A venda das queixerías Lácteos Pérez Olveira (Santa Comba) e Alimentos Ruta Xacobea (O Pino) está pendente da decisión do xulgado que xestiona o proceso concursal de ambas sociedades. Hai dúas ofertas sobre a mesa por ambas unidades produtivas, unha do Grupo TGT, a principal industria de queixos a nivel estatal, e outra de Dairylac, a sociedade participada e liderada polas cooperativas Icos e Codeira. Falamos con José Luis López, o avogado que representa a Lácteos Pérez e a Alimentos Ruta Xacobea, para explicar o posicionamento das sociedades concursadas no proceso.
A solicitude de venda das queixerías de Santa Comba e do Pino partiu esta primavera das propias Lácteos Pérez Olveira e Alimentos Ruta Xacobea, que trasladaron a súa petición ó xulgado que tramita o proceso concursal. “A solicitude fixémola nós aportando a única oferta de compra que tiñamos entón, que era a de TGT” -explica José Luis López-. “Despois apareceu outra oferta máis, a de Dairylac, que se presentou directamente no xulgado”.
Situación do proceso
O xuíz ten que decidir agora se autoriza a venda das unidades productivas das concursadas. En caso de aprobar esa venda, espérase tamén que se defina sobre cal é a oferta máis beneficiosa no marco do concurso de acreedores.
“Hai que precisar que estamos nun intre do proceso no que as propias sociedades concursadas, xunto coa intervención do administrador concursal, son as que teñen a capacidade de venda. Por tanto, o papel do xuíz non é adxudicar as unidades produtivas a ninguén, é autorizar ou non a venda, e en caso de que se autorice, definir a quen se lle pode vender”, aclara José Luis López.
“Na actual fase do concurso, o papel do xuíz é autorizar ou non a venda, non adxudicarlle as unidades produtivas a ninguén”
O avogado das sociedades concursadas indica que o xuíz autoriza, pero que a vontade de vender depende do administrador social de ambas unidades produtivas, Jesús Pérez, coa intervención do administrador concursal. “Non podería venderlle a unha oferta que non fose a elixida polo xulgado, pero no caso de que as concursadas mellorasen a súa situación económica e chegasen a presentar unha proposta de convenio cos acreedores, podería non venderlle as unidades productivas a ninguén”, sinala. “Na actual fase do proceso, o xuíz autoriza a vender, pero non obriga a vender”.
Valoracións das ofertas
Á hora de valorar as dúas ofertas económicas que se presentaron polas queixerías, o representante de Lácteos Pérez Olveira decántase pola do Grupo TGT “por razóns económicas”, xa que a considera máis beneficiosa para o concurso, de cara a garantir o futuro de ambas plantas.
“TGT chegou a un acordo co acreedor principal para o pago e cancelación da garantía hipotecaria, que supera os 4 millóns de euros”
“Se se me pide que compare a oferta de TGT e a de Dairylac, ou case mellor habería que falar das sucesivas ofertas que Dairylac foi modificando, hai unha diferencia fundamental. TGT chegou a un acordo co acreedor principal, que ten unha garantía hipotecaría que supera na actualidade os 4 millóns de euros” -indica López-. “Ese acordo inclúe o pago e cancelación da hipoteca, en tanto que Dairylac non oferta o pago, oferta a subrogación da hipoteca e o seu pago conforme ó contrato de garantía hipotecaria, que ademais habería que dilucidar se está ou non vencido, como argumenta o acreedor”.
Sobre a posibilidade de que Dairylac adquira as unidades produtivas coa subrogación da hipoteca, o representante de Pérez Olveira recoñece que sería unha alternativa posible de acordo coa lexislación, se ben precisa que, nese caso, a Lei Concursal establece que o xuíz debe velar pola solvencia do comprador.
“Non queremos xulgar o proxecto de Dairylac, que podería ser exitoso con independencia de que adquira ou non estas unidades produtivas”
Desde a perspectiva de Lácteos Pérez, Dairylac non ofrece esas garantías de solvencia, pois apunta que a compañía pechou o exercicio 2015 cunhas perdas de 659.000 euros despois de impostos, unha cifra á que o avogado de Pérez Olveira suma as perdas de anteriores exercicios, correspondentes a Lasurgal, unha sociedade previa na que non participaban as cooperativas gandeiras.
“Pola nosa parte non queremos xulgar o proxecto de Dairylac de cara ó futuro, que podería ser exitoso con independencia de que adquira ou non estas unidades produtivas. Só valoramos se a súa oferta é boa ou non para o concurso, non se o seu proxecto é bo ou non para Galicia”, precisa o avogado que representa a Pérez Olveira.
Contexto
No sector lácteo, é coñecido que Lácteos Pérez participou nas negociacións que estiveron no xerme do proxecto de Dairylac, se ben finalmente non chegou a sumarse ó proxecto. A distancia agora entre ambas partes é patente.
“A nosa preferencia pola proposta de TGT deriva de que pensamos que é a mellor oferta. Tamén valoramos o feito de que TGT dialogara con nós”
O avogado de Pérez Olveira admite que Dairylac interesouse no seu día por presentarlle unha oferta de compra polas unidades produtivas de Santa Comba e do Pino, aínda que esa proposta non chegou a materializarse. “Dairylac nunca nos presentou unha oferta nin dialogou con nós sobre a proposta que entregou no xulgado. Cando decidimos solicitar a autorización de venda, a única oferta que tiñamos era a de TGT. A nosa preferencia por esta oferta deriva, en primeiro lugar, de que pensamos que é a mellor oferta para o proceso e ademais valoramos que se dialogara con nós á hora de formalizala”, explica José Luis López.
Tamén menciona o avogado de Lácteos Pérez unha diferencia entre ambas ofertas que califica de “anécdota curiosa”: “Tanto TGT como Dairylac comprométense a manter os arredor de medio cento de postos de traballo que hai nas dúas unidades produtivas, se ben a de Dairylac precisa que exclúe dese compromiso a dous traballadores, Jesús Pérez e o seu fillo”.
Lácteos Pérez e Alimentos Ruta Xacobea están a producir na actualidade a un 30-40% da súa capacidade
Futuro das plantas
Lácteos Pérez e as dúas empresas interesadas na compra das súas unidades produtivas agardan agora pola resolución xudicial que decida sobre o caso. Desde Pérez Olveira esperan que a venda poida repercutir nunha optimización da produción das dúas plantas, cos conseguintes beneficios que esa optimización levaría consigo para traballadores e gandeiros proveedores.
As queixerías de Santa Comba e do Pino están procesando na actualidade uns 70.000-80.000 litros diarios, o que representa un 30-40% da súa capacidade, que chega ós 200.000 litros día. Tanto se adquire ambas unidades TGT como se o fai Dairylac, a perspectiva é dun aumento da actividade de ambas plantas. Estes días trascendeu na prensa que Dairylac contaría co apoio de García Baquero, unha firma referente no sector, no caso de adquirir finalmente as queixerías de Lácteos Pérez.