O mercado gandeiro de Adai, no concello lugués do Corgo, volverá converterse mañá sábado no escaparate perfecto da raza rubia galega coa celebración da poxa nacional, que alcanza a súa edición número 101, e do 37 concurso, tamén de carácter nacional.
En total, máis de 120 animais, dos mellores exemplares da raza rubia galega, estarán no recinto de Adai. Deses 120 exemplares, uns 100 tomarán parte no concurso, no que varias gandarías da provincia de Lugo levarán até o recinto gandeiro de Adai as súas mellores reses. Os exemplares de maior calidade, tanto pola súa morfoloxía como pola súa xenética, serán os premiados en até sete categorías, con tres trofeos para o tres primeiros clasificados por cada categoría.
Poxa de 23 animais
O outro gran atractivo da feira de Adai é a poxa nacional, na que se poderá poxar por un total de 23 exemplares de loura: 15 femias e 8 machos. Dos animais que leva Acruga, haberá cinco touros da nave de testaxe ademais de 12 xovencas preñadas procedentes do centro de recría da granxa Gayoso Castro, dependente da Deputación de Lugo.
A poxa comezará ás 12.00 da mañá, aínda que unha hora antes os gandeiros interesados en participar xa poderán realizar a retirada de cartóns.
As xovencas preñadas de Acruga sairán a poxa cun prezo inicial de 2.200 euros. Tanto os exemplares que proceden do centro de recría como de gandarías particulares contan coa cualificación de “moi boas” ou “máis que boa” no Libro Xenealóxico, e teñen idades comprendidas entre os 22 e os 28 meses. Tamén os machos que irán a poxa están cualificados como moi bos ou excelentes, e no caso dos procedentes da nave de testaxe de Acruga presentaranse á poxa cun prezo de saída de 2.300 euros.
Ademais os gandeiros que adquiran algún dos exemplares na poxa, terán axudas á compra de Caixa Rural, de 200 euros para as femias e de 300 para os machos.
O prezo do resto dos animais que irán á poxa será determinado polos propios gandeiros e varía dependendo das cualificacións e características de cada exemplar.
A actividade no recinto gandeiro de Adai comezará mañá ás 10.00 da mañá, cando comece a colocación das escarpelas aos animais premiados nas distintas categorías. A retirada de cartóns necesaria para participar na poxa poderá facerse a partir das 11.00, para unha hora máis tarde, dar comezo a poxa. A xornada acabará coa entrega de trofeos ás gandarías premiadas, por parte das autoridades asistentes.