O mercado gandeiro de Pedrafita do Cebreiro celebrou a súa tradicional poxa de xovencas preñadas de Acruga, na que adxudicou os cinco exemplares, logrando un prezo medio de 3.460 euros, moi por riba dos 2.900 euros de saída.
As cinco xovencas foron adxudicadas a gandeiros e gandeiras de explotacións en Vilalba, Toques, Samos e dous de Sarria, que foron os que máis puxaron das 18 persoas que se inscribiron e sacaron o cartón correspondente que lles acreditaba para poder puxar na poxa.
Os exemplares adxudicáronse en 3.600, 3.900, 3.500, 3.000 e 3.300 euros nunha poxa concorrida e na que os animais presentados partían cunha moi boa xenealoxía, na que figuraban touros como Breogán AG, Avisapado AG/AG, Perico ou Rambo. Todas estas xovencas, de 23 a 30 meses de idade e preñadas de entre 9 e 4 meses, procedían de explotacións de socios da Asociación de Raza Rubia Galega de municipios como Vilalba, A Fonsagrada, O Corgo e Navia de Suarna.
A próxima cita para puxar por algunha das xovencas preñadas de Acruga será o próximo día 25 na Fonsagrada, onde Acruga levará a poxa a tres xovencas preñadas.
Todas elas, do mesmo xeito que os exemplares poxadas na última cita, proceden do rabaño de elite do centro de recría da granxa Gayoso Castro, dependente da Deputación de Lugo, onde esta institución, en colaboración con Acruga, ocúpase da recría de exemplares de alta calidade, cos que favorecer a promoción da Raza Rubia Galega á vez que se atende á demanda dos gandeiros e gandeiras que buscan animais de alto valor xenético, morfolóxico, produtivo e reprodutivo para as súas explotacións.
Galego









Control OJD