Máis de 250 persoas déronse cita esta tarde no restaurante A Carballeira de Santa Cruz, en Santa Cruz de Arrabaldo, para asistir á entrega dos XIII Premios D.O. Ribeiro, unha gala para “brindar, rir e, por suposto, recoñecer os incribles talentos que fan posible que podamos gozar destes magníficos viños”, e celebrar a “calidade do viño D.O. Ribeiro e das persoas que o fan posible”, tal e como lembraron os presentadores, o actor Fede Pérez e a actriz, modelo e presentadora Cristina Maró.
Nunha cerimonia na que non faltaron as actuacións do músico Xabier Díaz ou a proxección dun vídeo sobre a Ruta do Ribeiro, os asistentes aplaudiron o bo facer de todos os premiados e brindaron un ano máis polos logros conseguidos durante este último ano polo Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, que tal e como sinalou a presidenta, Concha Iglesias, “atravesa un bo momento, e proba diso son os recoñecementos a nivel nacional e internacional que están a obter os nosos viños, como os máis recentes, os 36 galardóns no concurso Decanter de Londres”.
Durante a súa intervención, a presidenta, que agradeceu o labor desenvolvido polo seu predecesor, Juan Manuel Casares, durante os últimos sete anos, quixo confirmar a súa aposta desde a presidencia para continuar co traballo que se veu desenvolvendo durante os últimos anos “tratando de sacar adiante os proxectos que tiñamos fixados na etapa anterior, na que nos consolidamos como entidade moderna”.
Convencida de que “imos polo bo camiño”, Iglesias confirmou o seu obxectivo de dedicar os esforzos do Consello a “acrecentar a visibilidade da D.O. Ribeiro dentro e fóra das nosas fronteiras, e buscar solucións ás complicacións que poidan ir xurdindo”, recoñecendo o apoio das institucións, entre elas a Xunta de Galicia, representada no acto pola conselleira de Medio Rural, María José Gómez; Deputación de Ourense, ABANCA ou Galicia Calidade, e confiando en que “sigan apoiando este proxecto para obter os mellores resultados”.
Un agradecemento que fixo extensible ao pleno do Consello Regulador nesta nova etapa para “seguir mirando o futuro e traballando todos xuntos”, e a todos os premiados pola súa “profesionalidade” e “colaboración constante”, antes de despedirse brindando “pola excelencia, polo futuro e polo Ribeiro”.
Pero sen dúbida e xunto ao Ribeiro, os grandes protagonistas da velada foron os premiados nesta décimo terceira edición, que foron subindo ao escenario para recoller os seus correspondentes galardóns entre os calorosos aplausos do público.
Os primeiros, os responsables dos establecementos hostaleiros galardoados, La Cantina de Almacén Concept Store, de A Coruña; Arjeriz, de Vigo, e Glabistró de Ourense, seguidos polos recoñecementos ás adegas da D.O Ribeiro, ás persoas e entidades que traballan a favor da cultura do viño.
Así, o Premio O Ribeiro en Nós distinguiu o labor da Asociación Galega de Enoloxía, que agrupa a todo o colectivo profesional dedicado á vitivinicultura, técnicos e enólogos, representada polo seu presidente. David Pascual, mentres que o Premio Vida entre Vides, para reivindicar a figura do viticultor e xerar oportunidades para mellorar a súa calidade de vida foi para as mulleres do Ribeiro, “un premio que se fai extensible a todas e cada unha delas, representadas nas Asociacións de Mulleres do Ribeiro adscritas á Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense (FEMURO) coa que comparten obxectivos, seguido polo Premio Mellor Tarefa de Comunicación que foi para o Grupo Gourmets.
E un ano máis o Ribeiro quixo recoñecer o papel de tantas mulleres que ao longo dos anos foron parte indispensable de todas e cada unha das vides que dan vida ao Ribeiro, premiando nesta edición á sumiller Silvia García Guijarro, Head Sommelier do Hotel Mandarin Oriental Ritz e unha das vinte mellores Top 100 Sommeliers de España.
Finalmente, o xornalista Fernando Ónega, subiu ao escenario para recoller a súa distinción como Persoeiro de Honra, asegurando que é un galardón que lle resulta “moi emocionante” por varias razóns, entre elas porque “todos os viños de Galicia son bos, pero o Ribeiro é o noso orgullo de nación”, definíndoo como “o sabor de sempre da terra” e a “medicina que temos os emigrantes para curar a enfermidade da morriña, e volver contraela para que o Ribeiro volva curala”.
Para Ónega o Ribeiro é hoxe “un prodixio de renovación”, explicando que “non hai adega en España que non se renovase nos últimos vinte ou trinta anos, pero este Consello Regulador”, dixo, “experimentou unha transformación histórica. Non hai máis que pasar polas estradas para velo.
“E cando se fala de Galicia calidade, os mellores exemplos e máis brillantes están nas adegas e na paisaxe dos viñedos”, agradecendo ao Consello Regulador “o que facedes polo prestixio desta sacra familia”.
VIÑOS GAÑADORES
Pero o momento máis esperado da velada chegou como sempre coa entrega dos Premios D.O. Ribeiro 2024 da Cata Oficial, celebrada no Consello Regulador, e que consta de dúas fases, unha precata na que participan todas as mostras presentadas a concurso e unha cata final. Dirixida a viños brancos da colleita 2023 e viños tintos das colleitas 2023 e 2022, resultaron gañadores Catro Parroquias Godello 2023 de Loeda como mellor viño branco adega, Señorío de Beade Mencía 2023 de A Portela como mellor viño tinto adega, Mauro Estévez 2023 de Adega José Estévez como mellor viño branco colleiteiros e Elisa Collarte 2023 de Gumersindo Diéguez Collarte como mellor viño tinto colleiteiros.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, foi a encargada de clausurar a gala deste ano afirmando que este evento serve para “recoñecer o traballo ben feito dos viticultores, os adegueiros, as persoas e entidades vinculadas dun xeito ou outro con esta denominación de orixe, algo que é realmente satisfactorio”. Ademais, trasladou os seus parabéns aos premiados e a “todos os que facedes posible o éxito dos viños do Ribeiro”, asegurando que o Goberno galego seguirá colaborando estreitamente con esta denominación de orixe, así como fai coas outras, a través das diferentes liñas de axudas, iniciativas como a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas ou a aposta pola promoción nos diferentes mercados.
Todos os presentes quedaron emprazados para a próxima edición, antes de compartir un cóctel regado cos viños finalistas da Cata Oficial dos Viños do Ribeiro, que son os que figuran a continuación (incluir únicamente en la nota final)
Categoría Viño Branco Adegas
A Telleira Godello 2023 – Campante
Catro Parroquias Godello 2023 – Loeda
Eduardo Peña 2023 – Eduardo Rodríguez y Luz Cánovas
Ramón do Casar Varietal 2023 – Ramón do Casar
Sanclodio 2023 – Viñedos Sanclodio
Torre do Olivar Expresión 2023 – Pazo do Mar
Categoría Viño Branco Colleiteiros
Canción de Elisa 2023 – Adega Dona Elisa
Cordón de Santo André 2023 – Gumersindo Diéguez Collarte
Cuñas Davia 2023 – Adegas Valdavia
Mauro Estévez 2023 – Adega José Estévez
Mónica Albor Treixadura Godello 2023 – Mónica Albor López
Sameirás 2023 – Adega Sameirás
Categoría Tinto Adegas
Casal de Paula 2023 – Emilio Docampo Diéguez
Cotarelo 2023 – Benigno Ríos Mosquera
Lapso 2022 – Emaleiga
Preto de Leive 2022- Leive Ecoadega
Señorío de Beade Mencía 2023 – A Portela
Viña Reboreda Mencía 2022- Campante
Categoría Tinto Colleiteiros
Elisa Collarte 2023 – Gumersindo Diéguez Collarte
Manuel Rojo 2022 – Adega Manuel Rojo
Outeiro da Barra 2023 – Fernando Cibeira Estévez
Sameirás 2022 – Adega Sameirás
Son de Arrieiro 2022- Xulia Mar Bande Pivida
Tinalla 2023- Javier Estévez Abeledo