
Veciños de Pesqueiras (Chantada) emitiron un comunicado no que amosan a súa preocupación pola intención dunha empresa de enerxía de instalar na parroquia unha planta de almacenamento de enerxía que funcionaría con baterías de litio.
Logo dunha xuntanza mantida con representantes da empresa, os veciños consideran “insuficiente” a información recibida e aseguran que “os propios técnicos non aclaran como se vai desenvolver o proxecto e como van resolver as dúbidas que se lles presentaron”.
Aseguran no comunicado que hai aspectos que presentan carencias como sería a distancia entre os colectores das baterías (3 metros), a inexistencia dun plan contra incendios específico, a cantidade de auga que se vai precisar para refrixerar os colectores de litio e cal vai ser a súa procedencia ou a falta de persoal de seguridade para actuar en caso de accidentes ou dun plan de evacuación veciñal.
Os veciños afirman que “non explican como se van reciclar as baterías, sendo un tema con moito
risco ambiental e de seguridade na vida das baterías. Nin plan de tratamento de residuos da planta. Tampouco un plan de illamento dun colector en caso de fuga, rotura ou incendio”.
Os veciños temen que a presenza dos colectores coas baterías de litio poida ter incidencia nos acuíferos e nos solos e cause perxuizos á actividade agrogandeira. Na zona hai explotacións de vacún de carne e de leite e tamén unha intensa actividade vitivinícola.
Polo de agora só trascendeu que a planta ocuparía unha superficie dunha hectárea e que precisaría dunha subestación eléctrica de conexión subterránea. En principio, a instalación tería unha potencia de 48,26 megavatios e unha capacidade de almacenamento de 386,07 megavatios / hora. Para eso empregarían 144 colectores de 38 m³ cunha batería en cada un. Ademais, non estaría vencellada aos proxectos eólicos proxectados na zona.
No transcurso da xuntanza, segundo os veciños, os representantes da corporación e do concello de Chantada non manifestaron intencións de presentar alegacións ao proxecto de planta que presentou a empresa promotora.
Galego









Control OJD