Portugal anuncia un plan de pagos directos ós sectores agrarios afectados polo coronavirus

O Goberno luso aumenta en 25 millóns de euros os pagos destinados a granxas de zonas desfavorecidas. Pídelle autorización á Comisión Europea para traspasar 85 millóns de euros de fondos de desenvolvemento rural a axudas para explotacións en crise

A ministra lusa de Agricultura durante unha visita a unha empresa hortofrutícola. / Arquivo.

A ministra lusa de Agricultura durante unha visita a unha empresa hortofrutícola. / Arquivo.

Ante a insuficiencia das medidas acordadas ata o de agora pola Comisión Europea para encarar a crise do coronavirus no agro, o Goberno portugués está a impulsar o seu propio paquete de medidas. Como primeiro paso, a ministra de Agricultura lusa, María do Ceu Albuquerque, anunciou que no 2020 reforzará con 25 millóns de euros os apoios a granxas de zonas desfavorecidas.

Unha segunda liña de apoios está pendente da autorización de Bruxelas. Portugal quere destinar 85 millóns de euros dos fondos de desenvolvemento rural previstos na PAC 2021-2027 a axudas directas no 2020. Ese traspaso de fondos, que debe ser autorizado por Europa, permitiría fortalecer ós produtores máis afectados na actual crise, compensándoos polas perdas sufridas e garantindo que poden manter a súa actividade.

Trataríase así de pasar fondos do segundo pilar da PAC (fondos de desenvolvemento rural) ó primeiro pilar (axudas directas ó agro), co matiz de que os fondos que cambiarían de destino corresponden ó periodo 2021-2027. A proposta portuguesa consiste en anticipar 85 millóns de euros deses fondos en forma de axudas directas no 2020 para enfrontar a crise dos distintos sectores agrarios.

O Ministerio portugués proxecta que estas axudas directas pola crise beneficien a todo o agro, pero primando ás explotacións de menor dimensión, pois pagarase máis polas primeiras hectáreas de superficie.

As medidas excepcionais anunciadas polo Goberno luso ascenden a un total de 140 millóns de euros. Ademais das citadas, prevese unha liña de crédito bonificado de 30 millóns de euros para o sector de flor e planta ornamental.

Situación en Galicia
En Galicia, mentres tanto, os sectores máis afectados, como o vacún de carne, o ovino e caprino, a flor ou o vitícola, mantéñense á expectativa dos apoios que poidan concretar Xunta ou Ministerio nas próximas semanas.

As organizacións agrarias galegas viñan demandando unha liña de apoios similar á decidida agora por Portugal. Unións Agrarias defende que no caso de Galicia é posible reprogramar fondos do actual Plan de Desenvolvemento Rural 2014-2020 para concederlle axudas directas ós sectores máis afectados, sen necesidade de botar man dos fondos de desenvolvemento rural do periodo 2021-2027, como propón Portugal.

Outra cuestión que xa se ten demandado en Galicia é o aumento das axudas para zonas desfavorecidas, tanto de montaña como outras, pois os pagos ás granxas galegas ubicadas en zonas desfavorecidas sitúanse moi por baixo do permitido pola normativa europea.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información