Preocupación no sector gandeiro polas subas do gasoil e fertilizantes

Unións Agrarias levará ás distribuidoras petroleiras ante a Comisión Nacional do Mercado e a Competencia polo que considera un incremento disparado e concertado dos prezos do combustible agrícola. Agromuralla pide que os novos contratos do leite teñan en conta a suba de custos de produción

Preocupación no sector gandeiro polas subas do gasoil e fertilizantes

Unións Agrarias prepara unha denuncia para levar ante a Comisión Nacional do Mercado e a Competencia (CNMC) ás distribuidoras petroleiras polo que considera un incremento disparado e concertado dos prezos do combustible. Unha suba que, no caso do diésel de uso agrícola, ronda o 24 % non últimos 10 días, situándose neste momento arredor de 1,50 euros/litro.

Para a organización agraria, esta escalada explosiva na cotización non ten explicación mais alá da mera especulación nos prezos, xa que todo o combustible que se está vendendo foi comprado antes do conflito no Golfo Pérsico. Unha situación que se traslada tamén aos fertilizantes, que na última semana subiron 100 euros en tonelada no caso da urea, e a outros derivados do petróleo como os plásticos agrícolas.

A organización reclama das administracións central e autonómica a posta en marcha dun plan de continxencia que coordine accións para garantir o mantemento da produción ante as graves consecuencias que se derivan da concorrencia de factores tan negativos e sobre todo da incerteza ante os escenarios futuros. Neste sentido, esixe a aplicación exhaustiva do ordenamento da Lei de Cadea no referido a suba dos custes de produción e a súa repercusión no prezo de venta en orixe dos diferentes produtos.

A forte suba de insumos non ten ido da man dunha suba dos prezos que os produtores perciben, cuestiona a organización agraria, que pide tamén un plan de enerxías renovables para as explotacións en igualdade de condicións do que dispoñen as industrias, que poden compensar cos excedentes da produción de enerxética solar unha parte do seu consumo eléctrico.

Agromuralla pide cambios nos novos contratos do leite

Desde Agromuralla, pola súa banda, piden que os novos contratos do leite teñan en conta as subas de custos que enfrontan as granxas. A asociación subliña que no caso de que as industrias manteñan as “desproporcionadas baixadas” propostas hai un mes, serán moitas as granxas que opten por reducir produción e vender vacas para sacrificio nun momento de bos prezos do vacún maior en matadoiro.

Agromuralla pide ás empresas que reconsideren a súa postura, repercutindo no prezo do leite o incremento de custos de produción que están a sufrir as granxas.

Por outra banda, a asociación amósase preocupada pola recente expansión da dermatose nodular contaxiosa a duas granxas de Aragón, pois teme que a enfermidade chegue á Cornisa Cantábrica, principal zona leiteira de España, co impacto que iso tería para as granxas e para todo o sector.

Consecuencias no agro da guerra de Irán: gasóleo, fertilizantes e plásticos encarécense

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información