“As posibilidades das fibras téxtiles recicladas son infinitas”

A necesidade de fibras téxtiles alternativas ás tradicionais, cun menor impacto ambiental, está a xerar novas liñas de negocio, como as fibras téxtiles recicladas. Falamos con Kirsi Terho, da empresa finlandesa Infinited Fiber, unha compañía que recentemente vén de asinar un acordo de subministro con Inditex

A empresa finlandesa Infinited Fibers desenvolveu un proceso químico polo cal a roupa vella pode transformarse en nova fibra e, asímesmo, en fío. Isto permitirá substituír unha parte da demanda de materias primas virxes no sector da moda, creando unha economía circular. A galega Inditex vén de selar este mes un acordo multianual de subministro con Infinited Fiber.

A reciclaxe de fibras téxtiles está ademais de actualidade en Galicia por ser unha das liñas de negocio previstas para a planta de Altri. A pasteira lusa proxecta en Palas de Rei (Lugo) unha planta de fibras téxtiles a partir de madeira, pero ten intención tamén de crear unha liña de reciclaxe de roupa usada.

Falamos con Kirsi Terho, directora de contas de Infinited Fiber, quen recentemente visitou Santiago de Compostela para participar no Foro Esenciais en Bioeconomía, organizado pola Axencia Galega da Industria Forestal.

Podería explicar en que consiste a actividade de Infinited Fiber?
A nosa empresa está collendo vellos téxtiles como vellos pantalóns vaqueiros, por exemplo, e converténdoos nunha nova fibra que logo permite facer fío, e de novo roupa. Para facer isto temos un proceso especial que manexamos nós mesmos, e que consiste nun proceso de reciclaxe químico co que podemos converter a roupa vella nun líquido de celulosa, e a partir del, rexeneramos de novo as fibras. En definitiva, a nosa compañía basease na tecnoloxía para converter todos os téxtiles nunha nova fibra, que despois dará lugar a novos fíos e novas prendas.

En que se basea esa tecnoloxía e como chega á súa empresa?
A tecnoloxía fundaméntase en investigacións desenvolvidas en Alabama nos anos 20 do século pasado. Unha vez comezamos a mirar no que podía ser utilizada esa tecnoloxía converteuse nalgo vital para nós. O noso fundador, Ali Harlin, comezou a probala en caixas, logo co papel, e despois con vellos vaqueiros, para ver se podía ser algo co que xerar novas fibras.

Cando isto se demostrou posible, o centro de investigación de ETT en Finlandia comezou a estudalo moi rapidamente. Entón deuse de conta da viabilidade e de que ademais había unha demanda real para a reciclaxe de téxtiles. A partir de aí, a nosa empresa xurdiu no 2016 para comercializar o produto en si.

Cal é a situación das materias primas tradicionais, como o algodón, en relación á demanda de téxtiles eco-friendly?
Esta é unha gran pregunta se se pensa nos tecidos máis tradicionais, como o algodón. A súa demanda é enorme neste momento, e cada día necesítase máis algodón. Para ser precisos, existen iniciativas que buscan alternativas, como o algodón orgánico, pero é unha opción pouco dispoñible, e ademais, cómpre ter en conta que non podemos seguir utilizando cada vez máis terra para cultivar algodón.

A maiores, é un produto que necesita moita auga e plaguicidas; por iso nós somos unha solución para esta parte.
En canto ao poliéster, todo o mundo o sabe: nalgún momento quedaremos sen petróleo e esa é unha vella fibra baseada nel, por non falar de que a sociedade estase desprendendo de moitos plásticos de microfibras.

Polo tanto, hai moitas cuestións que están nesa área, e ao mesmo tempo creo que as novas xeracións están desexando avanzar neste tema.

Como ve o futuro dos materiais téxtiles?
Nun mundo ideal serían reciclados, renovados e compostables, pero para ser honesta, creo que vai ser unha mestura de moitas cousas. Por suposto que haberá máis e máis cantidades destas prendas ideais en circulación, pero creo que fan falta anos ata que esteamos alí.

Pola nosa parte, as instalacións teñen unha produción pequena, e por agora tan só podemos proporcionar o material suficiente para probas. Nun futuro, no 2024, teremos unha gran fábrica en Finlandia, para enfocarnos á comercialización, que producirá sobre 30.000 toneladas ao ano, aínda que iso é unha fracción do que se necesita.

Se pensamos no número de tendas que ten Inditex, por exemplo, para ter un par de camisas e un par de vaqueiros deste tipo en cada tenda necesitaríanse moitas fibras. A industria téxtil é tan grande que hai un sen fin de posibilidades.

De onde xorde o seu interese no mundo das fibras téxtiles?
O meu interese nace por herdanza familiar. Son unha fabricante de fibra de terceira xeración. O meu avó e o meu pai estiveron vencellados a unha fábrica de viscosa, para a que despois rematei traballando. A min sempre me interesou a química e dalgunha maneira busquei levala ao ámbito téxtil e realmente entender a fibra en si, o que é.

Tras deixar a fábrica de viscosa, decidín continuar polo camiño da fibra. Daquela estaba nun grupo de estudo vencellado ás tecnoloxías téxtiles para o cal acabei facendo de consultora e interactuando coa empresa para a cal hoxe traballo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información