A Praza de Abastos de Lugo acollerá este xoves unha demostración culinaria e unha degustación de porco celta. O evento está organizado pola área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e a Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel), coa colaboración da área de Participación e Servizos para a Veciñanza do Concello de Lugo.
Os cociñeiros lucenses Álex Méndez (Os Cachivaches) e Nardo Eiroa (Restaurante Canedo) elaborarán catro receitas con porco celta —tataki de solombo, arroz meloso, torreznos e faceiras— que se poderán degustar de balde na Praza de Abastos a partir das 12.00 horas.
O deputado de Rural, Daniel García, e a concelleira de Participación, Cristina López, presentaron a iniciativa xunto ao cociñeiro Álex Méndez e Cruz Castro, representante de Asoporcel. Esta iniciativa ten como obxectivo promover e difundir os produtos derivados desta raza autóctona.
Daniel García explicou que esta actividade forma parte da colaboración que manteñen con Asoporcel para mellorar o coñecemento e a valoración da carne de porco celta, fomentando o seu consumo. Destacou “a idoneidade da Praza de Abastos, onde se aposta por produtos de calidade e proximidade, para realizar esta degustación”.
Cristina López agradeceu “a colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e de Asoporcel nesta degustación, que contribúe a dinamizar o mercado e a dar a coñecer a un público diverso unha carne de excelentes propiedades”.
Cruz Castro subliñou que “unha das mellores fórmulas para garantir a recuperación e conservación da raza Porco Celta é garantir a demanda e o consumo dos seus produtos derivados” e valorou “a participación de recoñecidos cociñeiros como un aliciente para chegar a novo público”.
A degustación enmárcase no programa ‘Agro Dinámico con Porco Celta‘, financiado pola área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que, ademais de incluír a presenza desta raza en feiras gandeiras, ofrece degustacións gratuítas de porco celta en mercados e outros eventos tradicionais. Este programa pon en valor as calidades nutricionais e culinarias da carne de porco celta, ao tempo que visibiliza o traballo das criadoras e criadores.Porco cel