No último ano en Galicia, a agricultura ecolóxica aumentou un 3 % en número de operadores (elaboradores e productores) e na última década (2013-2023) o crecemento rexistrado foi do 136 %. A concienciación medioambiental acompañada da demanda dos consumidores son os motores que impulsan este sistema, cada vez con máis futuro, de producir alimentos.
Non obstante, esta concienciación ten que vir acompañada dun “aval” e este aval é a certificación ecolóxica, a única forma de garantir que os alimentos son producidos/elaborados de acordo a prácticas agrícolas respectuosas co medio ambiente e o benestar animal, co que se conseguen alimentos de alta calidade, sen pesticidas e sen aditivos non permitidos. Esa é a garantía do selo Craega, o cal se enmarca dentro das normas europeas de obrigado cumprimento.
Ademais, en vista da crecente demanda de produtos ecolóxicos coa súa certificación e tendo en conta os importantes cambios realizados na última PAC, a Comisión Europea, no marco do Plan de acción para o futuro da produción ecolóxica na Unión Europea, pretende aumentar o grao de coñecemento, por parte de agricultores e axentes rurais, das medidas dispoñibles en beneficio da agricultura ecolóxica a través dos instrumentos pertinentes previstos pola nova política agrícola común e a política pesqueira común.
Por iso, se xa es un consumidor da alimentación ecolóxica, estás a pensar en producir alimentos con certificación ecolóxica ou queres dar o paso de convencional a ecolóxico é fundamental coñecer as medidas de apoio existentes no marco da política agrícola común (PAC) e do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), tanto no que atinxe as normas dos procesos de produción, transformación e comercio coma as relativas á conversión. A continuación, resumímolas en seis puntos principais:
1. A POLÍTICA AGRÍCOLA COMÚN (PAC)
Todos os Estados membros deben dedicar o 30 % dos pagos directos a financiar a adopción de prácticas agrícolas sostibles, o denominado “Pago Verde”. Se vostede xa é un agricultor eco, non terá que modificar as súas prácticas agrarias para cumprir con ese pago.
2. O PAGO VERDE
A UE ofrécelles cofinanciamento ás asociacións de agricultura ecolóxica, sindicatos agrarios, organizacións ambientais e outras partes interesadas para explicarlles ao público, agricultores e demais persoas activas das zonas rurais en que consiste a agricultura ecolóxica no marco da PAC.
3. A ALIMENTACIÓN ECO NAS ESCOLAS
É importante lembrar que a UE financia programas voluntarios que lles ofrecen ás escolas a posibilidade de abastecerse de alimentos ecolóxicos e de abordar temas relacionados coa agricultura ecolóxica. Esta posibilidade de financiamento fortalece o vínculo entre os alumnos e as alumnas e a agricultura ecolóxica e axuda a afianzar a demanda destes produtos ecolóxicos a longo prazo.
4. PROGRAMAS DE DESENVOLVEMENTO RURAL
Os Estados membros teñen a oportunidade de ofrecer apoio adicional aos agricultores e operadores ecolóxicos a través dunha serie de posibilidades de financiamento flexibles para promover, por exemplo, a cooperación na cadea alimentaria para impulsar a innovación, o desenvolvemento de programas de calidade para os produtos agrícolas, a creación de grupos ou organizacións de produtores etc.
5. O MAR TAMÉN PODE SER ECO: A ACUICULTURA
Existen medidas en asuntos marítimos e pesca que ofrecen apoio para converter os métodos de produción de acuicultura convencionais en acuicultura ecolóxica a través do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).
6. INNOVAR E INVESTIGAR
Finalmente, tamén existen iniciativas de apoio aos grupos de agricultores, investigadores, divulgadores agrarios, empresas, ONG etc. de áreas rurais para traballar conxuntamente en proxectos innovadores a través de EIP AGRI. O financiamento lévase a cabo a través do Feader.
Garantía de calidade ecolóxica
Para recoñecer que un alimento está producido baixo o regulamento ecolóxico, na súa etiqueta deben aparecer as seguintes referencias:
-O logotipo ecolóxico europeo. Trátase dunha folla perfilada con estrelas sobre fondo verde, que é sempre obrigatoria. No caso de alimentos certificados en Galicia, o código do órgano de control (ES-ECO-022-GA) e o selo Craega que así o certifique.
-O lugar de orixe dos ingredientes, que poden ser: agricultura UE, cando as materias primas son da Unión Europea; agricultura NON UE, cando os ingredientes son de terceiros países, e agricultura UE/NON UE, cando a orixe é mixta.