Premios á alimentación saudable ‘Impulsando Galicia’

A Universidade de Santiago e a industria Larsa (Capsa) convocan un certame dirixido a promover a innovación en produtos lácteos e en aspectos tecnolóxicos da cadea do leite

Premios á alimentación saudable ‘Impulsando Galicia’

Acto de presentación do certame. / Imaxe: USC.

O Campus Terra da Universidade de Santiago, ubicado en Lugo, e a Corporación Alimentaria Peñasanta (Capsa), a través da súa factoría Larsa, veñen de poñer en marcha os premios de innovación ‘Impulsando Galicia’. A iniciativa, que declara buscar unha alimentación saudable, está aberta á presentación de proxectos nun amplo abano de campos. Desenvolvemento de novos produtos lácteos, innovacións tecnolóxicas en ganderías e procesado do leite ou melloras nos puntos de venda son algunhas das cuestións que se sinalan nas bases do certame.

Poden participar no concurso tanto estudantes como emprendedores, profesionais e mesmo empresas de calquera parte de España. O prazo de presentación de proxectos ábrese o 2 de maio e conclúe o 2 de xullo. De entre as ideas presentadas, que deberán orientarse a Asturias ou Galicia, Capsa e a USC seleccionarán as mellores, que se desenvolverán nunha segunda fase.

Os tres proxectos mellor valorados polo xurado recibirán premios de 5.000, 3.000 e 1.000 euros, respectivamente. O fallo da primeira edición deste certame darase a coñecer en xullo de 2018 e, no caso de que Capsa acorde desenvolver e comercializar os produtos que figuren nos proxectos gañadores, a compañía compartirá unha porcentaxe dos beneficios xerados cos seus promotores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información