Preocupación polos danos do lobo nas comarcas do Deza e Tabeirós

Unións Agrarias propón medidas para reducir os ataques sobre o gando, tales como o abandono de carroñas no monte e caza selectiva

Preocupación polos danos do lobo nas comarcas do Deza e Tabeirós

Os mastíns contribúen a previr os danos do lobo sobre o gando. / Imaxe: Beealia.

Os ataques de lobo sobre o gando preocupan na zona norte da provincia de Pontevedra. Unha delegación de gandeiros afectados, coordinada por Unións Agrarias, mantivo recentemente unha reunión coa directora xeral de Conservación da Natureza, Ana Díaz, para trasladarlle a necesidade de medidas que melloren a convivencia entre lobo e gandeiría.

Os afectados demandan en primeiro lugar unha indemnización áxil dos danos provocados polo lobo, pois a estas alturas aínda están pendentes de pago as perdas sufridas no 2015. Unións Agrarias pide ademais compensacións maiores das establecidas, de acordo cos prezos de mercado.

Medio Ambiente ten intención de pagar as indemnizacións atrasadas do 2015 durante o mes de abril

En segundo lugar, o secretario comarcal de Unións, Román Santalla, entende que nas zonas con danos reiterados, haberá que proceder a controis selectivos da poboación de lobo. A organización agraria considera asimesmo que cómpre valorar a posibilidade de abandonar carroñas no monte de cara a manter fontes de alimentación alternativa para o lobo.

O abandono de carroñas fora prohibido hai uns 15 anos a raíz da crise das vacas tolas, se ben Unións entende que debería haber posibilidades de retomar de xeito controlado esos abandonos.

Respostas da Xunta
Ao respecto das propostas do sector, a directora xeral de Conservación, Ana Díaz, indicoulle ós gandeiros que os atrasos do 2015 pagaranse durante o mes de abril e sinalou que a partir de maio abonaranse os danos comunicados no 2016.

En canto á valoración das indemnizacións, a Xunta está a traballar na revisión dos baremos para calcular o importe das indemnizacións. A directora xeral tamén se comprometeu a estudar a petición de Unións Agrarias de introducir pagos por lucro cesante, así como a revisar a zonificación dos baremos de axudas, xa que a actual demarcación data do 2003.

Desde Medio Ambiente abren ademais á porta á caza selectiva do lobo naquelas zonas con danos reiterados, tal e como recolle o Plan de Xestión do Lobo de Galicia. Por último, Ana Díaz informou de que se está a colaborar coa Consellería do Medio Rural para ver o encaixe legal de deixar as carroñas de cabalos mortos no monte, tal e como se facía antes da crise das vacas tolas, segundo indica Unións Agrarias en nota de prensa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información