Poulet de Janzé: un exemplo de como revalorizar a produción tradicional de polos

Esta cooperativa de avicultores da Bretaña vende os seus polos e capóns en toda Francia e mesmo no estranxeiro. Hai 20 anos decidiron autoorganizarse para escapar do poder das integradoras e matadoiros e defender o seu produto diferencial no mercado

Stéphane Letué e Sophie Guillet, na sede da cooperativa Poulet de Janzé

Stéphane Letué e Sophie Guillet, na sede da cooperativa Poulet de Janzé

Os produtores de polo galegos non pasan por un bo momento. A suba dos custos de produción e o seu escaso poder de negociación condiciona neste momento a rendibilidade das granxas. Moitas delas montáronse nos últimos anos, como complemento ás explotacións de vacún, en comarcas leiteiras, como a de Sarria, a da Ulloa ou a do Deza. 

É a mesma estratexia de diversificación que levaron a cabo na Bretaña francesa os produtores de leite nos anos 80 e 90, mais neste caso souberon escapar ao modelo de produción integrada que ata de pés e mans aos avicultores galegos.

O modelo de produción integrada afoga neste momento ás granxas avícolas galegas debido á suba dos custos de produción e á conxelación do prezo en orixe

Como exemplo de autoorganización, coñecemos a experiencia dos produtores de polo da zona de Janzé, no departamento de Ille et Vilaine, da man de Stéphane Letué, director da cooperativa Poulet de Janzé, que aposta pola produción de polos campeiros, con tradición na zona e hoxe recoñecida por distintivos de calidade franceses e europeos.

Ao igual que na Bretaña, a produción avícola ten tamén unha longa tradición en Galicia e mesmo localidades como Vilalba ou Vila de Cruces contan con producións diferenciadas, aínda que non logran traspasar o mercado local e unha época de demanda concreta no ano que coincide co Nadal.

Un produtor avícola de Janzé recibe 1,80€ por polo; un galego 0,40

Estandarizar esas producións a maior escala, gañando en volume e posicionamento no mercado, podería ser unha alternativa rendible para asentar novas explotacións profesionalizadas. Foi o que fixeron os produtores desta zona próxima a Rennes, que hoxe venden os seus polos campeiros, os seus capóns, pavos e galiñas de Guinea por toda Francia e noutros países europeos.

Tradición e estratexia comercial

Un de cada tres polos consumidos en Francia prodúcese na Bretaña. En conxunto, a área coñecida como Grand Ouest (Bretaña, Normandía e País de Loira) concentra o 63% da producción avícola de Francia.

Pero na zona de Janzé apostaron por unha produción diferenciada mantendo criterios tradicionais, mais con técnicas actuais e unha dimensión das granxas que permita a profesionalización das explotacións e cunha comercialización en conxunto que asegure mellor prezo e poder de negociación no mercado.

Un terzo da produción avícola de Francia concéntrase na Bretaña

Esa é a estratexia que están a seguir os 170 produtores que integran hoxe a Cooperativa, creada no ano 2000 e herdeira da Asociación Polo de Janzé nada no ano 1980 e que é a que se segue a encargar da xestión da IXP coa que contan desde o ano 1996.

A cooperativa presta unha serie de servizos aos socios e comercializa en conxunto toda a produción, para escapar deste xeito ao control dos matadoiros e empresas de distribución e lograr un mellor prezo en orixe.

Controis estrictos durante o proceso de cría

No século XIX xa existía un importante comercio de aves nesta zona da Bretaña francesa, até o punto de que as ceas de gala dos barcos que facían a viaxe trasatlántica entre Francia e América incluían no seu menú polo de Janzé.

“Quixemos aproveitar esa fama e esa reputación para desenvolver un produto de calidade”, explica Stéphane. Na súa casa producían polos e cebaban xatos e el entrou como técnico de seguimento da cría da Asociación no ano 1991.

Os polos son criados ao aire libre cunha idade mínima de sacrificio de 81 días

“Sabiamos que para diferenciarnos o primeiro era controlar todo o proceso de crianza para distinguírmonos do polo convencional”, indica. Existen uns 100 criterios, pero os máis importantes serían:
 – Idade mínima de sacrificio aos 81 días, en comparación co tipo industrial, onde se manexan periodos de 35 días.
– Densidade máxima de 11 polos por m2, a metade que na avicultura industrial.
– Saída ao exterior a partir dos 42 días, cun espazo ao aire libre de 2 m2 por polo.
– Tamaño máximo das naves de 400 metros cuadrados, en comparación cos 2.000 m2 que poden ter as granxas industriais.

“Estes criterios impactan no custo de producción, pero tomamos a decisión de restrinxir para dar calidade”, asegura. Existen controles por sorpresa nas granxas e Stéphane aclara que “en Francia os controis funcionan ben”.

Hai controis sorpresa e somos esixentes e estritos neles para manter a calidade

“Somos esixentes con eses controis. Aos polos hai que abrirlles ás 9 da mañá e sería aceptable que se lles abrira ás 9 e 5 minutos, pero se aceptas que se abra ás 9 e 5 acabaráse abrindo ás 10 porque se van creando unha serie de derivas. Por iso somos estritos e se hai problemas establécese un plan de acción con melloras concretas”, detalla.

O poder dos matadoiros

El matadero es subcontratado pero la cooperativa dispone de una flota propia de vehículos de reparto a nivel local

O matadoiro é subcontratado pero a cooperativa dispón dunha frota propia de veículos de reparto a nivel local

A Asociación creada en 1980 incluía a produtores, matadoiros e fabricantes de penso, mentres na cooperativa están só os produtores. “Aquí eran os matadoiros os que tiñan o poder e por iso os granxeiros agrupáronse nunha cooperativa para defender mellor os seus intereses e falar cunha soa voz”, explica Stéphane.

De 1980 a 2003 os matadoiros pagaban directamente a cada produtor. Agora é a cooperativa a que compra a produción aos produtores e a vende aos matadoiros e a marxe que logra pode reinvestila en servizos aos produtores.

Os produtores dispoñen dun seguro mutualista propio para axudar a outro produtor en dificultades económicas

Un exemplo concreto das melloras que supuxo a creación da cooperativa sería o prazo de cobro. Antes eran 5 semanas de prazo de pago desde a saída dos pitos, agora os produtores teñen un primeiro pago anticipado ás 3 semanas.

É tamén a cooperativa a que paga as visitas de control, as visitas técnicas de asesoramento, as visitas sanitarias e de desinfección para axilizar o sistema. Dispón asimesmo dunha caixa de seguridade, unha especie de seguro mutualista para apoiar a gandeiros en apuros. Non se habilita en casos de gripe aviaria ou sinistros protexidos por seguros convencionais e decide unha comisión formada por produtores.

Lista de espera para entrar á cooperativa

Desde hai 10 anos cada novo socio que entra na cooperativa ten que achegar unha carta de motivación que explique o seu proxecto para ver a coherencia e os compromisos adquiridos. “Os socios teñen que implicarse cos obxectivos da cooperativa”, defende Stéphane. Unha comisión valida as candidaturas. “Para 2023 xa está pechada esa lista e estamos a traballar xa na listaxe das persoas que solicitan unirse en 2024”, conta.

Constrúen entre 20 e 25 naves novas cada ano e limitan o acceso de novos socios buscando un crecemento sostido que garanta ingresos razoables aos produtores

Buscan un crecemento sostido que garanta ingresos aceptables aos produtores. “Neste momento estamos en situación de seguir construíndo naves de produción de maneira razoable”, asegura.

Constrúen entre 20 e 25 naves novas cada ano. Cada novo socio incorpórase normalmente con 2 naves, cada unha de 400 m2 e con capacidade para 4.400 pitos/ano (animal presente). “Aínda que o aumento non é tanto en novos socios senón en socios actuais que constrúen unha nova nave ou na adaptación de edificios xa construídos, máis antigos e que non cumpren cos criterios de benestar animal actuais”, detalla.

Alimentación

A cooperativa céntrase na venda da produción e no asesoramento aos socios pero non fabrica o penso. “En Francia hai tamén moitas cooperativas que traballan co modelo de integración, na que o produtor non é nada, pero esa é unha perversión do modelo cooperativo”, defende Stéphane.

Aínda que a cooperativa non fabrica directamente o penso, si que fixa os criterios de alimentación das granxas e escolle aos provedores. “O 100% de alimentos proceden dunha soa fábrica para que sexa cal for o produtor o pito teña o mesmo sabor e a mesma conformación. A receita e formulación é única e a elección da fábrica é unha escolla do Consello de Administración. Hai 30 anos había 5 fábricas baixo a mesma fórmula pero non había uniformidade”, aclara.

Hai 30 anos había 5 fábricas baixo a mesma fórmula pero non había uniformidade; hoxe escollemos un só fabricante de penso para todas as granxas

O fabricante de alimento non decide en nada a composición da receita, son enxeñeiros externos contratados pola cooperativa os que fan a formulación. Iso pásase á fábrica de penso, que elabora e factura ese traballo.

É o fabricante o que compra todas as materias primas e entre eses provedores pode haber socios da cooperativa (en Bretaña é frecuente que os gandeiros sementen tamén cereal), aínda que non é obrigatorio, hai liberdade de comercio tanto para o socio como para a fábrica de pensos.

As tres materias primas principais son trigo, millo e soia e as dúas primeiras hainas no mercado local

A cooperativa non caeu na tentación de crear a súa propia fábrica de penso. “Fabricas de penso en Bretaña hai moitas con bo custo de prestación e co noso volume non é interesante fabricar. Son 40.000 toneladas de penso ao ano, é o 10% da capacidade de produción dunha fábrica actual de penso, con ese volume non podemos ser competitivos”, argumenta Stéphane.

O obxectivo non é controlar nós todo o proceso senón ofrecer ao produtor un sistema no que se sinta seguro

O mesmo co matadoiro. “Custa moito un matadoiro para ter pouca produción. Somos demasiado pequenos e demasiado especializados neste momento para ir sós, quizais iso poida cambiar dentro de 20 ou 30 anos, pero hoxe en día é o matadoiro o que corre co risco de negociación coa gran distribución. O obxectivo non é controlar nós todo o proceso senón ofrecer ao produtor un sistema no que se sinta seguro”, razoa.

Label Rouge é unha marca de calidade especificamente francesa para produtos delicatesen

A márcaa Polo de Janzé está dentro do selo Label Rouge, que achega valor ao produtor e ao matadoiro. “Temos que explicar as nosas diferenzas para vender a nosa imaxe e os nosos produtos investindo máis en comunicación”, considera.

Organización do mercado

Han comenzado fabricar productos elaborados, como patés

A cooperativa comezou tamén a fabricar produtos elaborados, como por exemplo patés

Para fixar o prezo ponse de acordo toda a cadea de forma transparente: desde a fábrica de penso, a cooperativa e o matadoiro. “É unha garantía para todos. O matadoiro coñece todos os elementos que constitúen o prezo, polo que a negociación non é complicada. O prezo de compra é o prezo da materia prima, máis a marxe de produción que acordamos co gandeiro, máis a marxe para o funcionamento da cooperativa, máis o prezo de transporte. Cada mes facemos ese tipo de traballo para fixar o prezo”, detalla.

Traballan con dous matadoiros, pero un deles é o máis importante, vende o 80% da produción da cooperativa, sobre todo aos supermercados

“A diferenza dos porcos, poñemos en produción o que nos piden os matadoiros, que son os que teñen realizado unha análise de necesidades. Anticipan esa demanda cunha perspectiva de mercado de 4 a 6 meses de antelación para que nós podamos adaptarnos a ela á hora de producir, xa que necesitamos 21 días para incubar os ovos máis 81 días de crianza”, explica.

Esa adecuación ao mercado é un reto tanto para o matadoiro como para os produtores, pero se por unha circunstancia non hai demanda suficiente nun momento concreto o matadoiro sempre respecta os compromisos de compra e de prezos, aínda que el teña que vender despois ese pito sen o selo Label Rouge a menor prezo.

O produtor recibe 1,8€ por pito

O selo Label Rouge representa o 15% da produción avícola de Bretaña. A metade é Polo de Janzé e a outra metade Polo de Bretaña, outra marca de produtores da zona oeste similar en canto aos criterios de cría das aves. “Iso significa que o 85% das aves producidas son industriais”, evidencia Stéphane.

Polo de Janzé acapara o 5% da produción avícola francesa

“En Francia o sistema de segmentación do mercado é quizais demasiado complicado, moitísima diferenciación, con moitas categorías e o consumidor pérdese. Nos países do norte de Europa só hai 3 categorías: pito industrial e pito ecolóxico e no medio Freerange”, explica.

O prezo final de venda non o decide nin o produtor nin o matadoiro, senón a distribución. O prezo ao consumidor sitúase en 8€ o pito enteiro baixo o selo Label Rouge; 6,5€ no caso do Freerange; e 3,5 o pito industrial. Dese montante, o produtor recibe 1,8€ en Label Rouge; 1,50€ en Freerange; e 1,10€ en pito industrial.

Debido á inflación non hai tantos consumidores que teñan o poder de compra suficiente para comprar Label Rouge

“A marxe que as cadeas de distribución fixan é moito maior nun pito Label Rouge que nun pito industrial, se a marxe fose a mesma o Label Rouge venderíano a 6,5€ e habería máis vendas coa mesma marxe para o produtor”, quéixase Stéphane.

“A curto prazo poida que non haxa marxe de crecemento no mercado, porque coa inflación non hai tantos consumidores que teñan o poder de compra suficiente para comprar Label Rouge”, teme. E se hai menor demanda e atraso na saída de animais, iso tería un impacto sobre o baleiro sanitario entre lotes de produción e provocaría edificios baleiros, provocando unha afectación importante sobre a rendibilidade e o futuro das granxas.

Diversificando razas e tipos de produción

Gallinas de Guinea, conocidas como pintadas en Francia

Galiñas de Guinea, coñecidas como pintadas en Francia

Por iso a cooperativa puxo en marcha unha estratexia de diversificación da produción máis aló do polo campeiro, pero mantendo sempre o emblema da calidade. “Debido á inflación, a situación de mercado actual e os custos de materias primas non sabemos como van funcionar mañá os produtos baixo a marca Label Rouge. A cooperativa é consciente da dificultade de prever como vai evolucionar o consumidor e hai que ter capacidade de adaptarse a esa evolución e a esas demandas dos consumidores. Temos que anticiparnos aos desexos da sociedade para preparar o futuro con optimismo”, argumenta Stéphane.

O 8% dos produtores da cooperativa son ecolóxicos

“Os nosos edificios son capaces de producir pitos e pintadas Label Rouge pero tamén pitos de nivel intermedio entre industrial e Label Rouge (56 días no canto de 81), con selo Freerange, baixo estándar europeo”, detalla.

As 170 granxas asociadas producen ao ano 4 millóns de pitos, 300.000 pintadas ou galiñas de Guinea, 50.000 capóns (tradicionais en Francia tamén en Nadal), 5.000 pavos tamén para Nadal e 1,5 millóns de polos Freerange para exportar unicamente (a Alemaña e Holanda principalmente).

O matadoiro non pertence á cooperativa e confíaselle o traballo de matar os pitos pero non queremos concederlle o monopolio da comercialización

Investiron tamén en crear unha empresa filial da cooperativa para facer o reparto da produción a nivel local (restaurantes, carnicerías, asadores) e empezar a comercializar produtos elaborados. “Esta estratexia serve para non concederlle ao matadoiro o monopolio da comercialización e tamén para valorizar e comunicar a marca”, defende Stéphane.

“Estamos convencidos de que podemos aportar futuro aos nosos fillos nas granxas”

Los pollos son criados en libertad a partir de los 41 días de vida

Os polos son criados en liberdade a partir dos 42 días de vida

Sophie Guillet é un dos 170 produtores que forman parte da cooperativa. A maioría están nun radio de acción de 30 km desde Janzé, xa que o feito de dispoñer de IXP limita a localización das granxas.

Sophie empezou a produción de pito no ano 2000 xunto ao seu marido, Cristophe. “Tiñamos só vacas de leite e queriamos ter outra produción complementaria sen necesitar demasiada man de obra”, lembra.

Fixérono tamén cunha perspectiva de futuro. Sophie e Cristophe teñen 3 fillos e aspiran a que continúen na granxa. “Investimos coa idea do relevo xeracional”, asegura.

Investimos e diversificamos pensando en nós, pero tamén cunha perspectiva de transmisión futura

En 2013 asociáronse con outra familia veciña e hoxe son 5 os socios que constitúen GAEC Des Ondes. Dispoñen en total na actualidade de 8 naves de produción na localidade de Thourie e ademais de Sophie, Cristophe, Christine, Marie e Eric, teñen unha persoa asalariada.

Sophie e Cristophe seguen mantendo a produción de leite aínda que a maioría dos seus compañeiros de cooperativa fóronse especializando na produción avícola. “Ao principio eramos todos produtores de leite pero pouco a pouco imos indo a menos e a maioría dos 170 socios producen só pito hoxe en día”, conta Sophie.

Complementar os ingresos

Mentres lembra os motivos que os levaron a pensar en ter vacas e pitos, advirte do risco de depender dunha única produción. “Nos anos 80 e 90 démonos conta que era perigoso apostar só polo leite e pensamos nun enfoque de diversificación e en complementar os ingresos que tiñamos os agricultores para non depender exclusivamente dos ingresos da venda de leite. Esa experiencia iniciada para diversificar as producións agrícolas da zona deberíanos servir de exemplo e de advertencia para non apostar agora todo exclusivamente aos pitos”, di.

Démonos conta que era perigoso apostar só polo leite, había que diversificar os ingresos

Naquel momento, lembra, “había moitos agricultores que estaban como concelleiros nos concellos, algo que non pasa hoxe, e dábanse conta de que era importante diversificar para preparar o futuro. Foron eles os que dixeron temos que desenvolver unha produción de aves como seguro para os produtores. Por iso é importante que os agricultores se impliquen na vida local, para pensar en desenvolver o territorio e non exclusivamente en gañar eleccións”, argumenta.

Benestar e medio ambiente

La cooperativa apuesta por las energías renovables en las granjas, las instalaciones y los vehículos

A cooperativa aposta polas enerxías renovables nas granxas e nas súas instalacións e veículos

O sinal distintivo do Polo de Janzé é a súa crianza ao aire libre. “Saen fóra todo o ano, mesmo no inverno, pero o pito é intelixente e cando vai frío queda dentro”, conta Sophie. Label Rouge utiliza a raza I657, que non é unha raza autóctona específica de Bretaña. “É unha raza rústica, que non crece demasiado rápido”, indica.

Aínda que é o produtor o que compra directamente tanto os pitos pequenos como o penso, tanto as incubadoras como os fabricantes de alimentos son seleccionados pola cooperativa, que ademais de na estandarización das producións nos últimos anos está a facer moito fincapé tamén na calidade das instalacións.

Mellorar a imaxe das granxas serve tamén para mellorar a comercialización do produto

“Non podemos ser cribles para os consumidores se non damos unha imaxe positiva coas nosas granxas. A responsabilidade é conxunta, porque cun só produtor que teña unha mala imaxe impactaría en todos os demais, por iso temos a obriga de ser esixentes. Hai un equipo da cooperativa sobre o terreo que vela por iso”, defende Sophie.

Cos beneficios da cooperativa empezaron un programa de apoio á mellora das granxas (seguridade, benestar animal, mellora enerxética, imaxe dos edificios para os visitantes e veciños, etc) para mellorar deste xeito tamén a imaxe do produto que venden.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información