Portaenxertos de ‘Castanea sativa’ resistentes á tinta e adaptados ao cambio climático: a experiencia de Estremadura

Tragsa cultiva no seu vivero de Maceda, en Ourense, variedades de castiñeiro europeo procedentes do sur de España capaces de facer fronte ao fungo Phytophthora cinnamoni e de tolerar estrés hídrico e térmico, esquivando así os problemas de adaptación e supervivencia habituais dos clons híbridos

Publicidade
Beatriz Cuenca Valera, durante su intervención en el curso de verano sobre castaño y cambio climático en Lugo

Beatriz Cuenca Valera, durante a súa intervención no curso de verán sobre castiñeiro e cambio climático en Lugo

O cultivo do castiñeiro en Estremadura está a ter un gran desenvolvemento nos últimos anos, cun crecemento notable de novas plantacións. Pero ata agora boa parte do material xenético dispoñible procedía de Galicia, con dificultades de adaptación en latitudes máis ao sur, sobre todo debido aos efectos do cambio climático.

Por iso, a Xunta de Estremadura ten especial interese en obter portaenxertos de variedades locais capaces de resistir os efectos do estrés hídrico e térmico, unhas variedades que cultiva a empresa pública Tragsa no seu viveiro de Maceda, en Ourense.

Beatriz Cuenca Valera, responsable de proxectos do viveiro, explica que “ata agora, aos produtores de castaña estremeños a maior parte dos materiais que lles chegaban eran galegos pero están interesados en desenvolver as súas propias variedades, as que están adaptadas ás súas condicións”, afirma.

O Rexistro de Variedades Comerciais conta nestes momentos con 23 variedades galegas e 11 variedades asturianas e están en proceso de rexistro as variedades de Castela e León. Estremadura está tamén a seleccionar as súas propias variedades, buscando nelas resistencia a enfermidades e a estrés múltiple (térmico e hídrico no verán e enchoupamento no inverno).

O castiñeiro é un cultivo en auxe en comarcas como o Val do Xerte, As Villuercas, A Vera e o Val de Ambroz

A maior parte da produción de castaña de Estremadura aínda está baseada nas variedades tradicionais, que achegan arredor do 70-80% do total, sendo as principais a Verata e a Injerta en Villuercas e a Pablo no Val do Xerte.

Pero nos últimos anos, o retroceso do castiñeiro tradicional debido á elevada mortalidade dos castiñeiros pola enfermidade da tinta e ao cambio de orientación produtiva cara á comercialización da castaña en fresco, onde se buscan froitos de maior calibre, propiciou a introdución de castiñeiros híbridos, ben como portaenxertos para repoñer as marras de árbores, ou ben como híbridos produtores directos de castaña de maior tamaño e máis temperá.

Resistencia á tinta

“A presión da tinta é moito máis elevada na parte occidental da península”, asegura Beatriz, que explica os resultados de distintos estudos realizados ata a data. Tragsa comparou 4 poboacións situadas en Galicia (Bergondo), Estremadura (Hervás), Cataluña (Montseny) e Andalucía (Constantina), comprobando que a descendencia desas masas que están en zonas con alta presión de Phytophthora cinnamoni teñen maior resistencia á tinta.

O nivel de hibridación con variedades asiáticas en Galicia é moi alto

“Seleccionamos árbores tolerantes a Phytophthora cinnamoni en zonas onde había presenza da enfermidade e vimos que o nivel de hibridación con variedades asiáticas en Galicia é moi alto. Entre un 11 e un 25% tiñan alelos asiáticos (fillos ou netos dos primeiros híbridos que se introduciron nos anos 30)”, describe a responsable de proxectos do viveiro de Tragsa.

Lourizán conta cunha colección de 32 híbridos procedentes de cruzamentos controlados realizados a mediados do século XX que foron seleccionados e depurados. A eles súmanse os 7 híbridos que ten Tragsa, que son híbridos espontáneos (entre os seus ancestros hai procedencia asiática, pero sucedeu de forma natural).

Problemas de adaptación dos clons híbridos

A utilización de clones híbridos é habitualmente unha das estratexias empregadas para lograr árbores resistentes a algunhas das principais enfermidades do castiñeiro, aínda que na actualidade presenta desafíos debido ao incremento das temperaturas e ao aumento dos períodos secos.

“Temos que dar solución ao novo problema do cambio climático, porque os clones a partir de crenata (de procedencia xaponesa) e mollissima (de procedencia chinesa) toleran mal o estrés hídrico e térmico”, asegura. Nese sentido, di, “é necesaria tolerancia a estrés múltiple (estrés hídrico e térmico no verán e enchoupa mento no inverno)”.

Ademais, estes clones híbridos non sempre son compatibles co enxerto e en ocasións deriva en introxresión xenética (incorporación permanente de xenes dunha poboación a outra).

Selección de xenotipos

Por iso, a estratexia actual de Tragsa en Maceda pasa por identificar xenotipos de Castanea sativa do sur de España tolerantes ao cambio climático e con potencial de propagación aceptable.

No outono do ano 2016 recolléronse castañas en 56 árbores de 4 poboacións naturais en Estremadura e Andalucía (Hervás no norte de Cáceres, Val de Matamoros e Constantina ao sur de Badaxoz, xa en Andalucía, e Paterna do Río, en Almería) e replicáronse no viveiro de Plasencia da Universidade de Estremadura e no viveiro de Tragsa en Maceda.

A xerminación está influída polo peso da castaña, xa que as castañas máis grandes xerminan antes e dan lugar a plantas máis grandes. “A castaña de maior tamaño tamén ten un rebrote maior en caso de danos por estrés, pero, asemade, as plantas máis altas e con máis follas sofren máis danos porque teñen máis transpiración”, explica.

En situacións de estrés hídrico e térmico, as plantas máis altas e con máis follas sofren máis danos porque teñen máis transpiración

As 56 familias de plantas seleccionadas foron sometidas a estrés térmico (onda de calor 5 días a 45-48 ºC de 11 a 17 horas), hídrico (ata 0% de humidade no solo e 100% de marchitamento), a enchoupa mento (ata 100% de marchitamento) e a Phytophthora cinnamoni, mediante infestación do solo. Delas, 9 sobreviviron e comprobouse con marcadores moleculares que son sativa 100%.

Este ensaio repetíuse con material clonado durante 2 anos consecutivos e, ademais destas 9 variedades de sativa, probáronse tamén 4 híbridos comerciais (111-1, 2671, 90.044 e 7521). En base a estas probas elaborouse un ránking no que dous xenotipos de sativa (Paterna do Río 18 e Val de Matamoros 1) resultaron ser resistentes á tinta e ao estrés térmico e hídrico. “O que nos queda agora é establecer os campos de ensaio en Estremadura”, explica Beatriz.

Impulso á produción de castaña en Estremadura

castanhos Extremadura

O Programa de Mellora Xenética Forestal da Xunta de Estremadura, que coordina Tragsa, é unha das puntas de lanza no proceso de impulso da produción de castaña na comunidade que se está levando a cabo nos últimos anos.

“En montes de utilidade pública estanse a facer moitos ensaios de produción de froito, produción de madeira e tolerancia a Phytophthora cinnamoni, con multitude de parcelas establecidas no norte, centro e sur no outono pasado”, conta. A estes ensaios sumaranse os portaenxertos de sativa 100% tolerantes a estrés hídrico e térmico.

Dentro deste programa, Tragsa está a levar a cabo en Maceda campos de pés nais de plantas procedentes do Val de Matamoros e Hervás. Este campo de pés nais produce entre 600 e 700 púas por variedade e ano.

Cando se enxertan púas procedentes do sur sobre portaenxertos do norte, mellórase a tolerancia á seca

Tragsa está a estudar ademais outras procedencias, como Italia ou Marrocos. “As plantas procedentes do sur de Italia soportan ben o estrés térmico pero moi mal a falta de auga, porque en zonas como Calabria a humidade ambiental é maior ca en España. Por iso a resiliencia poboacional de Estremadura é maior ca do sur de Italia”, describe a responsable de proxectos de Tragsa. “Este ano recolleranse tamén castañas en Marrocos para estudar o seu comportamento”, avanza.

Aínda que a tolerancia ao estrés hídrico depende en gran medida do portaenxerto utilizado, cando se enxertan púas procedentes do sur sobre portaenxertos do norte mellórase a tolerancia á seca.

“O calor por si só produce menos dano ca o estrés combinado (estrés térmico e estrés hídrico). Unha queixa recorrente dos castañicultores da provincia de Ourense é que os castiñeiros morren por frío ou por seca”, explica.

Variedades tradicionais Verata, Injerta e Pablo

Estremadura é a cuarta comunidade autónoma produtora de castañas de España en volume, despois, por esta orde, de Galicia, Castela e León e Andalucía. O Xerte e as Villuercas son as dúas grandes zonas produtoras de castaña de Estremadura. A produción media rexional está arredor dos 4,5 millóns de quilos, dos cales entre 2,5 e 3 millóns proceden do norte de Cáceres, mentres que a produción na zona das Villuercas oscila entre o millón e o millón e medio de quilos.

Ademais da venda en fresco, tradicionalmente boa parte da produción de castañas de Estremadura destinábase a industrias de primeira transformación, fundamentalmente galegas e portuguesas, pero nos últimos anos estase producindo unha especialización produtiva cara ao comercio en fresco da castaña.

A produción mundial de castañas ronda as 500.000 toneladas, das que 120.000 se cultivan en Europa

Nas comarcas do norte da provincia de Cáceres, a maior parte da colleita de castañas é da variedade Pablo, máis temperá. Máis ao sur, nas Villuercas, en cambio, o groso da produción comeza máis tarde, con variedades como a Verata de Guadalupe e a Injerta de Villuercas. Esta é a zona de Estremadura con maior superficie de produción de castiñeiro para froito, con 1.800 hectáreas das algo máis de 3.000 que hai na comunidade.

Normativa legal sobre portaenxertos

A comercialización de material forestal de reprodución de castiñeiro está regulada polo Real Decreto 289/2003, que establece catro etiquetas diferentes:

SEMENTES E PLANTA DE SEMENTE

  • Etiqueta amarela para material identificado (fonte semilleira da rexión de procedencia).
  • Etiqueta verde para material seleccionado (rodal selecto).

CLONS DE MULTIPLICACIÓN VEXETATIVA

  • Etiqueta rosa para material cualificado (clons individualmente seleccionados).
  • Etiqueta azul para material controlado (clons seleccionados e avaliados en campo).

“O material cualificado e controlado de castiñeiro procede normalmente de clons, mentres que o material identificado e seleccionado procede normalmente de sementes de castiñeiro en hortos semilleiros. A diferenza entre clons cualificados e controlados é que dos controlados hai moita máis información porque deles existen parcelas de ensaio”, explica Beatriz.

Ata agora os portaenxertos estaban regulados por unha normativa forestal (Directiva 1999/105/CE e Real Decreto 289/2003 sobre comercialización dos materiais forestais de reprodución) e a parte de froito por unha normativa agrícola (Real Decreto 929/1995 sobre o Regulamento Técnico de Control e Certificación de Plantas de Viveiro de Froiteiras).

Pero os enxertos de Lourizán están xa regulados tamén pola normativa agrícola, de modo que as plantas resultantes de enxertar os híbridos incluídos nos 8 clons desenvolvidos polo Centro de Investigación Forestal dependente da Xunta de Galicia poden levar unicamente etiqueta amarela.

Árbores senlleiras: un banco de resistencia a enfermidades e inclemencias climáticas

Juan Luis Fernández Lorenzo está especializado en conservación de xermoplasma de castiñeiros monumentais

Juan Luis Fernández Lorenzo está especializado en conservación de xermoplasma de castiñeiro

A conservación de xermoplasma de castiñeiros monumentais, que destacan sobre todo pola súa lonxevidade, é unha estratexia que pode ser útil tamén á hora de obter variedades xenéticas interesantes en situacións extremas de competencia e clima.

No Catálogo Galego de Árbores Senlleiras, creado no ano 2007, hai 144 árbores e 38 formacións que representan a 79 especies diferentes, das cales 17 exemplares e 4 formacións senlleiras son de castiñeiro, todos eles das provincias de Lugo e Ourense. “Faltan moitos castiñeiros senlleiros por catalogar”, asegura Juan Luis Fernández Lorenzo, profesor do departamento de Produción Vexetal na Escola Politécnica de Lugo.

Tragsa recolleu material xenético de 12 castiñeiros senlleiros de Galicia, dos que se consegiron replicar con éxito a metade. O obxectivo é utilizalos como posibles portainxertos resistentes, “porque levan moitos anos aguantando todo tipo de inclemencias”, evidencia Beatriz.

As variedades tradicionais proceden da domesticación de poboacións silvestres de Castanea sativa

Dentro dese mesmo grupo operativo recolleuse material noutras comunidades, como Cataluña, Asturias, Castela e León, Estremadura ou Andalucía coa idea de clonar ese material xenético e crear fincas onde reproducir esas árbores.  

“As sementes de castiñeiro son recalcitrantes, se non se conservan a un nivel de humidade do 40% perden a súa viabilidade. Polo tanto, temos que apostar pola conservación in situ (no lugar) no que habitan e tamén ex situ (noutros lugares)”, explica Juan Luis.

Falta de planificación na produción de planta en Galicia

Ante as queixas dos produtores en Galicia pola escaseza de plantas de determinadas variedades para realizar plantacións, Beatriz recoñece falta de planificación. “Tragsa fai a planta cando a Administración lla encarga, non pode producir motu proprio. Hai unha falta de planificación porque eu para facer unha planta necesito polo menos 2 meses”, insiste.

Un pouco máis de información no sector é o punto de partida para un sector máis profesional

Por iso, propón que “as liñas de subvención deberían ser a 2 anos no seu prazo de execución. Se a axuda sae en agosto e a plantación ten que estar feita en outubro é imposible producir esa planta”, reitera.

“Para producir 10.000 plantas dunha variedade concreta, por exemplo Parede sobre sativa, temos que producir o dobre de portaenxertos, porque o nivel de aproveitamento é do 50%”, aclara ademais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información