Premio de intervención na paisaxe da Fundación Juana de Vega

O galardón distinguirá este ano intervencións en espazos exteriores. En próximos anos, o certame adicarase a recoñecer vivendas unifamiliares, así como intervencións privadas no espazo construido

Premio de intervención na paisaxe da Fundación Juana de Vega

Presentación do premio, con presencia da conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato.

A Fundación Juana de Vega presentou a edición 2016 do seu Premio de Intervencións na Paisaxe, que busca poñer en valor e mellorar a calidade paisaxística do territorio. O galardón distinguirá este ano intervencións en espazos exteriores. En próximos anos, o certame adicarase a recoñecer vivendas unifamiliares, así como intervencións privadas no espazo construido.

O presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez, lembrou os comezos do premio, no ano 2004: “Daquela había moitas construcións que se facían sen demasiado criterio e decidimos destacar o que se facía ben –comentou–; aquela primeira pegada foi tamén o que nos fixo mirar para a paisaxe e, no 2008, creouse a Escola Galega da Paisaxe, que hoxe é a envexa de moitos fóra de Galicia, cun máster que é unha referencia en España”.

Pola súa banda, Isabel Aguirre, directora da Escola Galega da Paisaxe, resaltou a importancia da paisaxe como un “recurso socioeconómico de enorme potencial” e explicou as bases do premio da Fundación Juana de Vega, que pretende facer un especial fincapé “na sostibilidade e na economía dos materiais”.

Bases
O Premio Juana de Vega de intervencións na paisaxe busca poñer en valor e mellorar a calidade paisaxística do territorio, como recoñecemento a aquelas intervencións no patrimonio natural e construído que contribúan a mellorar a calidade dos elementos que configuran a paisaxe de Galicia e sirvan de referencia social para futuras intervencións.

Este ano 2016 o premio convócase para a categoría de intervencións en espazos exteriores.

O xurado valorará a calidade da intervención e a súa contribución á mellora da paisaxe, a incorporación de criterios de sostibilidade, a economía no uso dos materiais, a posta en valor dos elementos construídos.

Dotación económica
O premio ten unha dotación económica de 6.000 euros, podendo concederse tamén dous accesits de 1.500 euros.

Para esta edición do premio, o prazo rematará o 30 de xuño e poderán concorrer aquelas intervencións en espazos exteriores que se rematasen dentro dos cinco anos anteriores á convocatoria. As candidaturas poderán ser presentadas desde hoxe polos autores das mesmas, os promotores, ou calquera persoa ou entidade que teña coñecemento de intervencións en espazos exteriores que consideren que son merecedoras do galardón.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información