Prácticas sinxelas para reducir a pegada de carbono nas ganderías de vacún de leite

O proxecto europeo Dairy for Future (D4F), coordinado en Galicia pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), ven de presentar os resultados dun estudo, realizado en 80 granxas do Arco Atlántico Europeo, para medir a pegada de carbono nas ganderías de vacún de leite e as formas de reducila. Eses son os resultados

Prácticas sinxelas para reducir a pegada de carbono nas ganderías de vacún de leite

Gandaría Sebastián, de Irixoa, unha das 10 granxas galegas que participan no proxecto Dairy for Future. Foto: Arquivo

As limitacións, e tamén as penalizacións, ás emisións de dióxido de carbono (CO2) á atmosfera, uns dos principais gases causantes do cambio climático, van chegar tamén á gandería de vacún de leite. A Unión Europea márcase dentro da súa estratexia do Pacto Verde Europeo lograr no 2050 unha Europa climáticamente neutra, é dicir que non emita CO2, en todos os sectores, entre eles a produción de alimentos.

Neste contexto, o proxecto europeo Dairy for Future (D4F), coordinado en Galicia pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), ven de presentar os resultados dun estudo, realizado en 80 granxas do Arco Atlántico Europeo, para medir a pegada de carbono nas ganderías de vacún de leite e as formas de reducila.

O Doutor César Resch Zafra, investigador do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) e coordinador en Galicia do proxecto, avanzou que “o obxectivo deste estudo foi determinar que prácticas son máis determinantes, algo que neste momento está en debate, para calcular as emisións de dióxido de carbono dunha granxa de vacún de leite, de cara a poder cuantificalo e establecer medidas para reducir esa pegada de carbono”. “Onde si hai consenso é en que a unidade de medida debe ser en kilogramo de CO2 equivalente por litro de leite corrixido”, engadiu.

A menos carga gandeira menos emisións de CO2

Un dos factores que se analizaron foi a relación entre a carga gandeira, medida en cabezas de gando por hectárea de superficie, e relacionándoo tamén coa porcentaxe de xovencas de reemprazo.

Para iso, ordeáronse os resultados obtidos nas 80 granxas en función da súa carga gandeira de maior a menor, resultando catro grupos en base a este parámetro. En cada grupo realizaron a media de porcentaxe de xovencas de reemprazo, resultando o cadro seguinte.

Carga gandeira e porcentaxe de xovencas de reemprazo:

Fonte: Dairy For Future

Fonte: Dairy For Future

Seguindo a mesma metodoloxía que no caso anterior vemos que se agrupamos por emisións de CO2 equivalente resulta o seguinte cadro cando a variable medida no grupo e a carga gandeira.

Carga gandeira e emisión de carbono equivalente por litro de leite corrixido:

Fonte: Dairy For Future

Fonte: Dairy For Future

“A conclusión clara é que a maior carga gandeira máis emisións de carbono terá unha granxa de vacún de leite. E tamén que a maior porcentaxe de reposición, máis emisións, polo que teremos que procurar incrementar a lonxevidade das vacas, con maiores produccións vitalicias, reducir o número de xovencas e incrementar a Superficie Agraria Útil (SAU) das granxas para así termos ganderías con menor índice de emisión de carbono equivalente”, explica César Resch.

Canto máis custa a ración das vacas maiores serán as emisións de CO2

Outro aspecto que se analizou no proxecto Dairy For Future foi a relación que existe entre o custo do que comen as vacas (maior ou menor cantidade de penso, de forraxes ensiladas e de pasto ou herba en verde) e as emisións de carbono.

Gasto en alimento por litro producido e emisión de carbono equivalente:

Fonte: Dairy For Future

Fonte: Dairy For Future

 

Os resultados reflicten que as emisións de CO2 por litro de leite duplícanse segundo o custo da alimentación das vacas: 0,98 para as máis baseadas en pastoreo e 1,75 para as que empregan máis penso.

Neste sentido, César Resch destacou que “o factor a controlar son os gramos de concentrado por litro producido, tendo como obxectivo de 200 a 250 gramos por litro de leite. Para que este obxectivo sexa factible económicamente necesitamos forraxe en cantidade e calidade”. “O reto tecnolóxico está en producir 40 litros de leite con 9 kilos de concentrado e non con 12 ou 14 kilos como está acontecendo neste momento en moitas granxas de vacún de leite de España, algo que é inviable do punto de vista medioambiental e tamén económico cos prezos actuais das materias primas”, advertiu.

As emisións de CO2 por litro de leite producido parecen non ter relación co sistema de producción que se utilice

¿As vacas en pastoreo emiten menos CO2 que as que están estabuladas e reciben unha ración unifeed? Para responder a esta pregunta o estudo analizou a relación entre o sistema de produción das 80 granxas analizadas (dende as exclusivamente a pastoreo de Irlanda, semiextensivo na Bretaña francesa ás ganderías nas que as vacas están estabuladas e son alimentadas con forraxes ensiladas, pasando pouco tempo en pastoreo).

Sistema de produción e emisión de carbono equivalente:

Fonte: Dairy For Future

Fonte: Dairy For Future

“Non atopamos diferencias nas emisions de CO2 por litro de leite corrixido. A clave é que nós manexemos o sistema e que non sexa o sistema o que nos manexe a nós”, destacou o coordinador do proxecto.

A maior coste de produción dunha granxa…..maiores emisións de CO2

Fonte: Dairy For Future

Fonte: Dairy For Future

Outro factor que analizou o estudo de Dairy for Future foi a relación entre o que lle custa a unha gandería producir un litro de leite e as emisións de CO2 equivalentes.

Neste sentido, e como era de esperar, as do grupo que teñen maiores custos de produción, en torno a 0,37 euros o litro, son as que emiten máis kilogramos de CO2, uns 1,41 kg por litro de leite corrixido, mentres que as que rexistran menor custo, 0,20 euros por litro de leite, tamén emiten menos, sobre 1,29 euros o litro, algo que se relaciona fundamentalmente coa maior eficiencia na utilzación dos recursos da granxa, nomeadamente concentrados, adubos orgánicos e inorgánicos e forraxes entre outros.

Conclusións:

-As emisións de gases de efecto invernadoiro son un bo indicador da eficacia de uso dos recursos.

-A precisión, independentemente do sistema (pastoreo, estabulación con ración unifeed, semiextensivo..), parece clave para controlar as emisións de gases de efecto invernadoiro.

-A emisión de GEI é un indicador da saúde económica da granxa, xa que se vincula cos custos de produción.

-Para controlar as emisións de CO2 é clave ter en conta:

-A porcentaxe de recría.
-A cantidade de adubo inorgánico que se emprega.
-O uso adecuado do concentrado

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información