Preocupación na Fruga pola incertidume ante a próxima vendima

A organización agraria considera que se debera ter convocado unha Mesa do Viño para abordar cuestións como prezos da uva, prazos de pago ou as condicións dos préstamos para adegas anunciadas pola Xunta. Demanda un protocolo no sector para previr os riscos do coronavirus

Publicidade
Preocupación na Fruga pola incertidume ante a próxima vendima

A Federación Rural Galega (Fruga) trasladou nunha nota de prensa a súa preocupación polas incertidumes que hai en torno á próxima vendima. A organización agraria considera que adegas e viticultores teñen que ter información e apoio claro por parte da Xunta, un apoio que considera que falta.

Para a Fruga, é prioritaria a convocatoria dunha Mesa do Viño na que as distintas partes do sector poidan abordar cuestións como os prezos da uva, prazos de pago ou coñecer en detalle o ‘préstamo vendima’ anunciado estes días pola Consellería do Medio Rural.

Medio Rural anunciou que as adegas poderán optar a un préstamo en condicións vantaxosas para financiar a compra de uva. Trataríase dun préstamo cun ano de carencia e a devolver en catro anos. Desde a Fruga demandan información sobre os custos financieiros que ese préstamo terá para as adegas, pois entenden que tras o anuncio da Xunta hai “letra pequena” que falta por coñecer. “Parece claro que o primeiro sector que se vai beneficiar desta medida será a banca”, valoran.

A organización agraria propón, en calquera caso, que o acceso a eses préstamos estea ligado a uns compromisos de prezos da uva e prazos de pago ós viticultores por parte das adegas.

Protocolo na vendima fronte ó coronavirus
Outra cuestión que preocupa á Fruga é a ausencia -din- dun protocolo nos traballos de vendima fronte ó coronavirus. A organización agraria sinala que lle solicitou por escrito eses protocolos a Sanidade e Medio Rural o pasado 17 de xullo, sen obter resposta ata o de agora.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información