Portugal quéixase das exportacións españolas de produtos lácteos

A Asociación Nacional de Industrias Lácteas do país veciño advirte dun déficit de 165 millóns de euros na súa balanza comercial con España en leite e derivados. Critica a presión galega sobre as exportacións lusas

Portugal quéixase das exportacións españolas de produtos lácteos

Lactogal, propietaria de Leche Celta, é unha das firmas integrantes da patronal láctea lusa.

A crise xeralizada dos mercados lácteos en Europa agrava as tensións polas exportacións de leite e derivados que recibe cada país. En España apúntase tradicionalmente a Francia e, no caso galego, a Portugal. En Portugal quéixanse tamén agora das exportacións españolas e critican con dureza a presión galega sobre o leite luso que se envía á comunidade. A Asociación Nacional de Industrias Lácteas (ANIL) do país veciño advirte dun déficit de 165 millóns de euros na súa balanza comercial con España en leite e derivados lácteos.

Portugal ten un problema análogo ó de España. A súa produción nacional é inferior ó consumo, polo que ten que tirar de importacións para cubrir a demanda. A cuestión, como en España, é ata que punto esas importacións presionan á baixa os prezos en Portugal e poden chegar a dificultar a comercialización do leite propio. A patronal portuguesa do sector acusa directamente a España de dumping comercial.

“Portugal ten servido de sumidoiro de leite español, vendido a prezos extremadamente baixos e comprometendo os principios de competencia” (ANIL)

“Portugal ten servido de sumidoiro do leite excedentario que España non ten capacidade de transformar, vendido a prezos extremadamente baixos, comprometendo os principios elementais da competencia e pondo en cuestión unha parte importante do tecido empresarial e das explotacións lácteas nacionais”, advirte a ANIL.

As industrias lusas exhiben as estatísticas de comercio do 2015 para avalar as súas críticas. “No 2015, o noso déficit de lácteos con España agravouse en 3,5 millóns de euros, quedando a final de ano en 165 millóns de euros” -sinalan.- “Máis da metade de todas as nosas importacións de lácteos proveñen de España e de bases loxísticas españolas”.

Cifras de comercio exterior
Os datos de comercio exterior de España corroboran o déficit luso na importación-exportación de leite e derivados. Nos primeiros 11 meses do 2015, España exportou lácteos a Portugal por 203,7 millóns de euros, en tanto importou do país veciño por importe de 92,1 millóns de euros. As cifras, non obstante, cambian se se mira a balanza Galicia-Portugal. Nos primeiros 11 meses do ano, Galicia recibiu lácteos de Portugal por importe de 52,5 millóns de euros e exportou por valor de 16 millóns de euros.

España exporta a Portugal o dobre do que recibe. O caso galego é o contrario, importa o triple do que exporta

O gran volume de importacións de leite líquido procedente de Portugal preocupa ó sector gandeiro de Galicia, se ben tamén hai conciencia de que parte dese leite se dirixe a torres de leite en po, polo que non repercute de xeito negativo sobre o mercado. A Xunta mantén un estreito control sobre o leite que chega de Portugal, con máis de 200 inspeccións da Policía Autonómica nos últimos meses sobre os camións cisterna lusos.

Ese control, que se saldou con máis de 70 denuncias administrativas, é cuestionado pola ANIL. “A Policía Autonómica Galega ten en curso unha campaña sistemática e premeditada para controlar o leite e derivados procedentes de Portugal, con vista a desincentivar, por vía administrativa, as nosas exportacións”, cuestionan.

Nun ano “extremadamente difícil” como o que se aveciña na produción láctea, os portugueses consideran que os controis galegos á exportación agravarán a situación interna do seu sector. “Nun escenario extremo, non se pode excluir que acontezan accións de vinganza”, conclúe a patronal lusa.

Máis información
Gráfico do comercio internacional de lácteos en Portugal no 2015

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información