Portugal formalizou as restriccións ao eucalipto, un debate aberto en Galicia

O sector forestal galego trata de contrarrestar a “demonización da especie”, en tanto a Xunta aínda non aclarou se proseguirá adiante coa prohibición de plantacións na provincia de Ourense e en 29 concellos do centro e sur de Lugo

Publicidade
Portugal formalizou as restriccións ao eucalipto, un debate aberto en Galicia

Portugal permitirá as replantacións de eucalipto, pero non a ampliación da superficie da especie.

O lume de hai un mes en Pedragao Grande, que se saldou alomenos con 64 mortos, acelerou a reforma forestal que estaba a debate en Portugal. O Parlamento portugués aprobou estes días prohibir novas plantacións de eucalipto, coa única excepción de que se permitirá o traspaso de superficies de áreas ecolóxicamente mal ubicadas ou económicamente non rendibeis, principalmente do interior ó litoral. En Galicia, o debate sobre o eucalipto segue aberto.

A decisión de Portugal de limitar por vía lexislativa a expansión do eucalipto chega nun intre no que en Galicia continúa aberto o debate sobre posibles restriccións. A Xunta baralla desde hai dous anos prohibir as plantacións de eucalipto na provincia de Ourense e no centro e sur de Lugo, se ben a oposición de gran parte do sector forestal a esa limitación deixa o tema no aire.

O sector forestal galego advirte de que a maior parte dos lumes prodúcese en monte a mato, non arborado

Eucalipto e lumes
Tras o incendio forestal de Pedragao Grande, xerouse en Portugal un debate sobre o eucalipto, unha especie que se considera que facilita a propagación do lume. En Galicia, o sector forestal tratou de contrarrestar esa imaxe que liga os eucaliptos cos lumes cunha campaña publicitaria en medios de comunicación na que puña de manifesto que a maior superficie de incendios en Galicia rexistráse en terras a mato, non arboradas.

Desde a perspectiva dos dez colectivos que suscribían a campaña publicitaria, principalmente asociacións empresariais e de propietarios forestais, os datos desminten que o eucalipto favoreza ós lumes. Ben ó contrario, o sector entende que o aproveitamento produtivo do monte reduce o risco de lumes forestais.

Ordenación do territorio
Da campaña publicitaria quedaron á marxe colectivos como o Sindicato Labrego, que avoga por un consenso en Galicia sobre a ordenación do territorio. “Nós nunca dixemos eucalipto non en Galicia. O que se trata é de que ten que existir unha ordenación do territorio, de usos e incluso de especies. O problema do eucalipto é que se están facendo plantacións que infrinxen as actuais leis, en superficies agrarias ou sen respeto ás distancias a núcleos de poboación, e que se están a plantar moitas hectáreas continuas” -valora Diego Sánchez, do Sindicato Labrego-. “Pero o eucalipto é unha alternativa produtiva onde sexa unha estación propicia para a especie”, defende.

“Nós nunca dixemos ‘eucalipto non’ en Galicia. O que se trata é de que exista unha ordenación territorial” (Diego Sánchez, SLG)

En canto á campaña publicitaria, Sánchez considera que seu maior erro radica en contrapoñer monte arborado e monte a mato, “como se este último estivese abandonado”, cuestiona. “Hai zonas a matogueira que teñen que ser así polo seu entorno, hábitat ou porque están aproveitadas para pastoreo. Por outro lado, hai moito monte arborado que está abandonado porque non se fai silvicultura nel”, sinala Sánchez.

Cuestión emocional
Desde a Asociación Forestal de Galicia (AFG), que organizou no mes de xuño unha xornada de debate sobre o eucalipto en Galicia, inciden en que as especies forestais “non son boas ou malas, agás cando se fai unha mala xestión, como ocorre con calquera outro cultivo”.

“A conservación da biodiversidade e da paisaxe rural non pode recaer sobre os propietarios, sen que reciban estes ningún ingreso” (AFG)

A Asociación Forestal entende que se está a producir unha demonización da especie máis ligada a aspectos emocionais que racionais. “É certo que hai diversos estudos que demostran que a diversidade biolóxica é menor en eucaliptais ou que, desde o punto de vista da psicoloxía da paisaxe, a cidadanía prefire bosques naturais ou escenarios agroforestais en mosaico, pero esas eivas pódense mitigar cunha axeitada ordenación do territorio e planificación forestal”, valora.

“En calquera caso -conclúe a Asociación Forestal de Galicia-, a conservación da biodiversidade e da paisaxe rural non debe recaer unicamente sobre os propietarios das terras, sen que reciban estes ningún ingreso polos servizos ecosistémicos que xeran. Cómpre tamén que toda política de ordenación do territorio, paisaxe ou conservación da natureza, conte desde a súa redacción inicial coa participación real e directa tanto dos propietarios das terras que vai afectar como dos actores económicos implicados”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información