A nova normativa española sobre venda a perdas, que foi presentada este venres polo Ministerio de Agricultura como unha protección de agricultores e gandeiros fronte á gran distribución, é rexeitada de plano por todas as organizacións agrarias ao considerar que “na práctica, é inútil para protexer ao sector produtor”.
En concreto, ASAJA, COAG, UPA e Cooperativas Agro-alimentarias emitiron este luns un comunicado conxunto no que consideran “complexa, subxectiva e arbitraria” a nova normativa que prohibe a “venda a perdas” no sector agroalimentario e vaticinan serios problemas xurídicos para que calquera posible infracción derive en apertura de expediente.
Neste sentido, organizacións agrarias e cooperativas consideran que se deu un “paso cara atrás inaceptable” na eliminación desta práctica, á vez que lamentan que se impuxeron as teses do Ministerio de Comercio fronte ás do de Agricultura.
A nova normativa foi aprobada este venres polo Consello de Ministros como un apartado máis do Real Decreto-Lei de Medidas Urxentes para o Impulso da Competitividade Económica na Industria e Comercio. A forma tampouco convence aos representantes dos produtores, xa que demandaran que se realizase vía modificación da Lei de mellora da Cadea Alimentaria.
A sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea de 19 de outubro de 2017 obriga ao Goberno español a reformular o seu ordenamento xurídico sobre venda a perda para darlle acomodo, deixando liberdade ao executivo para cambiar aquelas disposicións lexislativas que estime oportuno nesta materia.
Porén, tanto organizacións agrarias como cooperativas critican co cambio aprobado o venres que “deuse un paso cara atrás na eliminación desta perniciosa práctica”. “O que tiñamos até a sentenza do Tribunal de Xustiza da UE era unha prohibición xeral de venda a perda ao consumidor e abondaba con demostrar que o prezo de venda era inferior ao prezo de compra (factura contra factura). Agora, non só debe darse isto último senón que hai que demostrar que a práctica ten carácter desleal”, explican desde o sector produtor.
É dicir, unha práctica comercial considérase desleal coa nova norma soamente nos seguintes casos:
a) Cando sexa susceptible de inducir a erro aos consumidores a cerca do nivel de prezos doutros produtos do mesmo establecemento.
b) Cando teña por efecto desacreditar a imaxe dun produto ou dun establecemento alleo.
c) Cando forme parte dunha estratexia encamiñada a eliminar a un competidor ou grupo de competidores do mercado.
d) Cando forme parte dunha práctica comercial que conteña información falsa sobre o prezo ou o seu modo de fixación, ou sobre a existencia dunha vantaxe específica con respecto ao mesmo, que induza ou poida inducir a erro ao consumidor medio lle faga tomar a decisión de realizar unha compra que, doutro xeito, non se realizaría.
“A nova norma é inútil para protexer ao sector produtor”
“Desta maneira, -denuncian desde as organizacións agrarias- complícase enormemente a denuncia desta práctica porque a norma gaña en complexidade, subxectividade e arbitrariedade. Na práctica, é inútil para protexer ao sector produtor, que queda fóra do ámbito desta normativa, feito que se emendou de introducirse na Lei de cadea, como propón o sector produtor”.
Ademais, advirten de que “os supostos que definen a deslealdade da práctica son interpretables e xeran indefinición xurídica, o que fai máis difícil a aplicabilidade da norma”.