Poxa de Rubia Galega este domingo en Baleira

A Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega (Acruga), segue adiante co seu calendario de poxas e tamén incrementando a súa presenza en concellos desde os que demandan a celebración de subastas. Este é o caso do concello lucense de Baleira, onde a asociación realizará mañá a súa primeira poxa de 4 machos e 7 femias de raza rubia galega, dentro da primeira edición da Festa de Degustación de Tenreira Galega Suprema.

Así, está previsto que a poxa comece ás 12.00 da mañá, aínda que unha hora antes os interesados en adquirir algún dos animais poderán retirar o seu cartón.

A oferta de mañá céntrase en catro machos e sete femias procedentes de dúas das gandarías máis recoñecidas e avaladas polos seus premios nos concursos nacionais que se organizan en Adai. Trátase da explotación Penín Puente S.C., de Friol, que presentará sete dos 11 exemplares da poxa, e Gandaría Santalla, do Corgo, que acode á poxa con tres animais.

Os machos teñen entre 7 e 9 meses de idade, e todos eles parten cun prezo de saída de 1.500 euros; o mesmo fixado para 6 femias, de idades comprendidas entre os 8 e os 12 meses. Para o único exemplar de 15 meses, unha femia procedente da Gandaría Santalla, fixouse un prezo de saída de 1.400 euros. Tamén nesta poxa, Acruga contará coa colaboración de Caixa Rural Galega, que dará aos compradores dos animais poxados axudas á compra, de 200 euros polas femias e de 300 euros para os machos.

Todos os animais que se presentan mañá en Baleira teñen en común non só a súa procedencia de gandarías recoñecidas senón o feito de contar cunhas moi boas valoracións xenéticas, con índices moi positivos en canto a pesos ao nacemento, engraxamento ou conformación, entre outros parámetros, moi importantes á hora de ofrecer garantías aos compradores.

Próxima poxa na Fonsagrada

Acruga continuará co seu calendario de poxas e exposicións e farao o próximo día 3 de setembro, coa poxa que está prevista na Fonsagrada. Ademais, entre o 2 e o 6 de setembro, non faltará á súa cita en Salamanca, para asistir a Salamaq, unha das citas máis importantes do sector agropecuario, a nivel nacional, na que se celebra tamén de forma paralela a Exposición Internacional de Gando Puro, na que a raza Rubia Galega volverá estar presente da man de Acruga.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información