Malia un contexto favorable de bos prezos do leite, cotizacións estables do penso e dos fertilizantes, e por tanto de boas marxes de beneficios para as explotacións, a produción de leite en Galica permanece estancada neste 2025, rompendo unha tendencia á alza dende o fin das cotas lácteas. Analizamos con dous expertos no sector, César Resch e Francisco Sineiro, as causas desta situación.
“A produción non medra porque as granxas que quedan teñen cada vez máis dificultades para acceder a máis terras para cultivar forraxes”
César Resch é investigador do investigador do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (Ciam-Ingacal), membro da Asociación Galega Terra e Leite, e coordinador en España do proxecto Climate Neutral Farms, da Axenda H2020, un proxecto europeo no que participan gandarías e industrias lácteas da Unión Europea.
-A que atribúes este descenso semestral nas entregas de leite en Galicia no 2025?
Desde a supresión das cotas lácteas -Abril 2015-, é a primeira vez en que semestralmente Galicia perde produción láctea, sobre 30 millóns de litros dun total de 3.000, o que significa o 1% por cento de pérdida, nun contexto favorable.
O crecemento da produción de leite nestes anos de Galicia foi moi sostido, sobre un 2% anual, pasando no que vai de século de 2 a 3 millóns de toneladas, o que supón un incremento dun 50% en 25 anos. Descartados o factores de mercado que foron favorables -non esquezamos que Galicia medrou sempre nestes 25 anos con prezos ás veces moi desfavorables-, consideraremos outro factores como o tipo de granxa ao que tendemos e os límites que conlevan para seguir medrando. A tendencia é clara: as granxas son cada vez máis grandes pero está claro que estas granxas teñen limitacións claras de crecemento por motivos de produción de forraxe e por motivos medioambientais. É certo que hai máis factores como o relevo xeracional ou outros pero considero que non inflúen tanto no posible medre destas granxas.
-Consideras que é algo puntual ou un problema estructural do sector?
Non me cansarei de dicir que se Galicia produce leite dun xeito competitivo é pola súa capacidade de producir forraxes nas granxas, este é o noso modelo e así vainos ben.
Agora ben, a superficie ten límites produtivos e medioambientais claros, se non hai superficie non hai forraxe e polo tanto a rendabilidade e a resiliencia das granxas baixa. Asemade temos unha lexislación medioambiental que é unha gran descoñecida para os máis dos gandeiros e gandeiras, que non se está a ter en conta, pero que vai condicionar o futuro de algunhas granxas.
-Que medidas consideras que se deberían poñer en marcha para reverter esta posible tendencia?
Mobilización de terra para AS granxas existentes. Tamén a creación de novas granxas en zonas onde hai sitio para elas, e non supoñen risco ambiental. Este debería de ser o modelo imperante no crecemento da produción de leite e non o de facer granxas cada vez máis grandes, que implican riscos para os produtores e tamén para a industria.
Todo isto acompañado por un entorno de I+D+i, xunto co formación regrada para os futuros responsables das granxas iría creando un marco positivo para un sector que ten presente e futuro en Galicia.
“O aumento da produción das granxas que quedan non chega a compensar a que se perde polas que abandonan”
Francisco Sineiro é profesor do departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela e un dos maiores investigadores sobre a estructura económica do sector lácteo en España. Esta é a súa análise:
Para poder ir examinando a evolución da produción usamos a produción móbil dos últimos 12 meses para contrarrestar o efecto estacional. Sobre esta base a produción de leite en España está flutuando entre 7.350-7.400 miles de toneladas no último ano despois de ter acadado un máximo de 7.500 no final de 2021/comezo de 2022. A produción móbil de xuño 2025 con 7.380 está así 1,6% por debaixo do seu máximo. Esta situación está axudando xunto coa situación xeral do mercado na UE a manter o prezo.
Evolución da produción de leite en Galicia e en España:

Esta evolución é o resultado de dúas situacións algo diferentes:
-Unha redución máis elevada no resto de España ( 4.320 mt en xuño 2025 cun descenso do 4,2% sobre o máximo de 4.500 acadado a finais de 2021
-Unha lixeira recuperación no caso de Galicia con 3.060 mt en xuño de 2025, cun 2,1% por riba do máximo de 3.000 mt acadado a comezos do 2022. despois de ter baixado ata un mínimo de 2.970 a comezos do 2023 a produción foi indo gañando case as 100 mt nos últimos 18 meses. Son cambios moi lixeiros, pero é unha situación lixeiramente diferente do resto de España.
Onde estamos?. Aínda non ten transcorrido tempo suficiente para poder avaliar ben a tendencia de fondo, pero pódese adiantar que a produción parece estar estabilizándose ao redor das 3000/3100 mt, despois dun incremento dunhas 400 mt que houbera desde o ano 2017. O aumento da produción por parte dos que continúan investindo e ampliando a produción non chega a poder compensar a que se perde polo abandono dos que se van.
Galego









Control OJD