Preocupacion polos danos do xabarín na montaña oriental de Lugo

O Sindicato Labrego demándalle á Xunta controis efectivos sobre a situación sanitaria, ante a preocupación polo aumento sistemático dos ataques nos cultivos, afectando aos pastos de moitas ganderías dos concellos dos Ancares e O Courel

Preocupacion polos danos do xabarín na montaña oriental de Lugo

O Sindicato Labrego leva meses constatando a través das granxas afiliadas nos concellos de Becerreá, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Baralla, Navia de Suarna, Cervantes e Folgoso do Courel un aumento considerábel dos ataques do xabaril nos pastos e cultivos.

A organización agraria indica que está a haber un aumento sen precedentes do número de xabaril, que unido á perda de Superficie Agraria Útil (SAU) fai que as granxas que quedan no territorio sufran cada día máis os danos nos seus pastos, coas perdas que isto lles produce economicamente, xa que, en moitas ocasións, os pastos que se reservaban para recoller forraxe para o inverno quedan inservíbeis ao ser fozados polo xabaril.

Ademais é necesario anovalos, o que provoca que durante unha campaña eses prados non sirvan para dar de comer ao gando. Así mesmo, constátase na comarca en xeral un aumento do número de animais de outras especies como o corzo, que pasta nestes mesmos pastos.

A preocupación entre as persoas gandeiras da contorna é crecente ante o aumento de danos, non só polas perdas económicas que supoñen, senón porque esta fauna salvaxe convive diariamente co gando vacún, e existe medo a que poidan ser vectores para traspasar novas enfermidades ou enfermidades xa existentes ao gando vacún.

A organización agraria pide apoios para colocar peches que reduzan a interacción dos xabaríns co gando, polo temor ó contaxio de enfermidades

Neste senso, dende o Sindicato Labrego Galego demandan información a Consellería de Medio Ambiente sobre o estado sanitario desta fauna salvaxe , e protocolos e seguimentos claros sobre o estado sanitario do mesmo.

Esixen que a partida para medidas preventivas teña un aumento e que se aumente en especial a liña de peches e se inclúa tamén nesta liña o xabaril, para non só evitar os danos nos pastos, senón evitar que o gando doméstico e a fauna salvaxe interactúen.

Por último, preocupa especialmente ao Sindicato Labrego Galego a convivencia entre o xabaril e as granxas en extensivo de porco, normalmente de porco celta, granxas ás que cómpre ter en conta á hora de dar as axudas para prevención de ataques e, sobre todo, ter en conta o estado sanitario da fauna salvaxe para evitar contaxios nestas granxas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información