro alimento lácteo que consuma”.

Vertebración e internacionalización

Ferreiro insistiu no papel da Interprofesional Láctea para “mellorar a vertebración, a sustentabilidade e a xeración de valor”. “Somos un foro estable de debate e acordo entre todos os axentes da cadea láctea, un punto de encontro para representar os intereses comúns”, destacou. 

A INLAC é un punto de encontro das distintas patas da cadea; aí confluímos, discutimos e acordamos

Destacou tamén a necesidade de “recuperar” o papel central dos produtos lácteos na dieta e o labor que está a levar a cabo a Interprofesional Láctea neste sentido. “Houbo moita desinformación e os produtos lácteos chegáronse a banalizar. Temos que recuperar o prestixio nutricional dos produtos lácteos no consumidor e facer un esforzo en poñer en valor o traballo desas 20.000 familias que están á fronte das explotacións e a súa importancia desde o punto de vista económico, social e ambiental”, afirmou.

Temos que facer un esforzo por conectar de novo co consumidor e coa sociedade en xeral para que se recoñeza o valor dun vaso de leite desde o punto de vista económico, social e ambiental

Neste sentido, a INLAC seguirá apostando pola divulgación e promoción dos produtos lácteos con diversas campañas, algunhas xa moi recoñecidas polo consumidor, como 3 lácteos ao día ou Quesea.

Un novo campo de acción é o apoio ás estratexias de internacionalización do sector. “Nos próximos meses abordaremos unha campaña de promoción dos queixos españois en EEUU, para o que contaremos coa colaboración da Unión Europea. Estamos moi ilusionados por abrir o mercado americano, que é un mercado moi importante en derivados lácteos e concretamente en queixos”, explicou Ferreiro.

Principais conclusións: aumento do consumo mundial grazas a Asia, incremento de prezos en Europa e redución do déficit comercial en España

Manuel Láinez y Edelmiro López en la presentación de las conclusiones del estudio

Manuel Láinez e Edelmiro López durante a presentación das conclusións do estudo

Manuel Láinez e Edelmiro López, coordinadores do libro, foron os encargados de debullar o seu contido. Entre as principais conclusións, os autores do estudo destacan que “o consumo de produtos lácteos segue medrando no mundo, especialmente en Asia (90% do aumento mundial 2008-2018)”. Esa expansión prevese que continúe na presente década, aínda que a un ritmo menor.

Na parte da oferta, “desde 2015 (desaparición das cotas) as entregas de leite de vaca aumentaron na UE a taxas moderadas (+5,5% no período 2015-2020)”, indica o estudo. O destino dese incremento de produción europea repartiuse ao 50% entre o mercado interno e a exportación.

Perspectiva ata 2030: ralentización do crecemento de produción (a un ritmo dun 0,6% anual) e alza do prezo do leite no mercado comunitario

Pero ese crecemento da produción freouse no último ano como consecuencia de factores como o incremento de custos nas explotacións por mor da guerra de Ucraína, así como de factores climáticos e ambientais. “As perspectivas ata 2030 indican unha ralentización dese crecemento (a un ritmo dun 0,6% anual) e unha alza do prezo do leite no mercado comunitario”, destaca Edelmiro.

Concentración da produción

O incremento en España, destacando comunidades como Galicia, foi desde 2015 “significativo” e “claramente superior á media comunitaria”. O estudo prevé que continúe o “proceso de restruturación das ganderías lácteas cara a explotacións máis grandes, tecnificadas e intensivas, concentradas en zonas especializadas”.

España conta con máis de 20.600 gandeiros dedicados á produción do leite. Deles, 12.500 fano na produción láctea procedente da vaca (61%), 4.800 de cabra (23%) e 3.300 de ovella (16%).

España é hoxe o sétimo maior produtor de leite de vaca de Europa, tras Alemaña, Francia, Reino Unido, Holanda, Italia e Irlanda; é tamén unha potencia en leite de ovella, só superada por Grecia; e a segunda en leite de cabra, despois de Francia.

Crecemento das empresas de tamaño medio

En España hai máis de 1.500 centros autorizados para a recollida e transformación de leite, que xeran máis de 30.000 empregos, o 8,5% do total do conxunto do sector agroalimentario, e un volume de negocio superior aos 9.500 millóns de euros.

A industria en España absorbeu todo o incremento da produción interna de leite. “Na última década o volume de leite procesado aumentou en 1,3 millóns de toneladas, máis da metade dese aumento foi destinado a queixos e o resto a iogures, sobremesas e produtos industriais, fronte á estabilidade do leite envasado”, concretan os autores do libro. Ao mesmo tempo, producíronse cambios na estrutura empresarial, cun forte crecemento dun grupo de empresas de tamaño medio.

Na última década as vendas ao exterior de queixo español rexistraron un incremento do 125%

No últimos ano reduciuse o déficit estrutural da balanza comercial española de produtos lácteos, destacando datos como que na última década as vendas ao exterior de queixo español rexistraron un incremento do 125%.

Dominio da gran distribución

A análise realizada pon de relevo o “forte dominio da gran distribución no comercio minorista de leite e produtos lácteos, superior ao 90%” e recomenda “a necesidade de consolidar relacións estables e estratexias de colaboración entre os elos da cadea”.

O estudo destaca ademais o “rol relevante” das cooperativas, sobre todo na comercialización do leite e o aprovisionamento de insumos ás explotacións, así como a súa “contribución á resiliencia da cadea”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información