Poxa de Acruga na Fonsagrada este sábado

Poxa de Acruga na Fonsagrada este sábado

Unha poxa anterior na Fonsagrada. / Arquivo.

A Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega (Acruga) celebra este sábado, a partir das 12.00 horas, a súa tradicional poxa de gando de setembro na Fonsagrada, que volve ao mercado gandeiro despois de tres anos de parón pola pandemia. Arrinca así a nova tempada de poxas de Acruga, desde a celebración da poxa nacional de Adai, en xuño.

Desde as 12.00 da mañá poderase poxar por catro xovencas, procedentes do centro de recría da Granxa Gayoso Castro dependente da Deputación de Lugo, todas elas preñadas de entre tres meses e medio e algo máis de sete meses, e con idades comprendidas entre os 24 e os 27 meses. A retirada de tarxetas poderase realizar desde as 11.00 horas.

Coa celebración desta poxa, Acruga abre unha tempada na que se espera seguir coa tendencia á alza de boas vendas e cotizacións. Ademais, este recinto gandeiro adoita traer aparellados bos resultados para as poxas e feiras celebradas pola asociación que preside César Dourado, polo que as expectativas son boas.

Cada unha das catro xovencas presentadas a poxa contará cunha axuda á compra de 200 euros, achegada por Caixa Rural Galega.

Seguintes citas
O próximo día 10 de setembro, Acruga celebrará unha nova poxa en Castro Caldelas (Ourense), para regresar a terras lucenses, e de novo á montaña, o día 18, cunha nova poxa en Pedrafita do Cebreiro, outra das prazas fortes para as poxas de Acruga, xunto co mercado gandeiro da Fonsagrada.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información