O lugar de Arinteiro, na parroquia de Loxo, no concello coruñés de Touro, é dos máis próximos ás antigas minas e tamén un dos máis afectados de implantarse o proxecto megamineiro de extracción de cobre que impulsa a sociedade propietaria das antigas canteiras, Cobre San Rafael. O proxecto inicial prevé explotar durante 13 anos arredor de 700 hectáreas, do total de máis de 2.000 da concesión. A construción de dúas grandes balsas de augas e lodos ácidos deixaría ás ganderías deste lugar condenadas ó peche posto que ocuparía boa parte da base territorial da que dispoñen para alimentar o seu gando.
“Quítannos as augas e as terras e dinnos que poderemos seguir vivindo das nosas vacas”
Jesús Ares é un dos gandeiros con maior extensión afectada polo proxecto mineiro, segundo explica. Unhas das balsas proxectadas abarca boa parte dos seus terreos. Case o 80% das súas fincas de cultivos localízanse nesa zona, concentrado nunha parcela dunhas 16 hectáreas. “Quítannos as augas e as terras e dinnos que poderemos seguir vivindo das nosas vacas e, ¿como queren que o fagamos?”, pregúntase Ares.
Na parte alta de Arinteiro, Ares dispón non só da base territorial coa que atender a súa explotación senón que desta zona proveñen boa parte dos mananciais que abastecen tanto ás ganderías como ó propio lugar. Un pequeno regato cruza este espazo de pradeiras e monte e del abastécense cinco explotacións. “Garántennos unha auga mellor ca que temos para as nosas vacas, pero nin sequera saben como é a que temos a día de hoxe nas nosas explotacións. Son todo promesas baleiras”, sentenza o gandeiro.
Ó longo destes meses, dende que no outono do ano pasado comezara a coñecerse o proxecto de reactivación, este gandeiro xa recibiu en varias ocasións a visita da empresa encargada de conseguir os terreos precisos. Ofrecéronlle mercarlle non só as fincas afectadas senón tódalas súas terras pero “a uns prezos moi baixos”. Jesús móstrase reticente a vender, non quere marchar de Arinteiro nin ter que pechar a granxa. Tamén lle ofreceron arrendarllas pero “logo cando as devolvan esas terras quedan inservibles. Van desfacer a balsa para devolverma? E se a cubren, neses terreos non se poderá producir nin plantar nada”, protesta o veciño. Namentres, as ameazas dunha expropiación forzosa sobrevoan no lugar dende que se coñeceu o proxecto.
Co temor de que lle expropien como xa lle ocorreu a seu pai
Jesús recoñece o temor a que a historia se repita e que, como lle aconteceu a seu pai hai máis de 50 anos coa antiga mina, a súa negativa a vender remate nunha expropiación dos terreos. “Daquela nesta zona apenas había traballo e a mina vendeuse como de interese público, pero ¿como poden volver dicir iso se agora obriga a pechar a outras empresas que xa están funcionando?. É difícil de entender que teñamos que pechar as nosas ganderías para que veña outra empresa explotar a zona”, reflexiona. O anuncio inicial da creación de máis de 300 postos de traballo directos, que logo a empresa elevou a 400, é un dos atractivos do proxecto para os seus defensores. “Nós non queremos traballar na mina, queremos seguir traballando como ata agora nunha actividade tan necesaria como é a gandeiría e a agricultura”, defende.
No seu momento, seu pai foi dos poucos que non quixo traballar na mina e daquela apostou pola gandería coas terras que lle quedaban logo da expropiación. Dende entón xa se levaron a cabo dous procesos de concentración parcelaria das pradeiras e do monte. “Prometen incluso que nos darán outras fincas, pero onde? Se nos dan os terreos en Arzua ou noutra zona lonxe e sen concentrar, como as temos agora, estannos obrigando igual a pechar”, protesta. E é que as alternativas de manter as granxas redúcense.
Pechar a explotación
A Jesús este proxecto pillouno nun momento de transición. Nos últimos anos viuse obrigado a reducir o número de animais na gandería de leite que atende el só, para poder coidar de seu pai. Agora con arredor de 30 cabezas pensaba comezar a volver a meter máis animais e reformar a granxa. “Pero con isto non penso en investir, porque se ó final se aproba teremos que pechar a granxa de gratis”, conclúe. Pola granxa a empresa non contempla ningún tipo de compensacións, segundo lle aseguraron a Ares, “aínda que teñamos que pechala, vender os animais e a maquinaria porque xa non temos nin terras para mantelos ni que labrar”, recalca.
É o que lle agarda tamén á outra media ducia de explotacións de leite e de carne que hai no lugar, segundo explica. Todas teñen o mesmo temor xa que quedarán sen base territorial para poder continuar coa actividade. A isto súmanse os inconvintes para actividade gandeira que recordan do outro período en funcionamento da minería: as voaduras constantes, o ruído, a contaminación polo po en suspensión nos cultivos, as fendas nas casas…
Vivir ó pe da balsa
En Arinteiro son conscientes de que aldea está abocada ó abandono de se levar a cabo o proxecto “quen vai querer vivir aquí, ó pé das balsas?”, inquire este gandeiro. Na zona alta “proxectan unha balsa cun muro de 81 metros e nós na caída del, ¿como imos vivir tranquilos aquí.? Todas as súas promesas baséanse en que é un proxecto de minería moderna e con garantías, pero somos nós os que temos que estar tódolos días ó pé da balsa e somos nós os que o imos pagar se ocorre algo”.
O rexeitamento á reapertura da mina é maioritario e o medio cento de veciños desta aldea amosa o seu sentir con carteis e pancartas. Unha postura que levan defendendo nestes meses organizados en torno á Plataforma Veciñal Minas Touro-O Pino Non xunto con outros veciños da zona e co apoio de distintas organizacións. “Ó principio non sabíamos nin como reaccionar. Cando nos enteramos do proxecto de reapertura comezamos a petar en moitas portas en busca de apoios, eu no seu momento pedinlle axuda ó Sindicato Labrego Galego, ó que pertenzo- explica Jesús- e pouco a pouco fomos sumando apoios”.
O gandeiro amósase moi sorprendido e agradecido do respaldo que tivo a marcha en protesta contra a mina celebrada en Santiago o mes pasado. “Non sei a xente que se xuntou, eu non sei calcular esas cifras, pero foi moita”, recoñece. Jesús móstrase cauto pola evolución dos acontecementos pero ten claro que “en Arinteiro non lle imos deixar que arrasen con toda unha vida de traballo e coas terras que deixarlle ós que veñen detrás sen máis”, defende o gandeiro.