Potencialidade das frondosas caducifolias para madeira en Galicia

Especies como o castiñeiro, a nogueira, a cerdeira ou o carballo representan en conxunto menos do 5% das cortas que se fan cada ano en Galicia con destino industrial. Analizamos co director da Asociación Forestal de Galicia, Francisco Dans, as súas posibilidades no monte galego

Desde o 2018, a Asociación Forestal de Galicia (AFG) está xestionando un monte demostrativo no Pico Sacro (Boqueixón, A Coruña) orientado á produción de madeira de frondosas caducifolias. Aproveitamos un dos obradoiros sobre poda que se impartiron esta primavera no Monte para analizar co director da AFG, Francisco Dans, a potencialidade das frondosas en Galicia.

As frondosas caducifolias ocupan arredor dun terzo do monte arborado galego, pero o seu aproveitamento para a industria é residual. Unha das eivas claras que presentan as masas de frondosas galegas desde o punto de vista silvícola é que carecen, na súa maioría, de podas, tratamentos silvícolas e mellora xenética.

O resultado son árbores con nós, excesivas bifurcacións ou pouco rectas, que son pouco aproveitables para a produción de chapa ou táboa. Por iso a Asociación Forestal está enfocando os obradoiros que ofrece ás podas que hai que practicar en especies como castiñeiro e nogueira.

Outro requerimento claro para a obtención de madeira de calidade é o solo, pois as frondosas caducifolias precisan de solos profundos, ricos en materia orgánica e nutrientes, e que teñan boa drenaxe, é dicir, nos que non se encharque a auga.

Tutorial en vídeo sobre a poda de frondosas caducifolias
De cara a orientar ós propietarios forestais, a parte dos cursos que está a programar, a Asociación Forestal de Galicia elaborou un videotitorial sobre a poda de frondosas. Os técnicos da AFG inciden na necesidade de manter unha constancia e unha atención anual das plantacións, sobre todo nos dez primeiros anos, onde será preciso cuidar a correcta formación da árbore.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información