Prado y Lozano SC: “Ás veces é máis rendible estabilizarse e non medrar”

Esta gandería de Cospeito foi das primeiras en apostar polo muxido automatizado en Galicia e conta neste momento con dous robots e 118 vacas en produción. Marcos Prado ten só 38 anos pero non pensa a curto prazo seguir aumentando ao número de cabezas da explotación

Marcos na súa explotación, ubicada no lugar do Ladelo, na parroquia de Santalla de Rioaveso, pertencente ao concello de Cospeito pero raiando xa con Vilalba

Marcos na súa explotación, ubicada no lugar de Ladelo, na parroquia de Santalla de Rioaveso (Cospeito)

A extensión do sistema de muxido robotizado é unha realidade a día de hoxe en moitas granxas de leite galegas. Pero o xeito de traballar con robot é diferente e require de pautas de manexo específicas. A gandería Prado y Lozano SC, de Santalla de Rioaveso (Cospeito), instalou o seu primeiro robot hai xa 10 anos e Marcos Prado, o seu titular, recoñece que “como mellor se aprende é co tempo e a base de levar golpes nos dedos”. Por iso hoxe, que ten xa dous robots instalados, non quere aumentar o número de cabezas da explotación. “Con dous robots podes muxir 115 ou 120 vacas, pero non 140”, afirma. 

Marcos viviu nos últimos 20 anos, tamén na súa granxa, toda a modernización do sector leiteiro galego, pero ve factores na actualidade que poden facer, di, que esa evolución se pare. “Un dos problemas máis importantes para min é a falta de man de obra. É triste que o sector se free por falta de traballadores”, lamenta. “Hoxe se non fora polas máquinas estariamos falando de falta de leite, porque eu se non fora polos robots necesitaría dous empregados máis”, asegura. 

A produción media da granxa é de 35 quilos por vaca e día e dedican a produción ás queixerías da denominación de orixe San Simón da Costa desde fai 16 anos, polo que se foron decantando cara os sólidos. “Buscamos sobre todo calidades, estamos nun 4,15% de graxa e un 3,55% de proteína”, detalla.

Pasamos dos 1.000 litros por vaca ao mes e buscamos sobre todo calidades porque entregamos ás queixerías de San Simón

Marcos valora a estabilidade no prezo, cun contrato de 44 céntimos de base máis graxa e proteína. Non cobran outro tipo de primas, aínda que se sitúan nas 10.000 xermes e 200.000 células. Non están tampouco certificados en benestar animal, aínda que cumprirían todos os parámetros esixidos por Welfair.

De circuito a robot

A gandería iniciárona os seus pais. Os dous faleceron novos e Marcos tivo que facerse cargo da explotación que a familia fora levantando con moito esforzo, un proceso que el tamén viviu en primeira persoa.

“Eu recordo de moi pequeno ao meu avó e á miña nai muxindo as vacas á man na corte vella. Tiñan un mixto de carne con leite, había 14 ou 15 vacas e muxían 7 ou 8 e vendían o leite en cántaros de 40 litros”, lembra.

“Pouco despois, tería eu 5 ou 6 anos, tiveramos un baleiro sanitario e a raíz diso mercáranse 8 vacas en Asturias, que se meteran na palleira, porque o establo tiña que estar precintado en corentena un tempo. Con esas 8 vacas no ano 1993 fixeron a metade da primeira nave de produción. Collían 34 vacas en estabulación prendida, porque o meu pai fora ver algúns establos libres e non o convenceran. Aos ollos de hoxe esa decisión parece un erro, pero daquela moitas estabulacións libres eran matavacas. Decían os veciños, nunca van dar traído de comer para 34 vacas, pero ao pouco tempo xa houbo que ampliar cara unha zona de almacén que quedara e chegáronse a muxir 68 vacas en trabado no establo vello”, recorda.

Eu incorporeime con 18 anos; fixera antes a ESO e un ciclo medio de Administración

No ano 2005, cando Marcos se incorporou, fixo unha sociedade coa súa nai para continuar coa granxa. “Eu estaba estudando, fixera un ciclo de Administración e estaba empezando outro de Mecánica pero ao enfermar a miña nai tiven que deixalo e quedarme na explotación. Teño un irmán dous anos maior ca min que axudaba moito na casa tamén daquela”, lembra.

Dez anos de experiencia cos robots

PRADO Y LOZANO SC (Cospeito) vacas producionFai xa 10 anos que Marcos se decidiu a robotizar o sistema de muxido da súa explotación, pasando do circuito que tiñan entón directamente ao robot, xa que nesta explotación nunca chegou a haber sala de muxido. “Cando montei o primeiro robot, no ano 2014, os veterinarios que levaban a granxa non mo recomendaban, dicíanme que montara unha sala, pero eu non tiña man de obra para atendela”, di.

No ano 2014 había só 40 robots en Galicia e os veterinarios non mo recomendaban, por iso asinei un contrato de compra e outro de recompra por se non me ía ben con el

Xunto á instalación do primeiro robot, acometeu tamén daquela a construción dunha nave metálica tipo invernadoiro de dous módulos, que foi ampliada antes da pandemia cun novo módulo do mesmo tipo e un segundo robot de muxido.

“Para min este tipo de naves metálicas teñen unha serie de vantaxes. Por exemplo, son máis baratas e máis luminosas e ventiladas, porque contan cun sistema que permite regular a apertura dos teitos. Faise de maneira automática en función da temperatura que hai no establo grazas a un sensor que hai no teito. A partir de 17 grados, canta máis temperatura hai máis abre”, indica.

Co paso dos anos é como mellor aprendes e con dous robots podes muxir 115 vacas, pero non 140

Marcos decidiu instalar o segundo robot para reducir a saturación de vacas que se moxen en cada un. “A miña intención non era dobrar a granxa, senón que os robots traballaran máis livianos. Se atacas o robot vas ter moitos máis problemas; en cambio, se os afloxas, todo vai mellor. Cando o meu pai enfermou e estaba ingresado no hospital eu estaba só na granxa porque acababa de marchar o empregado que tiñamos. Naquel momento tiña o robot  moi saturado e o que fixen foi mandar ao matadoiro as 10 vacas que menos producían. Quedei con 58 vacas no robot e o resultado foi que as que quedaron aumentaron ao leite e case non tiña retrasos”, asegura.

Desa experiencia Marcos aprendeu que “con dous robots podes muxir 110 ou 115 vacas, pero se tes 140 o que fas é saturalos e necesitar máis persoal para meter vacas”, afirma. Neste momento Prado y Lozano conta cun empregado de orixe rumano.“Nós levamos moito tempo traballando con obreiros na granxa, polo menos desde o ano 2010, e a verdade é que nos duran bastante. Cando marchan é porque lles xorde algunha circunstancia persoal, pero non porque estean descontentos, nin polo traballo nin polos cartos. Nós aquí cando un traballador vale coidámolo economicamente”, asegura.

Recría propia

PRADO Y LOZANO SC (Cospeito) becerras recriaPara completar o segundo robot non compraron vacas, senón que desdobraron parte das que tiñan no outro robot e adiantaron un pouco a idade de inseminación das xovencas para contar con máis recría dispoñible. “En función do tamaño e a condición corporal do animal chegamos a adiantar a primeira dose un par de meses, inseminando algunha xata aos 11 ou 12 meses de idade. Deste xeito no transcurso de 7 ou 8 meses desde a instalación do segundo robot xa muxiamos máis de 100 vacas”, lembra.

O desvelle mandámolo directamente a Novafrigsa

O seu obxectivo é manterse no entorno das 115 vacas en produción, non máis. “Aquí cando hai un lote de 10 ou 12 xovencas para entrar facémoslles sitio mandando as 10 ou 12 peores vacas que hai na granxa, sexa por patas, por produción, por problemas de mamite, de reprodución ou do que sexa”, indica.

Para as vacas de desvelle teñen un acordo con Novafrigsa. “Vén primeiro o taxador valorar os animais, aos que se lles asigna un prezo individualizado por quilo de carne. Despois asinamos un contrato antes de que saian os animais da granxa e páganse en función do que pesen finalmente e dese valor asignado previamente a cada un. Temos vacas que sacan 400 quilos en canal e van a 5 euros o quilo. Este ano saíron 25 vacas e deixaron 21.000 euros”, conta. 

Non poño cruces cárnicos porque eu priorizo o benestar da vaca que vai parir antes que sacarlle 50 ou 100 euros máis ao xato

En canto aos machos de recría, recoñece que “os xatos pintos teñen moi pouca saída”. Nesta gandería inseminan a todas as vacas con frisón, sen utilizar cruces cárnicos. “Para o meu entender, cada animal ten que ir coa súa raza. Antes poñiamos limusín ou azul belga, pero eu vía que cada vez que poñía un cruce cárnico esa vaca mentía dúas ou tres semanas no parto, sobre todo con limusín, polo que a vaca se fai máis pesada e ten máis dificultades para parir e máis problemas postparto, ademais de retrasar o momento da produción de leite”, argumenta.

Retraso no paso á amamantadora

PRADO Y LOZANO SC (Cospeito) box recria becerrasO protocolo que seguen para as becerras recén paridas, tanto se nacen na parideira como se o fan nos cubículos, é muxir a vaca e darlle os costros e o leite de transición á xata os primeiros días, continuando despois a alimentación con lactoreemprazante.    

Malia que contan con amamantadora, prefiren ter as xatas un tempo inicial en boxes individuais. “A máquina é moi cómoda, pero vimos que cando as xatas ían moi pequenas para ela e había algunha diarrea tardabamos máis tempo en detectala e tratala e mentras tanto contaxiábanse as outras, así que desde hai uns meses optamos por prolongar a estancia nos boxes individuais até as 2 ou 3 semanas de vida. Antes cambiabámolas aos 6 ou 7 días para a amamantadora pero nese momento é cando máis problemas de diarreas pode haber e na amamantadora desenténdeste un pouco máis, mentres que os boxes obrígante a ir dúas veces ao día e telas máis controladas”, argumenta.

Fai 8 meses optamos por prolongar a estancia das xatas nos boxes individuais até os 10 días antes de pasalas á amamantadora

Deste xeito, os machos xa non pasan pola amamantadora, senón que despois da estancia de 2-3 semanas no box individual marchan da granxa con destino a distintos cebadoiros, mentres que as femias son cambiadas de lote e continúan o seu período de recría na amamantadora. Neste momento as xatas van xa tomando uns 6 litros de leite en po repartidos en dúas tomas (3 litros á mañá e outros 3 pola tarde), aínda que Marcos recoñece que “o ideal sería facer tres tomas diarias”.

A maioría dos descartes son voluntarios, en función da entrada de xovencas primeirizas, descartando vacas por baixa produción, velocidade de muxido, patas ou células

Tamén prolongan o aleitamento até os tres meses e medio, que é cando fan o destete, e a idade da primeira inseminación lévana aos 14 ou 15 meses. “Se nos fixese falta recría poderiamos volver a adiantala, como fixemos cando instalamos o segundo robot, pero como nos sobra preferimos que as xovencas paran máis tarde porque dan algún litro máis na primeira lactación”, di.

Acostuman dar entrada a unhas 40 xovencas cada ano entre os dous lotes de produción, polo que a media de idade do rabaño é baixa. Tralo parto, agardan entre 3 e 4 meses, en función da produción do animal, para volver a inseminar as vacas, para deste xeito favorecer a recuperación dos animais tralo parto e aproveitar mellor o pico de lactación, que doutro xeito se vería cortado.  

Amplitude na zona de cubículos

Vacas na zona de parideira da explotación

Vacas na zona de parideira da explotación

No establo da gandería Prado y Lozano SC priman a comodidade do gando, buscando tempo libre nos robots e amplitude nas instalacións. Nun dos lotes, con 60 vacas, contan con 72 cubículos, mentres que no outro robot, con outros 60 animais, hai 86 cubículos. “Cando fixemos a ampliación e instalamos o segundo robot démoslle uns metros máis de ancho ao establo e metemos a terceira fila de cubículos. Dese xeito sempre hai camas baleiras e iso permite que a vaca non teña que andar buscando sitio e tamén que se manchen menos e sempre haxa unha en boas condicións para deitarse”, razoa Marcos. 

Nas camas, tanto das vacas en produción como nos lotes de xovencas de recría, o material de recheo é area. “Para os animais é o mellor, está claro, pero todos sabemos que na fosa é un problema. Nós temos un batedor que está traballando continuamente mentres sacamos o purín, así vai na cisterna e repártese por todas as fincas”, conta. 

A palla de estrar estaba a 3.000 euros o camión e durábanos un mes; por iso cambiamos as xovencs a cubículos de area

“Nós tiñamos a recría en cama quente e fai 2 anos cando remodelamos a nave cambiamos a area. Gastabamos nese momento un camión de palla ao mes e eran uns 3.000 euros de custo mensual. Agora coa area ese gasto é duns 150 euros ao mes”, compara.

“O consumo de area en animais que non dan leite é moito menor porque eses cubículos precisan menos mantemento, porque as feces son máis duras e límpanse mellor e rara vez mexan na cama”, explica. “Nós metemos unha bañeira de area cada 2-3 semanas para os 230 cubículos totais que hai na granxa”, indica. 

“Fai 10 anos un robot de muxido custaba 100.000 euros; hoxe custa 200.000. Cantos anos leva sacar ese diñeiro muxindo 60 vacas?”

PRADO Y LOZANO SC (Cospeito) robot de muxido

O primeiro robot da gandería Prado y Lozano custou 95.000€ máis IVE e o segundo instalárono mediante ‘leasing’

“Os prezos hoxe están desorbitados; eu penso que hoxe non é momento de facer investimentos, nin en maquinaria, nin en robots, nin en ampliar granxas, porque se invistes cando está todo polas nubes, estás multiplicando o risco, porque o valor real é moito menor”, asegura. “Fai 10 anos un robot de muxido custaba 100.000 euros, hoxe custa 200.000. Cantos anos leva sacar ese diñeiro muxindo 60 vacas?”, exemplifica.

Por iso Marcos neste momento prefire manter o tamaño actual da granxa e non medrar máis. “Cando o prezo do leite sobe un pouco todo o mundo se bota a dobrar, pero hai que mirar tamén os custos, porque moitas veces o que facemos é unicamente engordar as débedas”, di.

Cando os prezos do leite soben todo o mundo pensa en dobrar, pero moitas veces o único que facemos é engordar as débedas; ás veces é máis rendible estabilizarse que aumentar

“A nós ninguén nos garante que o prezo do leite non vai baixar máis ou que o penso e a luz non van volver subir”, advirte. Por iso, argumenta: “se por persoa que traballa na granxa 50 ou 60 vacas non son dabondo, cantas vacas hai que ter para que sexa rendible o negocio?”.

“Porque o risco multiplícase a medida que incrementas o investido. Por iso un rapaz novo que queira adicarse a isto hoxe se ten que empezar de cero xa non é viable, e se colle a granxa dos pais e a remodela, facendo un establo novo e metendo un robot vaise a 700.000€ para muxir 60 vacas. Cando vai ser capaz ese rapaz, por moitas axudas e subvencións que teña, de sacar realmente unha rendibilidade a ese investimento?”, pregúntase Marcos.

Levamos investidos máis de 800.000 euros

No caso da gandería Prado y Lozano, a construción hai 10 anos dos dous primeiros módulos da nave metálica máis o primeiro robot de muxido, o tanque do leite e a foxa de xurro custaran 350.000 euros máis IVE, mentres que a ampliación realizada para a instalación do segundo robot supuxo outros 160.000 euros, cun robot en leasing a 9 anos e unha cota de 850 euros ao mes.

Pero o último investimento importante, que foi un novo módulo para acoller a recría, con estabulación libre entre os 10 meses e os 2 anos, “xa se desorbitou de prezo porque xa foi despois da pandemia e os materiais disparáranse”, lembra Marcos. Esa parte do establo máis un carro mesturador usado foron outros 210.000 euros.

Marcos ten 38 anos pero nunca recibiu ningún tipo de axuda nin Plan de Mellora para montar a granxa

Malia a súa idade (ten 38 anos, 3 menos que os admitidos para as novas incorporacións), Marcos non recibiu ningún tipo de axuda nin Plan de Mellora para montar a granxa. “Eu incorporeime no ano 2005, pero cando fixen a nave xa pasaran os 5 primeiros anos, que é cando che dan máis puntuación e daquela estaba na sociedade tamén a miña nai, que estaba xubilada e iso restaba moito. A única axuda que logrei en todos estes anos foi para instalar 30 Kw de placas solares”, quéixase.

“Para min, a mellor decisión de investimento foi a do segundo robot, porque se paga a si mesmo muxindo. Son 91.800 euros en cotas mensuais de 850 euros pero no leasing cando rematas de pagar a última cota a máquina pasa a ser túa”, detalla.

“Nesta zona limítanos moito o tamaño das fincas”

A ración das vacas en produción está baseada no silo de herba

A ración das vacas en produción está baseada no silo de herba

Marcos prioriza os investimentos na granxa sobre os realizados en maquinaria, aínda que o pequeno tamaño das fincas da zona obrígao a dispoñer de determinados apeiros, como os necesarios para segar e xuntar a herba ou cisterna para botar o purín.

“Se houbese concentración parcelaria e todas as fincas fosen grandes, eu penso que nin a cisterna do purín tería, porque eses investimentos nunca os consegues rendibilizar. En moitas explotacións leiteiras o parque de maquinaria custou o dobre do que vale a granxa”, razoa.

En moitas explotacións leiteiras galegas o parque de maquinaria custou o dobre do que vale a granxa

“Nesta zona hai moitas fincas pequenas. Ese minifundio trato de facelo eu porque senón os custos de maquinaria dispáranse. Pagamos unicamente polas fincas grandes. Levamos moitas en San Lourenzo de Arbo, que xa pertence a Vilalba, e aí as parcelas xa son máis grandes, de 2 ou 3 hectáreas e compensa contratar os traballos”, indica.

A maioría da superficie que levan é arrendada, cun custo duns 200 euros por hectárea ao ano. Na zona quedan algunhas granxas de leite, pero son de pequeno tamaño e sen relevo xeracional, polo que non existe moita competencia pola superficie e os alugueres son asequibles. “En propiedade temos unhas 20 hectáreas  e outras 80 en aluguer. En total pasamos das 100 ha e botamos unhas 20 a millo. Non facemos rotación, onde botamos millo non botamos herba despois, porque nós cumprimos coa PAC ao ter o 75% da superficie a pasto permanente”, explica.

Estamos acollidos ao ecorrexime de biodiversidade, no que temos que deixar sen traballar o 7% da superficie agraria

“Estamos acollidos tamén ao ecorrexime de biodiversidade, no que tes que deixar o 7% do terreo sen traballar nin abonar entre o 1 de xaneiro e o 31 de agosto. A iso destinamos as fincas máis malas, as que temos máis lonxe ou son pequenas e teñen malos accesos. Nesas unicamente facemos un desbroce ao ano entre o 1 de setembro e o 31 de decembro”, relata. Das 100 ha que declaran na PAC só teñen 70 con dereitos. “E iso que fun comprando moitos, porque empecei en 30 hectáreas con dereitos”, explica.

Encalado e abonado a base de xurro

As fincas son abonadas con purín e esterco da explotación e con abonos minerais cando o precisan. “Sempre tratamos que botar o abono químico compaxinado con cal. Miramos que o propio abono traia unha porcentaxe de cal para facer xa todo na mesma pasada; levamos xa así varios anos”, explica. 

Para labrar o millo utilizan un abono composto de liberación lenta para que os aportes de nutrientes, sobre todo o nitróxeno, aguanten os tres meses que dura o ciclo do millo. “Custa uns 600€ a tonelada e case che fai falta unha tonelada por hectárea para sacar algo de produción porque esta é xa unha zona tirando a seca na que dependemos moito de que chova para lograr medias de 40.000 quilos por hectárea”, di.

“Nesta zona acostumamos labrar o millo polo 15 de maio pero este ano non se puido e acabámolo botando o 7 de xuño, primeiro pola chuvia e despois porque cando parou de chover as empresas de servizos tiñan moito traballo atrasado e non daban abasto. Se labras o millo tarde tes máis risco de seca e hai que estar moito máis pendente das pragas, porque se vén un ataque de rosquilla ou alambre e che colle moi pequena a planta avanza moito máis rápido na finca, cando se che colle o millo máis adiantado, con 40 ou 50 céntímetros, aguanta máis e tes máis marxe para tratar”, explica.  

O 70% da forraxe da ración é silo de herba

En canto á herba, fan tres cortes para ensilar nas pradeiras permanentes. “Este ano non se puido facer antes e fixemos o primeiro corte entre o 17 e o 20 de abril, o segundo a finais de maio e principios de xuño e o terceiro a mediados de xullo”, detalla. “A base da nosa alimentación é o silo de herba, polo que buscamos que sexa o máis dixestible posible e sexa de calidade, porque iso vainos permitir abaratar no concentrado e que o penso que merquemos sexa máis barato porque xa temos proteína na herba. Pero para iso non podes ensilar herba que estea pasada nin ir segar ao día seguinte de parar de chover, porque esa herba vai traer cinsas”, asegura. 

“A nosa ración está composta hoxe por un 70% de silo de herba. Leva entre 23 e 24 quilos de silo de herba cun 14,5% de proteína, 10 quilos de silo de millo e 8,5 quilos de concentrado, máis o que puntea o robot, que anda nunha media de 6 quilos por vaca”, indica Marcos. “O penso que nós usamos sáenos a 290 euros a tonelada, se quixeramos dar 50 litros por vaca tería que levar soia e aditivos e sairía a 430 euros, ademais de que teriamos que botar o dobre de hectáreas de millo”, razoa. 

Temos 80 hectáreas a pradeira permanente, polo que temos moitas máis opcións para botar o purín durante todo o ano ca se labraramos máis millo

A decisión de apostar polo silo de herba como base para a alimentación do gando está motivada por unha serie de condicionantes que limitan a produción de millo da granxa. Ademais do tamaño das fincas, están nunha zona con numerosos cauces de auga nos que teñen que respetar marxes de 5 metros e sitúanse a 2 quilómetros da Lagoa de Cospeito, onde hai un refuxio de fauna. “Alí hai centos de xabaríns que saen comer polas noites, polo que seguramente dentro duns anos teñamos que deixar de botar millo, porque cada vez quedan menos granxas e a presión sobre o cultivo é moi alta; o que non podemos é botar 20 hectáreas e recoller ao final 10 ou 12”, lamenta. 

Fai 5 anos, cando ampliaron a nave para instalar o segundo robot, fixeron un contrato de xestión de residuos con Agroamb para evitar ter que ampliar a fosa de purín. “En caso de ser necesario, por falta de capacidade na fosa, chamamos e véñennos a recoller o xurro, pero a verdade é que ao ter moita pradeira permanente temos máis opcións para botalo ao longo do ano”, explica Marcos. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información