“Portugal saíu da cola de Europa en prezos do leite, en parte grazas á entrada de novos operadores estranxeiros no mercado”

Entrevista a Marisa Costa, Vicepresidente da Associação de Produtores de Leite de Portugal (APROLEP)

Marisa Costa, Vicepresidente da Associação de Produtores de Leite de Portugal (APROLEP)

Marisa Costa, Vicepresidente da Associação de Produtores de Leite de Portugal (APROLEP)

Cerca de 600 produtores e técnicos vindos de todo o país estiveron reunidos no III Encontro Nacional de Produtores de Leite, o día 3 de xullo, na Sociedade Agrícola da Casa das Póvoas, en Fajozes, Vila do Conde (Portugal).

A renovación xeracional no sector leiteiro foi un dos temas centrais do encontro, organizado pola Associação de Produtores de Leite de Portugal (APROLEP). Os produtores de leite consideran que só garantindo un mellor apoio á instalación de mozos agricultores e ao investimento produtivo nas explotacións leiteiras será posíbel atraer e reter os mozos nesta actividade.

Os produtores de leite piden ao Goberno que aumente os apoios ao investimento agrícola na próxima reprogramación no PEPAC, cuxa abertura de candidaturas está prevista para o 3º trimestre de 2024.

Para analizar estas e outras cuestións falamos con Marisa Costa, Vicepresidente da Associação de Produtores de Leite de Portugal (APROLEP), organizadora do encontro.

-Que é a APROLEP, o que destacaría da súa historia e que representación ten hoxe no sector leiteiro portugués?
A APROLEP é a Associação de Produtores de Leite de Portugal, fundada en 2010 para defender o sector do leite e loitar por un “prezo xusto” á produción. O incentivo ao consumo de lácteos nacionais coa campaña “ESCOLHA PTL” e a constante denuncia da importación de lácteos estranxeiros foron algunhas das grandes batallas da asociación. O aumento dos custos de produción do leite e o baixo prezo pagado á produción foi varias veces denunciado pola APROLEP e culminou cunha gran manifestación fronte a todas as cadeas de supermercados a fin de apelar a un prezo que permita a supervivencia de todos os que fan da produción de leite un modo de vida.

-Acabastes de celebrar o Terceiro Encontro Nacional dos Produtores de Leite, o día 3 de xullo. Que salientaría deste encontro?
O III Encontro Nacional de Produtores de Leite contou con máis de 600 produtores e ténicos do Norte a Sur do país e unha adhesión bastante significativa de fornecedores que se xuntaron a esta iniciativa. O feito de termos a demostración do 1º unifeed eléctrico suscitou bastante curiosidade e interese dos participantes. A renovación xeracional no sector leiteiro foi un dos temas centrais do encontro. Os produtores de leite consideran que só garantindo un mellor apoio á instalación de mozos agricultores e ao investimento produtivo nas explotacións leiteiras será posíbel atraer e reter os mozos nesta actividade.

-Cales son as principais reivindicacións da APROLEP para a administración?
A renovación xeracional e as cuestións ambientais son neste momento as principais preocupacións da APROLEP.

Os produtores de leite piden ao Goberno que aumente os apoios ao investimento agrícola na próxima reprogramación no PEPAC, cuxa abertura de candidaturas está prevista para o 3º trimestre de 2024.

Os actuais apoios á instalación e ao investimento produtivo dos mozos agricultores, con importe máximo de 35 000 euros e de 208 mil euros, respetivamente, son insuficientes para o investimento elevado necesario á modernización das ganderías, única vía para que a produción de leite sexa un negocio atractivo para as novas xeracións.

A produción de leite en Portugal afronta actualmente un conxunto de desafíos que esixen a unión e solidariedade entre os produtores e todos os elos na cadea “do prado ao prato”.

Para asegurar o futuro do sector, para reducir o abandono de produtores que pon en risco abastecemento pleno de leite en Portugal, a APROLEP reafirma a necesidade dun “prezo xusto” para todos os produtores de leite, capaz de pagar os custos de produción, o traballo dos agricultores e os investimentos necesarios para gañar dimensión, asegurar o benestar animal, garantir a seguranza alimentar e o equilibrio ambiental.

“Portugal estivo desde 2010 na cola da Europa en relación ao prezo pago aos gandeiros”

-Que destacaría sobre a situación actual do sector da produción de leite en Portugal? Os bos prezos dos últimos dous anos incentivaron o aumento da produción?
Portugal estivo desde 2010 na cola da Europa en relación ao prezo pagado á produción. Entre 2016 e 2021 foi mesmo o país máis mal pagado da Unión Europea, o que fixo que as explotacións acumulasen débedas. A estabilidade do prezo pagado á produción nos últimos dous anos permitiu regularizar algunhas das contas das granxas. O feito de existiren novos players no mercado, nomeadamente estranxeiros, potenciou a saída dalgúns produtores permitindo a outros aumentar lixeiramente a produción. No entanto, as imposicións ambientais e a nova PAC limita bastante o aumento da produción.

-En Portugal as principais industrias leiteiras son cooperativas. Como iso inflúe nos prezos e na negociación de contratos?
A maior industria de leite portuguesa -LACTOGAL- pertence de feito do sector cooperativo. O último ano temos verificado unha nova abordaxe e estratexia que agrada aos produtores. Mais infelizmente, na práctica os produtores non teñen tanta influencia como sería suposto na estratexia e no prezo pagado á produción polas empresas do sector cooperativo. O que temos verificado os últimos anos é que o prezo do leite do sector cooperativo sofre menos oscilacións que as outras industrias.

-En España, a produción de leite concéntrase cada vez menos no territorio, cos problemas de falta de superficie que iso provoca. O mesmo acontece en Portugal?
O acceso á terra é un problema en Portugal. No norte do país existen moitas parcelas de pequenas áreas e iso leva á perda de eficiencia. É necesaria unha mudanza de mentalidade, nomeadamente en relación ao aparcelamento.

APROLEP portugal 2

-Como está a progresar a robotización, especialmente no muxido, nas explotacións en Portugal?
A opción por muxidos robotizados é cada vez máis unha realidade en Portugal pola fata de man de obra calificada.

 “Portugal presenta un saldo comercial negativo de 236 millóns de euros en alimentos lácteos”

-A produción leiteira de Portugal cobre a demanda interna? Existe potencial de crecemento?
Portugal presenta un saldo comercial negativo de 236 millóns de euros, aínda que sexa variável segundo os produtos. O leite e natas presentan un saldo positivo, tal como a manteiga. En sentido inverso están o queixo, o soro de leite, e os iogurtes.

-A Galiza e Portugal manteñen unha relación estreita, tamén na industria láctea, coa presenza da Lactogal na Galiza e de cooperativas como a DELAGRO en Portugal. Cal é a relación da APROLEP coas organizacións galegas de produtores de leite?

Mantémonos informados e atentos aos movementos e mudanzas no sector do leite, mais non temos desenvolvido contactos.

-Na Galiza, as organizacións agrícolas denuncian a competencia desleal exercida por algunhas industrias leiteiras ao importar leite a prezos máis baixos doutros países, como Francia ou Portugal. Acontece algo semellante en Portugal?
A APROLEP ten un papel importante nesta cuestión da importación de leite a prezos baixos doutros países. Sabemos que a riqueza dun país é tanto maior canto máis forte for o sector primario, porque impulsa toda a economía. A pandemia e a guerra da Ucraína deixaron iso moi claro.

-Como ve o sector produtor de gado leiteiro en Portugal de aquí a 10 anos?
Será un sector envellecido e seremos moito menos produtores. En Portugal menos do 3% dos agricultores teñen menos de 35 anos. Por outro lado, será un sector onde non haberá desemprego e os salarios serán moi elevados.

 É importante unha estratexia de comunicación clara e efectiva por parte do Goberno sobre os beneficios do sector agrícola

-Algo máis que queira engadir?
É importante unha estratexia de comunicación clara e efectiva por parte do Goberno sobre os beneficios do sector agrícola para o noso país. A agricultura é aliada do ambiente. Os agricultores son mesmo os xardineiros da paisaxe. O sector agrícola é o único sector de actividade que produce osíxeno e capta dióxido de carbono. Nunha altura en que a Dinamarca avanza coa taxa de carbono de 90euros/vaca por causa das emisións de gases de efecto invernadoiro, sería importante facer o cálculo ao contrario e entender cal a contribución efectiva da agricultura para o ambiente.

APROLEP portugal 1

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información