
A maioría de membros do Consello Regulador das IXPs Ternera Gallega e Vaca Galega-Boi Galego está dacordo coas reclamacións das agrupacións gandeiras que estes días se mobilizan polo Tratado comercial entre a UE e Mercosur. A principal preocupación está nas posibles consecuencias para o sector, “ao favorecer a entrada de carne de terceiros países que teñen normativas e controis de calidade, de sostibilidade e de benestar animal moito menos esixentes que en Europa.”
Medidas efectivas e recíprocas para poder competir en igualdade de condicións e garantir a seguridade alimentaria, e a viabilidade e o futuro do sector. Eso é o que piden desde as IXPs Ternera Gallega e Vaca Galega-Boi Galego.
Segundo a entidade, o acordo con Mercosur “vai facilitar a entrada no mercado europeo de carne de América do Sur, que ten uns custos de produción máis baixos, pero tamén con menores requisitos en cuestións sanitarias, medioambientais ou laborais. Esta situación pode supoñer unha ameaza para o sector de vacún de carne de Galicia, polo que o Consello Regulador esíxelle ás Administracións salvagardas e controis reais e eficientes que eviten posibles situacións de competencia desleal.”
O Consello fai un chamamento á UE para seguir apostando pola soberanía alimentaria propia e pola defensa do valor engadido que achegan as Indicacións Xeográficas Protexidas, vinculadas cunha forma de producir tradicional, con pequenas e medianas gandarías e cebadeiros de carácter familiar.
A día de hoxe hai 8.000 explotacións inscritas en Ternera Gallega, boa parte delas situadas en zonas de media e alta montaña, que axudan a fixar poboación no territorio e a manter vivo o campo galego, din dende as IXP.
O presidente do Consello Regulador, Jesús González, reclama a carne de vacún galego como un produto de proximidade e sinala que “non podemos estar de acordo co paradoxo de que o sector gandeiro reciba críticas polo seu impacto ambiental e que deba cumprir coas lóxicas esixencias que aminoren as súas emisións, cando, ao mesmo tempo, con este Tratado, a Unión Europea está favorecendo a importación de carne desde países de América do Sur, coa pegada ambiental que iso supón dada a súa distancia xeográfica”

Dende as IXP reivindican a total garantía que ofrece o vacún de carne galego aos consumidores
González insistiu en reivindicar a fórmula trazabilidade + control + certificación = Garantía. E lembra que “as gandarías inscritas en Ternera Gallega e en Vaca Galega-Boi Galego distínguense por ofrecer un produto de gran calidade e por garantir a súa orixe e rastrexabilidade en base ao sistema de control e de certificación que o Consello Regulador aplica en todas as fases da cadea.”
As Indicacións Xeográficas, identificadas polos seus logotipos propios e polos selos europeos de calidade, “sempre serán a maior das garantías para os consumidores. Por iso é necesaria unha maior implicación e esforzo das administracións públicas europeas, estatais e autonómicas para apoiar e defender os produtos de calidade diferenciada e a transparencia no mercado.”
A voltas coa PAC
O Consello Regulador tamén expresa o seu acordo coas demandas do sector para que Europa manteña cando menos o actual nivel de financiamento para o novo período da PAC, e que se conserven os piares que respaldan as axudas directas e as axudas de desenvolvemento rural.
E reivindican unha maior estabilidade nas políticas que afectan ao sector primario e que se simplifiquen os trámites da PAC, “reducindo as excesivas esixencias burocráticas actuais que afectan negativamente aos gandeiros e gandeiras, así como que haxa unha dotación orzamentaria potente que fomente, de verdade, a incorporación da mocidade ao sector primario”
Galego









Control OJD