Portugal aprende de Galicia como empregar o helimulching para protexer o solo tras un incendio

Portugal aprende de Galicia como empregar o helimulching para protexer o solo tras un incendio

Técnicos do Departamento Regional de Gestão e Valorização da Floresta do Instituto da Conservação da Natureza e das Florestas de Portugal desprazáronse a Galicia para formarse no emprego da técnica do helimulching para contribuír a evitar a erosión do solo tras os incendios forestais. En concreto, visitaron cun grupo de investigadores do Centro de Investigación Forestal de Lourizán a parroquia de Río Caldo, no concello ourensán de Lobios, para ver os traballos de recuperación levados a cabo en máis de 80 hectáreas.

Na xornada formativa, os responsables da xestión do monte do goberno portugués destacaron a importancia do protocolo de actuación promovido pola Xunta para rexenerar de forma operativa os terreos afectados polos lumes, así como a implicación do persoal encargado de desenvolver estas tarefas. Tamén se analizaron os criterios de selección das áreas a tratar en función do dano na vexetación e no solo, por seren prioritarios para programar e orzamentar de xeito axeitado as actuacións necesarias.

Actuacións en máis de 200 hectáreas de terreo afectadas por lumes forestais

O Goberno galego está a executar traballos de recuperación para paliar as consecuencias dos incendios de setembro no municipio ourensán de Lobios, pero tamén nos de Verín, Monterrei, Cualedro, Vilar de Barrio, Vilariño de Conso e Manzaneda. En total, estase a actuar en máis de 200 hectáreas de terreo, creando unha cuberta protectora do solo con materiais como a palla de cereais, co fin de evitar a escorrentía superficial e a erosión. Estes traballos lévanse a cabo cun helicóptero -helimulching- nas zonas de máis pendente, como é o caso de Lobios, e de forma manual -mulching- nas áreas accesibles a pé, sempre baixo as directrices dos técnicos especialistas do Centro de Investigación Forestal de Lourizán.

A Xunta está a desenvolver estas tarefas novidosas de rexeneración dende o ano 2010, servindo de referente para outras rexións españolas e mesmo europeas, como é o caso da portuguesa. Así, durante a visita dos representantes lusos a Ourense tamén se trataron os aspectos loxísticos a ter en conta na implementación deste tipo de labores, así como os bos resultados obtidos en anos pasados.

Tras este encontro entre técnicos portugueses e galegos, o obxectivo é continuar coa colaboración e o intercambio de experiencias para mellorar a xestión e a conservación dos montes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información