Premiados 30 viños galegos no Concurso Mundial de Bruxelas 2021

A DO Ribeiro, con 12 viños destacados, foi a máis premiada das cinco denominacións vitivinícolas galegas

Publicidade
Premiados 30 viños galegos no Concurso Mundial de Bruxelas 2021

Un total de 12 viños do Ribeiro lograron algunha medalla nesta edición.

Un total de 30 viños galegos resultaron premiados na 28 edición do Concours Mondial de Bruxelles, un dos destacados concursos no mundo do viño, que se celebrou do 17 ó 27 de xuño en Luxemburgo e cuxos resultados acaban de coñecerse. En concreto, os viños elaborados en Galicia lograron 1 gran ouro, 10 medallas de ouro e 19 pratas. O único Gran Ouro foi para o viño Cinco Punto Uno-Blend 2018 da adega Bargiela Bienati, asentada en Salvaterra do Miño.

A Denominación de Orixe (DO) Ribeiro foi a gran triunfadora de Galicia ó lograr 12 medallas, catro ouros e oito pratas. En concreto, os catro ouros recaeron nos viños da colleita 2020 Priorato de Razamonde blanco, da adega Priorato de Razamonde e Ramón do Casar varietal, da adega Ramón do Casar. O viño da colleita 2019 Pazo Tizón de Pazo Tizón, S.L.U. e o viño 2017 Ramón do Casar Lento, de Ramón do Casar, recibieron tamén a importante distinción dourada.

Por outro lado, os oito galardóns de prata foron para catro viños da colleita 2020: Alter, de Priorato de Razamonde; Benedictus Fructus Barrica, de Adegas Val de Souto, Gran Alanís, de Adega Alanís e Tamborá Godello, de Viña Costeira. Os catro viños restantes galardoados son da colleita 2019: Finca Viñoa, de Pazo de Casanova; Pazo Tizón Cuvée Ed. Especial, de Pazo Tizón; Señorío da Vila y Viña do Campo barrica, ámbolos dous de Adegas Docampo.

“Por tercer ano consecutivo, a D.O. Ribeiro recibe uns grandes recoñecementos neste concurso internacional, convertíndose na denominación de orixe máis galardoada de tódalas galegas. Isto recórdanos o claro camiño ascendente do Ribeiro nos últimos anos”, sinala o presidente do Consello Regulador do Ribeiro, Juan Casares, ante estes resultados.

A DO Rías Baixas fíxose nesta edición cun total de 9 premios, 4 ouros e 5 pratas. En concreto, os ouros foron para Paco & Lola Vintage 2015 e N12 Paco&Lola 2020, da adega Paco&Lola. A adega Rectoral do Umia foi a outra premiada, polos seus viños Rectoral do Umia de 2020 e Viñabade 2020.

En canto ás pratas foron para: Sin Palabras 2018, elaborado pola adega Castrobrey; Pazo dos Celtas 2020 de Bodega y Viñedos Veiga da Princesa SL; Martín Códax 2020, de Bodegas Martín Códax; Granbazán Limousin 2017 da adega Granbazán; e La trucha barrica 2017, de Notas Frutales Albariño SLU.

Na DO Valdeorras contabilizáronse 1 medalla de ouro e 3 pratas. O viño Mil Ríos Barrica Godello 2017, da adega Terriña, obtivo o ouro. A mesma adega elaborou Mil Ríos Godello 2020 que conseguiu unha medalla de prata. As outras dúas distincións foron para Joaquín Rebolledo Godello 2020, de Bodegas Joaquín Rebolledo SA e Guitián Joven Blanco 2020, de Bodegas A Tapada.

Na Denominación de Orixe Monterrei, os viños Alma de Autor Blanco 2020, da Adegas Pazo das Tapias, e Vía Arxéntea Godello Treixadura 2020, da adega Manuel Guerra Justo; levaron sendas medallas de prata.

Na DO Ribeira Sacra, o viño Vía Romana Godello 2019 elaborado pola adega Terriña logrou tamén facerse cunha prata.

Nesta edición, tamén un viño da Indicación Xeográfica Protexida Val do Miño logrou facerse cun ouro. Foi o caso do viño Terras Mancas Blanco 2019, elaborado pola adega Terras Mancas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información