Pragas e cambio climático centraron a asemblea e xornada formativa da Asociación Galega das Castañas e dos Soutos

Publicidade

AGCS

A modificación de estatutos foi o principal asunto debatido pola Asociación Galega das Castañas e dos Soutos na asemblea anual da organización. O acto tivo lugar no centro sociocultural da rúa Manuel Rivero en Lalín e contou coa presenza da directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro, quen destacou a importancia dos soutos de castiñeiros na conservación da riqueza forestal de Galicia.

“Sabemos que o noso traballo xera valor no rural, e é o momento de seguir traballando para aumentar o rendemento e a calidade das nosas plantacións e soutos, demostrando que a produción de castaña é un motor económico clave para o noso rural.” subliñou José Antonio Liñares, presidente da AGCS.

Pedro Álvarez, Catedrático da Área de Enxeñería Agroforestal da Universidade de Oviedo  impartiu unha conferencia sobre cambio climático, fenoloxía e biodiversidade no castiñeiro e nos soutos. Álvarez incidiu en que os soutos son unha fonte de riqueza medioambiental, de biodiversidade, económica social e tamén cultural.

A directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro interviu na asemblea da AGCS

A directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro interviu na asemblea da AGCS

Dende hai dez anos, a avespiña do castiñeiro está a supoñer un serio problema para os produtores das diferentes comarcas castañeiras. Miguel Ángel Vázquez, de Viveros Castanea Sativa, fixo un repaso polas difrentes ferramentas e técnicas que hai para facer fronte ao parásito e o seu grao de efectividade.

Luisa Piñeiro sinalou que o seu departamento está a desenvolver o Programa estratéxico do castiñeiro e da produción de castaña, enmarcado no Plan Forestal de Galicia 2021-2040. O obxectivo é desenvolver instrumentos como as agrupacións forestais de xestión conxunta para impulsar os soutos. E tamén se conta con axudas como as destinadas para a plantación de castiñeiros para froito e mellora de soutos tradicionais.

A maiores, este ano convocáronse cun orzamento de 15 millóns de euros para o período 2026-27 as axudas de silvicultura, que dispoñen dunha liña específica dirixida á rehabilitación de soutos tradicionais.

Dende a AGCS lembran que En Galicia a figura dos montes en man común mesturada co minifundio estrutural pode condicionar tanto a busca como a consecución de acordos cos propietarios. As Sociedades de Fomento Forestal (SOFOR) poden axudar a que se desenvolvan os proxectos con menos atrancos burocráticos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información