Máis de 200 persoas asistiron esta tarde á gala dos XV Premios D.O. Ribeiro celebrados no Auditorio Mar de Vigo, escenario elixido polo Consello Regulador para levar a esencia do Ribeiro a novos escenarios e achegar a súa cultura vitivinícola. Así o afirmou a súa presidenta, Concha Iglesias, lembrando que os galardóns pretenden recoñecer a todas as persoas e entidades que “contribúen a facer máis grande a nosa denominación”.
Iglesias aproveitou a súa intervención para destacar algunhas das principais preocupacións do sector, como a perda de rendibilidade da viticultura, “que dificulta a remuda xeracional e favorece o abandono de viñedos”, e para falar dos desafíos derivados do cambio climático, “que esixen unha maior formación e adaptación por parte de viticultores e adegas” e da necesidade de “manter o noso compromiso co fortalecemento da visibilidade de Ribeiro nos mercados nacional e internacional, apostando pola calidade, as variedades autóctonas e o consenso”.
Ademais, a presidenta do Consello Regulador lembrou os bos resultados obtidos o último ano, con “unha maior presenza en feiras internacionais e salientables recoñecementos en concursos de prestixio”, antes de agradecer “o labor de todos os galardoados e galardoadas que comparten o noso mesmo obxectivo, transmitir o valor dun territorio único e duns viños que son historia, cultura e futuro”.
Entre eles atopábanse a sumiller e formadora Manuela Romeralo, Premio Universo Sumiller “polo seu defensa das variedades autóctonas e a súa aposta polos viños de Ribeiro na alta gastronomía”; o viticultor Ramón Senra Pereiras, Premio Vida entre Vides “en recoñecemento a máis de catro décadas dedicadas ao cultivo da viña e á preservación da tradición vitivinícola”; a Asociación Galega de Sumilleres (AGASU), distinguida co Premio Ribeiro en Nós, que recolleu Juanjo Figueroa, “polo seu labor prescritor e divulgador, achegando os viños do Ribeiro a consumidores e profesionais”, e a Guía Paadín, Premio Mellor Tarefa de Comunicación “polo seu labor divulgativo e de promoción da calidade, identidade e diversidade dos viños do Ribeiro”.
Así mesmo, foron recoñecidos os establecementos vigueses Detapaencepa, AVeleira Viños e O Capitán, polo seu compromiso coa difusión e o servizo dos viños de Ribeiro.
A cerimonia incluíu ademais un recoñecemento especial a José Peñín, nomeado Persoeiro de Honra, “pola súa extraordinaria traxectoria na divulgación da cultura do viño” e por “a súa decisiva contribución á proxección e prestixio do D.O. Ribeiro, tanto entre consumidores como entre profesionais do sector”.
“Vivimos un momento cheo de desafíos, pero tamén con moitos motivos para mirar o futuro con optimismo”, afirmou Concha Iglesias, animando aos asistentes para “seguir traballando xuntos para que o Ribeiro continúe sendo un referente de calidade, autenticidade e innovación, sen perder nunca de vista a quen fai posible co seu esforzo diario, que esta denominación siga crecendo xeración tras xeración”.
A gala, presentada por Lucía Rodríguez e Duarte Galbán, contou coa asistencia do alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o delegado da Zona Franca de Vigo, David Regades; así como a xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, e de Agacal, Martín Alemparte, entre outros, e estivo amenizada pola música de Eladio y Los Seres Queridos e Señora Dj, que ambientou o cóctel na terraza.
VIÑOS GAÑADORES
Por outra banda e como xa vén sendo tradicional, durante a gala déronse a coñecer os viños premiados na Cata Oficial, converténdose nun dos momentos máis aplaudidos da cerimonia.
A gala dos XV Premios D.O. Ribeiro pon fin á Semana do Ribeiro celebrada en Vigo, que incluíu un Túnel de Viños con máis de 50 referencias, e catas guiadas dirixidas por sumilleres e catadores expertos.
Galego









Control OJD