Usaga fai un chamamento á calma e á reflexión despois da situación acontecida en Tineo en relación coa Tuberculose Bovina, co baleirado sanitario dunha granxa de 160 animais. “Unha prevalencia desta enfermidade por debaixo do 1% é unha situación sanitaria excelente da nosa cabana gandeira. Non existe ningún risco de contaxio da enfermidade á poboación, sendo recoñecido nos propios informes anuais do Ministerio de Sanidade como un risco irrelevante”, defenden.
“Os baleirados sanitarios non supoñen unha solución, arruinando as explotacións afectadas e ó sector. A tuberculose bovina non se erradicará por moitos animais que se sacrifiquen, e a ineficacia do protocolo de Tineo xa quedou demostrada no concello de Parres, así como noutros territorios fóra da nosa rexión. Se co protocolo anterior foi posible alcanzar o status de rexión indemne, debemos reformular o novo protocolo antes de que poida levarnos a un sacrificio inútil de animais e a graves consecuencias para o concello afectado polo mesmo” -expón Usaga-. “Non nos opoñemos ao sacrificio de animais positivos, non obstante, sobre o resto dos animais son necesarias outras pautas de seguimento que permitan controlar o bacilo antes de adoptar medidas drásticas en toda a explotación.
A tuberculose bovina non se erradica, controélase. Por este motivo, é urxente elaborar un plan de prevención sobre a fauna silvestre, orixe do problema”.
Usaga trasladará á Consellería as súas propostas concretas neste aspecto, así como en relación ás actuacións sobre a caza, fiscalidade, baremos de indemnizacións xustas, movementos de animais, etc. Tamén pedirá a revisión dos protocolos e outras actuacións, defendendo os intereses profesionais dos gandeiros.