Cultiva22 é un programa de estadías formativas dirixido a profesionais da agricultura e a gandería que se incorporasen como responsables de explotación a partir do 1 de xaneiro de 2017 tendo menos de 41 anos naquel momento. Ofrece estancias de 5 a 14 días en explotacións modelo de acollida de todos os subsectores agrícolas e gandeiros, sen custo para as persoas participantes, que deben viaxar a explotacións fóra da súa Comunidade Autónoma de orixe.
O prazo de presentación de solicitudes remata o 16 de agosto e as persoas interesadas en realizar unha estadía poden informarse na Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca) no 981 58 47 83.
Agaca contribúe tamén a este programa de formación coa inclusión de 7 explotacións galegas, pertencentes a catro cooperativas, que acollerán a mozos doutras comunidades.
O sector leiteiro achega seis explotacións a Cultiva22. Clun (Cooperativas Lácteas Unidas) presenta a Gandería Sar de Serráns (Mazaricos), que cría vacas en intensivo, e a Ganadería Queirugueira (Val do Dubra), que traballa en semi-intensivo.
Cooperativa Agraria Provincial de A Coruña acollerá mozos en dúas granxas intensivas: O Cancelo (Miño), con vacas de raza Holstein, onde se fan os xeados de Bico de Xeado, e A Esperanza (San Sadurniño), de raza Jersey.
Aira propón dúas explotacións da provincia de Lugo centradas no tratamento da xenética: a SAT Algrabusán (en Guntín) e Ganadería Casa Gabino (en Friol).
A listaxe complétase cun produtor de Abegondo da cooperativa Lutega, que cultiva lúpulo.
O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación impulsa e financia este programa.