Preocupación entre os apicultores pola posible chegada de novos parásitos letais procedentes de Asia

Trátase de dous ácaros da variedade Tropilaelaps spp que poderían chegar ata as colmeas da península en menos de tres anos. IBERIENSIS solicita que se valore a prohibición de importar abellas para frear o avance dos parásitos

ACARO ABELLAS

A Federación de asociacións de criadores de abella negra ibérica IBERIENSIS, manifesta nun comunicado a súa “ enorme preocupación polas consecuencias sanitarias que pode conlevar a importación de abellas e raíñas de terceiros países debido a novas patoloxías que se están a estender dende Asia.”

IBERIENSIS -na que está integrada a asociación AMIGA, de criadores de Apis mellifera Iberiensis de Galicia– advirte da posible chegada aos apiarios españois de dúas especies de ácaros denominados Tropilaelaps spp que se están a espallar de xeito sostido e implacable dende países asiáticos e que “nestes momentos atópanse ás portas do leste de Europa.”

A federación de criadores reclama que se tomen medidas dende as administracións públicas. “Se non se actúa de xeito inmediato, estímase que en tres anos estará presente no noso país. Sen embargo, esta difusión pode verse acelerada como consecuencia da actual e descontrolada importación de abellas.”

IBERIENSIS sinala que estas novas doenzas implican serios problemas para unha cabana apícola que xa se enfronta a outras ameazas como a varroa ou a vellutina. “Por un lado está a necesidade de novos tratamentos zoosanitarios para combatela, o que derivará en maiores custos de produción.”

E, advirten os críadores, pódese causar unha perda cada vez máis intensa do patrimonio xenético debida á contaminación causada pola introdución de razas de abellas foráneas que tamén traen con elas novas enfermidades.

Nesta situación, IBERIENSIS solicita ao Ministerio de Agricultura que se extremen os controis ante os Tropilaelaps spp e que se valore a posibilidade de prohibir a importación de abellas, dada a imposibilidade de ofrecer garantías sanitarias.

A Federación conclúe que “a mellor e máis sustentable maneira de axudar ao sector apícola é apoiar a difusión e mellora da abella negra autóctona pola súa resiliencia e a súa maior capacidade de adaptación ás nosas floracións nun contexto de cambios climáticos e sanitarios.”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información