
Finca de millo completamente arrasada polo verme defoliador na provincia de Lugo
A inusual calor deste mes de xuño está a secar as terras do millo e a favorecer a aparición do verme defoliador do millo e o seu avance. A praga está xa estendida por toda Galicia, provocando danos visibles no cultivo e obrigando a aplicar tratamentos insecticidas que é necesario repetir cando eclosionan novas larvas.
Nas zonas da provincia da Coruña onde primeiro foi detectada a praga, como Muxía ou Mazaricos, foi xa necesario aplicar novas doses pasados entre 8 e 10 días, unha vez que emerxen novos individuos dos ovos que quedan agochados nas follas ou no talo da pranta e que non é capaz de eliminar o tratamento de choque, que funciona por contacto e é efectivo só para os vermes.
Neste momento hai dúas especies diferentes de vermes defoliadores atacando o millo, pero con efectos semellantes
No caso de fincas con afectacións máis graves, a única solución é volver sementalas, pero a estas alturas e coa seca que hai na terra, isto é so viable en fincas húmidas ou zonas onde está garantida certa presenza de precipitacións.
Aquí é moi tarde xa para resementar, así que a sorte está botada
“Nesta zona houbo algunhas fincas que se estropearon, pero aquí a sorte está botada, porque é moi tarde para resementar, así que se non salvas a plantación, quedache sen nada”, afirma Jorge Meiriño, técnico da cooperativa Aira na zona de Chantada.
Da Limia á Pastoriza
O avance en Galicia semella imparable este ano. “A praga está xa por todos os lados. Desde a Limia ata Curtis”, relata Jorge. En Lugo, a asociación Agromuralla remitiu un aviso esta fin de semana aos seus asociados para que vixíen as fincas e estean atentos á aparición da praga para tratala canto antes.
Na zona da Terra Chá, en concellos como Castro de Rei ou A Pastoriza, algunhas explotacións aproveitaron os últimos tratamentos de herbicida para engadir tamén insecticida contra o verme.
A clave para o control da praga está na vixiancia das fincas para detectar a súa aparición a tempo e tratar antes de que sexa demasiado tarde
Para lograr un control efectivo da praga, é importante facer un monitoreo diario das fincas, revisando a base das plantas e o envés das follas para detectar ovos e larvas xóvenes antes de que a praga e os seus danos se estendan de forma masiva por toda a parcela con efectos irreversibles.
Detectar o problema a tempo de ser tratado pode marcar a diferenza entre o control da praga ou a perda do potencial produtivo da parcela, sobre todo nas fases temperás do cultivo do millo, cando as plantas teñen unha menor capacidade de recuperación.
Dous tipos de vermes diferentes

Verme defoliador da especie Spodoptera exigua nunha finca do concello da Pastoriza
Existen dous tipos de vermes defoliadores atacando ao millo en Galicia neste momento. Os seus efectos son semellantes pero trátase de dúas especies de lepidópteros diferentes. “Funcionan de xeito distinto pero comen o millo os dous”, explica Jorge.
Dunha banda están os vermes da familia Spodóptera (Spodóptera frugiperda ou verme cogolleiro do millo e Spodoptera exigua, tamén coñecido como rosquilla verde) e por outro lado os vermes soldado da Mythimna unipuncta, unha avelaíña da familia Noctuidae, que foi a que causou estragos fai dous anos en fincas de millo na Costa da Morte e está presente este ano na zona de Monterroso, Portomarín e Taboada.
Os vermes da Spodóptera son verdes e os da Mythimna grises
Os vermes do xénero Spodoptera tamén son larvas saídas de polillas, pero son de cor verde. Debido á súa voracidade extrema, as súas larvas son capaces de acabar con fincas enteiras en poucos días. Factores climáticos, como por exemplo temperaturas por enriba dos 25 graos centígrados, aceleran a súa reprodución masiva.
Especial incidencia este ano por mor das altas temperaturas

Afectación por verme defoliador na provincia da Coruña
Despois de facer a súa aparición fai dous anos en zonas da provincia da Coruña e Lugo, principalmente nas comarcas de Xallas, Costa da Morte e A Mariña nos meses do verán, afectando tanto ao millo como ás pradeiras, este ano a praga está a ter unha eclosión máis precoz (a súa aparición adiantouse máis dun mes debido ás condicións meteorolóxicas) e moito máis explosiva favorecida polas altas temperaturas.
A intensa calor destes días e a sequedade da terra favorecen a propagación da praga
Debido á fase na que se atopa o millo nestes momentos, o verme defoliador está a causar maiores estragos, posto que ao atacar fincas labradas nalgún caso fai menos dun mes e tratarse de plantas máis novas e con menos follas, tamén acaba antes con elas.
Ademais, a suba das temperaturas acelera os procesos biolóxicos nos insectos. “Por iso estes días comen máis; están moi activos polas altas temperaturas. Se chove, en cambio, non lles vai ben porque os ovos caen no solo e fréase a súa multiplicación”, explica Jorge.
Mestura de insecticidas de contacto e insecticidas sistémicos
Coñecido tamén como verme soldado, a ouruga saída da avelaíña Mythimna unipuncta é unha praga chegada dos EEUU que se trata con insecticidas da familia das diamidas, que son específicas para o control dos lepidopteros.
“Hai que tratar con insecticidas de contacto e hoxe non quedan moitas materias activas, e as que hai contan cunha persistencia pequena porque degrádanse coa luz. Funcionan un ou dous días e fan un efecto de choque”, explica o técnico de Aira, que recomenda tratar cunha mestura de dous insecticidas: un de contacto contra os vermes e outro sistémico con efecto ovicida.
Os insecticidas de contacto matan os vermes e os sistémicos funcionan como ovicidas
“Na nosa zona hai 8-10 días que tratamos as primeiras fincas afectadas e agora hai que esperar a evolución. Empregamos unha mestura de dous insecticidas con distinta función e agora hai que esperar que funcione. O problema é que non deas controlado. Noutras zonas da provincia da Coruña que trataron un pouco antes ca nós volvían ter problemas aos 10 días”, conta.
Se se comportase igual que outros vermes de solo, o normal sería que non houbese repunte até finais do mes que vén, coincidindo con dúas lúas que hai a mediados de xullo. “Pero esta é unha praga distinta e nova e temos pouca experiencia fronte a ela”, recoñece Jorge. Ademais, estas pragas teñen desenvolvido certa resistencia aos insecticidas, o que dificulta o seu control. “Non é doado”, admite.
A Xunta anima a tratar con insecticida, anuncia que haberá “flexibilidade total” no número de aplicacións e pide á UE que autorice o uso de drons

Reunión da conselleira do Medio Rural con UUAA. Foto: Mónica Arcay Carro
A Consellería do Medio Rural anima ás explotacións que labraron millo este ano a aplicar produtos fitosanitarios contra o verme defoliador e solicítalle ao Ministerio de Agricultura que urxa ante a Unión Europea que axilice as negociacións para poder aplicar estes tratamentos con dron.
Así o pediu este luns a conselleira María José Gómez despois de manter unha reunión con representantes de Unións Agrarias, na que se avaliou a afectación que está a ter este ano a presenza deste verme defoliador no cultivo do millo, que é unha das principais forraxes para o gando nas explotacións leiteiras.
Flexibilidade no número de tratamentos a aplicar
En relación ás limitacións normativas ao uso de fitosanitarios, UUAA pidiu á Administración que sexa flexible. “Ás veces non chega con aplicar un ou dous tratamentos para acabar coa praga; pedimos que haxa flexibilidade niso para se poidan aplicar os tratamentos que sexan necesarios para salvar a colleita sen que haxa penalizacións na PAC”, pediu o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García.
A Xunta anuncia que se poderán usar o tratamentos fitosanitarios autorizados todas as veces que sexa necesario para acabar coa praga
A Xunta anunciou trala reunión con UUAA que os produtores de millo poderán empregar os fitosanitarios autorizados todas as veces que sexa necesario, co fin último de frear o avance da praga. “Flexibilidade total”, anunciou a conselleira, que xustificou que os produtos autorizados “son efectivos” para matar os vermes pero non os ovos ou as larvas, polo que é necesario repetir o tratamento cada certo tempo.
Uso de drons
A conselleira resaltou tamén a importancia de contar coa posibilidade de realizar tratamentos específicos para o verme defoliador do millo de xeito aéreo mediante o uso de drons, que neste momento se utilizan para aplicar abonos foliares pero non están autorizados para produtos fitosanitarios.
A aplicación mediante o dron reduce de xeito considerable os custos, aumenta a eficiencia e non dana o cultivo
María José Gómez destacou que o uso destes aparellos reduce de xeito considerable os custos de produción, aumenta a eficiencia e, a diferenza dos medios mecánicos, non dana o cultivo cando o millo acada un alto grao de crecemento. “Cabe sinalar que esta é unha solicitude que se vén demandando ante o Ministerio en reiteradas ocasións”, lembra a Consellería do Medio Rural en nota de prensa.
Seguros agrarios e trampas de feromonas
A conselleira demandou tamén a necesidade de que os seguros agrarios cubran os danos causados polo verme defoliador do millo, instando a Agroseguro a contemplalo, e fixo tamén referencia ao traballo que desenvolve a Consellería do Medio Rural dende hai anos para previr a afectación deste verme.
Así, a Xunta conta con trampas de feromonas distribuídas por toda a comunidade, maioritariamente na provincia da Coruña, que permiten vixiar a presenza desta praga. Confirmou que a Consellería seguirá a traballar nesta liña, coa instalación de máis trampas para capturar o maior número de exemplares posibles e frear o avance deste verme.
Incremento de custos de produción das explotacións
María José Gómez tamén recoñeceu que, dado que o millo é unha das forraxes esenciais na alimentación das vacas leiteiras, a aparición desta praga supón “unha nova ameaza para o agro galego” e avanzou que por parte da Consellería se están a manter xuntanzas con distintas industrias lácteas para “ver por onde van os tiros de cara á renovación dos contratos”, que vencen o vindeiro 1 de agosto, considerando inxusto o diferencial de prezo a respecto doutras comunidades autónomas.
Pola súa banda, Roberto García, agradeceu en primeiro lugar á conselleira á rápida resposta á solicitude de xuntanza do sindicato por este tema da praga de vermes do millo e asegurou que “estamos ante unha afección xeralizada, cuns custos importantes nos casos nos que se chega a tempo a tratar e que se incrementan nos casos nos que é necesario facer unha resementeira da parcela”.
Non ten sentido que a baixada tan brutal que houbo en Galicia no prezo do leite se manteña
“A praga chega nun momento especialmente grave, no que as explotacións lácteas están xestionando unha caída brutal do prezo do leite sen razóns económicas que o xustifiquen e as novas propostas de conxelación de prezos por parte das industrias leiteiras non teñen en conta estes incrementos de custos extraordinarios aos que terán que facer fronte as ganderías”, denunciou.
“Son custos reais, cuantificables e certificables”, dixo, polo que pediu que sexan tidos en conta na negociación dos contratos de compra do leite que se iniciará en xullo entre industrias e explotacións provedoras.
O verme únese ao xabarín, que provocou un incremento de danos na actual campaña de sementeira
A praga de verme coincide nunha campaña de sementeira na que se produciu tamén un incremento importante de danos provocados polo xabarín. “A caza non é suficiente para reducir a poboación de xabaríns, nin sequera para mantela”, asegura Roberto García.
Galego









Control OJD