A poxa de Adai péchase cun prezo medio de case 4.000 euros

Os 22 exemplares presentados adxudicáronse en cantidades moi por encima dos 2.800 euros e destaca unha becerra da Granxa Gayoso Castro, que se adxudicou en 6.200 euros a un gandeiro de Ourense

A poxa de Adai péchase cun prezo medio de case 4.000 euros

O mercado gandeiro de Adai, no municipio do Corgo, pechou as poxas de Acruga coa venda dos 22 animais presentados. Ademais, rexistrou un dos prezos medios máis altos da súa historia, de case 4.000 euros, e a participación de 72 gandeiros e gandeiras de toda Galicia.

As 18 becerras preñadas, 17 delas procedentes do centro de recría da Granxa Gayoso Castro, dependente da Deputación de Lugo, partiron cun prezo de saída de 2.800 euros, e unicamente unha se vendeu nesta cantidade, mentres que nove superaron os 4.000, e a de maior cotización alcanzou os 6.200 euros.

As altas cotizacións permitiron alcanzar un prezo medio de 4.022 euros, o maior das outras 14 poxas celebradas ao longo deste 2025, entre as que tamén destacou a outra poxa de Adai, no mes de xuño, cun prezo medio de 3.933 euros, e a de Pedrafita do Cebreiro, de abril, con 3.640 euros.

Aínda que lixeiramente máis baixos, os prezos dos machos tamén alcanzaron altas cotizacións. Os tres procedentes da nave de testaxe de Acruga e dun gandeiro particular presentáronse á poxa cun prezo de saída de 2.500 euros, e finalmente o prezo medio dos machos alcanzou os 3.800 euros.

O presidente de Acruga, César Dorado, xa sinalaba xornadas antes da celebración da última poxa do ano, que a suba dos prezos da carne e o interese que esperta desde hai anos a raza, facían prever uns bos resultados, pero finalmente, as vendas, a participación e as altas cotizacións superaron os mellores pronósticos.

Dende Acruga sinalan varios aspectos que explican o bo resultado. O feito de que fose a última poxa do ano, o incremento que está rexistrando o prezo da carne e a alta calidade dos exemplares, procedentes na súa maioría do centro de recría da Granxa Gayoso Castro, permitiron a Acruga pechar unha poxa e un ano de excelentes resultados.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información