
Derek e Catherine Hayward na súa granxa da illa norte de Nova Zelandia
Premier Cattle é unha explotación mixta de Waikato, na illa norte de Nova Zelandia, adicada á produción de leite e de carne. O matrimonio formado por Derek e Catherine Hayward comezaron coa gandería leiteira en réxime compartido coa familia propietaria da granxa e das terras e decidiron despois ampliar o negocio coa produción de carne.
Traballan actualmente 310 hectáreas de terreo, 160 destinadas ao rabaño de leite (unhas 480 vacas en produción) e 150 ao de carne (120 vacas nodrizas máis os becerros, que venden aos 11 meses de idade).
A base da alimentación do gando, tanto do de leite coma do de carne, é o pasto e para o manexo dos animais contan coa axuda de dúas persoas contratadas a tempo completo. “Unha das fortalezas da nosa granxa é a nosa relación cos nosos empregados e a súa formación. Levan xa 6 anos traballando aquí”, destaca Catherine.
As quendas para os traballadores son de 11 días, con 3 de libranza despois
As quendas de traballo son de 11 días, seguidos de 3 días libres. A maiores, dispoñen de 4 semanas de vacacións, o que suma un total de 100 días de libranza ao ano. “Procuramos ser flexibles para telos contentos e que veñan motivados a traballar ao día seguinte”, di. Os horarios son de 5 da mañá ás 4 e media da tarde, cunha hora de descanso para almorzar e outra para xantar, salvo en plena tempada de partos, no que os tempos son máis apurados.
Sistema de muxido compartido ao 50%
A xestión da explotación leiteira segue o sistema de muxido compartido (sharemilking), habitual en Nova Zelandia. Neste caso é ao 50%, de xeito que os Hayward, que traballan na granxa, reparten mensualmente o cheque do leite coa familia dona das terras e as instalacións da granxa. Levan así 17 anos, con contratos que se prorrogan cada 5 (o habitual en Nova Zelandia é facelo cada 3 anos), e Catherine destaca a boa relación e entendemento entre as dúas partes.
A duración dos contratos de sharemilking máis habitual en Nova Zelandia é de 3 anos pero neste caso renovan cada 5
A dona da granxa é quen decide a quen se lle vende o leite, porque se os Hayward optan por marchar trala finalización do contrato de alugueiro das instalacións é a propietaria da granxa a que queda co contrato de venda do leite. Na actualidade véndenlle o leite a Open Country, unha empresa competencia de Fonterra, a cooperativa maioritaria no país.

O camión cisterna da empresa Open Country, recollendo o leite na granxa
“Nos últimos 17 anos só houbo dous momentos nos que cobramos o leite por baixo do que paga Fonterra”, destaca Catherine. Open Country ten un prezo máis estable de xullo a outubro, unha época na que o de Fonterra acostuma ser máis variable. Pola contra, tamén é un pouco máis baixo na primavera, per é a época do ano no que o custo de alimentación do gando tamén é máis barato.
A industria á que venden o leite, competencia de Fonterra, elabora queixo para exportación
Deste xeito, cobran 6 meses o leite a un prezo e outros 6 a outro. O importe final oscila entre os 8 dólares neozelandeses (aproximadamente 4 euros) por quilo de sólidos na primavera e o verán e os 9,5-10,1 dólares no inverno, no que cobran unha prima extra por producir nesta época do ano, na que a produción leiteira de Nova Zelandia cae en picado por coincidir co período seco da maioría da cabana gandeira de leite do país.

A propia industria leiteira xa divide cada mes o cheque en dúas metades e ingresa a cadaquén a súa parte correspondente. No caso das vendas de becerros ou de vacas de desvelle, os ingresos son integramente para a Derek e Catherine.
En canto aos gastos, a alimentación do gando é a partes iguais, ao igual que os cultivos (laboreo e sementes). Para o peche das fincas, a dona pon o material e Derek o traballo de facer os peches e o seu mantemento. Os investimentos nas instalacións, por exemplo a sala de muxido instalada no ano 2016, van por conta da propiedade, ao igual que as avarías, pero a limpeza é cousa dos Hayward, o mesmo que a luz, a maquinaria, o gando e os medicamentos. “Tratamos de que haxa unha tendencia á equidade no contrato”, insiste Derek.
Concentración de partos

Sala de muxido da explotación, instalada no ano 2016, a primeira de Nova Zelandia deste modelo de DeLaval
As vacas leiteiras son de raza holstein, de xenética norteamericana e canadense, e a produción media sitúase en 500 kg de sólidos por vaca e ano. Contan con 2 tempadas de partos (o 40% das vacas paren no outono e o 60% na primavera) e as que non quedan preñadas son vendidas no mes de setembro. As razóns de descarte teñen que ver coa fertilidade, as patas e a eficiencia no muxido.
Na sala de muxido teñen un filtro de area para decantar os sólidos e cos efluentes líquidos fan fertirrigación
As vacas paren nos prados e unha vez ao día van e recollen os xatos para traer para a casa. Son alimentados 2 veces ao día con 4 litros en cada toma. O concentrado que dan ás vacas ten unha alta porcentaxe de magnesio para evitar os problemas de febre do leite.
Só 3 kg de penso

Tratan de reducir ao máximo a compra de insumos externos. De feito, a granxa está considerada no nivel 2 de autosuficiencia alimentaria. Só suplementan con 3 kg de concentrado por vaca na sala de muxido, pero o resto da alimentación é de produción propia.
O que damos na sala ten que ser un complemento, nunca un substitutivo da herba
O penso ten un 14% de proteína (leva DDG, torta de palmister, soia e salvado de trigo) e págano a 470 dólares neozelandeses (uns 235 euros) a tonelada. “Suplementamos para ter un pouco máis de enerxía na ración, pero o que damos na sala ten que ser un complemento, nunca un substitutivo da herba”, afirma Derek.
O seu obxectivo é producir o máximo leite posible co tipo de vaca que teñen e optimizando a produción de herba en todas as súas formas: pacida, ensilada ou conservada en seco. “Os efectos do cambio climático están aí e nesta zona o chan é moi areoso e vólvese moi seco no verán, sobre todo no mes de xaneiro, xa que a altura de solo aquí é moi pequena”, admite.
Unha vez ao ano, no verán, pasan unha segadora de disco ás parcelas onde pacen as vacas para eliminar os rechazos
Dan a mesma cantidade de concentrado a todos os animais durante toda a lactación, agás ás xovencas nas que aportan un extra nas primeiras 2-3 semanas, e a medida que o pasto vai secando abren o silo de herba. Para esta suplementación, ensilan unhas 250 toneladas de silo de herba e cultivan 22 hectáreas de millo para silo.
Os turnos de pastoreo varían ao longo do ano entre os 20 e os 40 días, en función de como vai medrando a planta pero sen forzala en ningún momento. “Non medimos as alturas de entrada e saída nas parcelas, pero para min un síntoma de que se pace ben é que sempre haxa algo de rechazo no momento de saír as vacas da finca”, di.
Unha vez ao ano, no verán, corta a herba sobrante (topping). “Sego con disco, non desbrozo con martelos para non destrozar o trebo”, explica. Van probar tamén un aireador de espiña para reducir a presenza de lavazas, xa que é unha mala herba á que non lle gusta isto, asegura Darek.
Creo máis no nitróxeno natural que aporta o trevo que no químico
Derek usa o mínimo posible de nitróxeno químico como fertilizante, aplicando unicamente 100 unidades de urea, que supoñen 46 unidades de nitróxeno. “Creo máis no nitróxeno natural que aporta o trevo”, afirma. A maiores, bota tamén 3 unidades de potasio e 40 de fósforo. Dispón de 40 zonas de testaxe para axustar as doses a cada parcela.
Están concienciados con levar a cabo prácticas máis respectuosas co medio ambiente e a biodiversidade. Queren tamén plantar máis árbores e sebes nos peches das fincas. “Ao anterior gandeiro que estivo nesta granxa non lle gustaban os setos, por iso hai moi poucos”, explica Derek.
Diversificación coas razas de carne Murray Grey e Speckle Park
Logo de coller en réxime compartido coa propietaria a granxa leiteira, Derek e Catherine decidiron diversificar a súa fonte de ingresos cunha explotación de carne que neste caso sen embargo é propiedade súa ao 100%.
Dispoñen dun rabaño de 120 vacas reprodutoras e 7 touros para os dous lotes nos que teñen divididas as nodrizas. O gando está todo o ano fóra e a nivel sanitario, é obrigatorio en Nova Zelandia pasar o saneamento gandeiro de tuberculose en animais de máis de 2 anos de idade.
Traballan con razas puras e ademais dos becerros para carne, venden tamén machos como sementais e embrións
Traballan con dúas razas, a Speckle Park, introducida no 2013, e a Murray Grey introducida no 2020. A Speckle Park é unha raza canadense moderna de gando vacún. Desenvolveuse na provincia canadense de Saskatchewan a partir de 1959, por cruzamento das razas británicas Aberdeen Angus e Shorthorn.
En canto á Murray Grey é unha raza australiana de gando vacún de carne. Orixinouse entre 1905 e 1917 no val superior do río Murray, na fronteira entre Nova Gales do Sur e Victoria. É semellante en aparencia á Aberdeen Angus, da que deriva en gran parte, pero de cor gris ou prateada.
A raza Murray Grey é xeneticamente idéntica á angus, con capa escura pero co pelo gris, polo que é máis tolerante á calor
Ao igual que a angus, a raza Murray Grey tamén ten a pel negra, pero o pelo, no canto de ser negro, é gris, polo que non absorbe tanta calor. Desta maneira, as vacas son máis tolerantes á calor nos meses do verán.
Logran unha media de 6-7 partos por vaca

Chapeando un dos becerros recén nacidos
Nas vacas de carne tamén fan concentración de partos, apartando os touros e as que non quedan preñadas mándanas ao matadoiro. As vacas paren nos meses de xullo e agosto e destetan os becerros en marzo, arredor dos 6 meses.
Aproveitan os pastos de montaña para o rabaño de carne e para a recría da granxa de leite. Dispoñen dunhas 150 hectáreas de superficie nos outeiros de Whitehall, entre Cambridge y Karapiro, onde teñen as reprodutoras e os xatos. Véndenos aos 11 meses, e cébanos con herba e unha pequena suplementación só no inverno.
Non ceban os xatos da granxa de leite, senón que os venden a outros cebadoiros con 10 días de vida
O prezo dos animais de carne sitúase neste momento en Nova Zelandia arredor dos 7,20 dólares neozelandeses (3,60 euros) /kg canal. Venden só unha vez ao ano, nos meses de setembro e outubro, cando os becerros acadan os 350 kg de peso vivo, cuns ingresos medios duns 1.240 dólares por becerro (uns 650 euros).
“Sei que perdo crecemento ao vender a esa idade, pero venme ben nesta época porque así libero espazo nos pastizais para as vacas nodrizas nos meses nos que escasea a herba no verán e reduzo a carga de traballo”, xustifica. No caso das vacas de desvelle, as que non quedan preñadas, acadan os 300 kg canal e suponlle uns ingresos duns 1.200 dólares.
Para explotar o potencial xenético do seu rabaño, fan subastas e vendas de animais para vida na propia granxa e os fillos de Derek e Catherine, Max e Jake, de 19 e 14 anos, xa participan nos concursos de gando e outros eventos aos que acode a explotación.
Galego









Control OJD