Román Cid Álvarez é un experto en apicultor e promotor da asociación apícola Abellas Nais, unha nova entidade que agrupa a novos apicultores, fundamentalmente da provincia de Ourense. Entre os seus proxectos figura a mellora da comercialización do mel e a construción dunha planta para desoperculado e envasado, que esperan este en marcha nun prazo máximo de dous anos. Asegura que grazas aos apicultores sobreviven as abellas en Europa, xa que dende os anos 90 practicamente non hai enxames salvaxes na natureza debido á enfermidade da varroase.
¿Que é Abellas Nais?
Abellas Nais naceu a partir dun curso de apicultura impartido en Xinzo de Limia polo Sindicato Labrego Galego hai uns dous anos. Foi un curso completo de catro semanas de duración, no que eu fun un dos profesionais que o impartiron. A partir da análise dos problemas da apicultura en Galicia e a nivel mundial, decidimos constituír a asociación Abellas Nais que creamos en Celanova a finais de 2015. O noso obxectivo é formar aos nosos socios para que sexan apicultores profesionais, mellorar as condicións de venda do noso mel ou loitar conxuntamente contra as ameazas da apicultura.
A día de hoxe somos máis de 100 socios, a maioría da provincia de Ourense, e contamos con algo máis de 4.000 colmeas.
Como está sendo este ano para a produción de mel?
A nivel xeral está sendo moi frouxo porque a primavera foi moi fría e chuviosa e o verán moi quente. Sen embargo, nos malos anos son onde se ven os bos apicultores. Neste sentido, os socios de Abellas Nais están conseguindo este ano unhas producións medias de entre 20 e 30 kilos por colmea, é dicir, unha moi boa produción media para este ano. E iso é posible grazas ás boas prácticas de manexo que estamos implantando, especialmente na loita contra a varroa. En Galicia segue habendo producións moi irregulares de mel dun ano para outro e iso é debido en boa parte a un mal manexo das colmeas. Un bo abelleiro nunca pode dicir que non ten mel.
Un dos obxectivos de Abellas Nais é tamén mellorar a venda de mel. Coa escaseza que está habendo este ano, ¿notades unha suba dos prezos?
Estámonos agrupando para vender en conxunto, aínda que hai xente que segue vendendo a súa produción pola súa conta, uns que o fan a través da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia e outros que producen en ecolóxico. De momento estamos vendendo a granel pero apostando pola calidade. Neste sentido, para poder vender a través de Abellas Nais esixímoslle aos socios que manexen as colmeas de determinada maneira para lograr un mel de alta calidade e practicamente sen residuos químicos, só dos que hai na natureza. A calidade é fundamental, porque os importadores de mel cada vez máis, e de feito este ano é así, non só realizan controis de humidade e de sales minerais no mel, senón tamén a presenza de restos de produtos acaricidas que se solen utilizar na loita contra a varroa.
En canto aos prezos, están a subir con respecto ao ano pasado e as ofertas sitúanse arredor dos 4 euros máis IVE para a venda a granel. Pero queremos mellorar os prezos, porque o mel da provincia de Ourense é de moi boa calidade polas características da flora, que lle proporciona un alto contido en sales minerais. Iso fai que sempre acabe sendo mercado polos importadores porque o precisan para mesturalo con meles de mala calidade procedentes de China.
“Grazas a un bo manexo este ano conseguimos entre 20 e 30 kilos por colmea”
Neste sentido, o noso obxectivo para mellorar a comercialización é construír unha sala de desoperculado e envasado para os socios. Se seguimos medrando esperamos poder conseguilo como moi tarde en dous anos. Isto profesionalizaría máis o noso traballo e contribuiría a mellorar os prezos que perciben os apicultores. Trátase dun investimento importante porque esta maquinaria é cara pero se o facemos en conxunto podémolo lograr.
Como está contribuíndo Abellas Nais a fixar poboación no rural de Ourense?
A maioría dos socios da asociación son xente nova que quere seguir vivindo no rural e para os que a apicultura é un bo complemento económico. Precisamos abelleiros novos, profesionais de verdade aos que non lles morran as colmeas. Non é aceptable en ningunha gandería, e na apicultura pasa por falta de coidados e dun bo manexo, que haxa mortaldade das colmeas de ata un 60%. Na nosa asociación estamos logrando baixala ata un 20%.
Por outra parte en Abellas Nais estamos buscando producións complementarias á apicultura para que esta xente nova que se incorpora teña uns ingresos a maiores do mel, diversificando as producións. Así, este ano xa houbo varios socios que plantaron varias fincas de alforfón ou trigo sarraceno, un cereal apto para celíacos e que, cultivado de forma ecolóxica, ten unha boa saída comercial. Tamén temos previsto iniciar o ano que ven a plantación de herbas medicinais, como a Melisa, que ademais de fonte de ingresos, permitiría producir néctar para as abellas nos meses de verán, aumentando a produción de mel das colmeas.
¿Cales son as súas recomendacións de manexo para reducir a mortaldade das abellas, fundamentalmente a debida á varroa?
Non é nada novo. Xa no ano 1.586 publicouse en Madrid un libro, o “Tratado breve de la cultivación y cura de las colmenas” , escrito por un descendente de galegos: Luis Méndez de Torres. El xa daba as claves do manexo e o coidado dos enxames.
O primeiro punto esencial é o control da varroa, para o que non abonda con utilizar produtos acaricidas. O principio é que se se quere ter bos enxames na primavera e unha boa colleita de mel ao ano seguinte, hai que procuralo no outono. É dicir, o control outonal é fundamental. Neste sentido, hai que revisar as colmeas despois de recoller o mel para asegurarse de que lles queda mel suficiente para o inverno, que teñen pole e que a raíña ten espazo suficiente na cámara de cría. E se vemos que quedan poucas abellas, é preciso darlles unha alimentación estimulante. Outra medida básica é que non lles chova na piqueira e protexer a colmea dos ventos dominantes.
Tamén hai que ter en conta que a partir do 24 de decembro empezan a aumentar as horas de luz, e as abellas comezan a volver a traballar. Así, cara o mes de xaneiro as raíñas xa empezan a poñer. Neste sentido, é clave realizar revisións das colmeas nos meses de febreiro e marzo para saber o que tes: se tes cadros en mal estado, se a colmea ten pouca comida, se están borrados os cadros….etc.
E a segunda parte fundamental é fortalecer o enxame para criar nais en primavera, unha técnica para controlar a varroa. A evolución deste parasito vai paralela á evolución da abella: se hai moita cría vai haber moita varroa. Neste sentido, no mes de marzo podemos cortar o ciclo da varroa partindo o enxame e criando nais e varios núcleos. Na zona da costa xa se pode realizar esta operación a partir do 15 de febreiro. Hai anos nos que se poden facer moitos núcleos e anos, coma este, de pouco pole e néctar, nos que se fan menos. Pero os que o fixeron este ano vailles bastante mellor que os que non dividiron os enxames.
“Precisamos apicultores novos que sexan profesionais para que non lles morran as colmeas”
Por último, outra clave é non só criar nais novas senón tamén atendelas para que sempre teñan comida, sobre todo cando a climatoloxía é adversa.
Temos que ter en conta que hoxe se non fora polos abelleiros non habería abellas porque hai anos que a varroa acabou cos enxames salvaxes. E os únicos que poden garantir unha cabana apícola sá son apicultores ben formados para loitar contra esta enfermidade.
É a Vespa Velutina un problema grave para os socios de Abellas Nais?
De momento non nos afecta, pero xa a hai na provincia de Ourense, en zonas como a capital ou Xinzo de Limia. Este ano non foi moi forte o ataque desta vespa invasora ás colmeas porque a primavera foi moi mala e como son insectos que non almacenan comida morreron bastantes. O que detectamos aquí en Ourense é que se están a eliminar moitos niños de Vespa Crabro, o abesouro autóctono, confundíndoos con niños de Vespa Velutina.
Sodes a cuarta gran asociación apícola que hai en Galicia. ¿Non debería tenderse a un proceso de unificación para aproveitar mellor os recursos?
Son compatibles, de feito temos rapaces socios nosos que tamén están noutras entidades e non nos importa. Cada asociación responde ás distintas apiculturas que se practican en Galicia, porque non ten que ver a apicultura nas Rías Baixas coa que se fai no Norte de Lugo ou en Ourense. A problemática e o tipo de flora e momento de floración é distinta en cada comarca de Galicia e que haxa variedade de asociacións é bo.
“O único apicultor que vai ir adiante é o que está a pé de colmea”
¿Como ve un apicultor con moitos anos de experiencia coma ti á xente nova que se incorpora á apicultura?
Paréceme moi positivo que as novas xeracións de abelleiros se estean formando sobre unha base científica. Por outra parte, penso que o único apicultor que vai saír adiante é o que traballa a pé de colmea, que vive das abellas, e non aquel que as deixa no monte e non volve ata meses despois para recoller o mel.