Por que non se están a repotenciar os parques eólicos en Galicia?

Unha parte importante dos muíños de vento instalados na comunidade comezan a achegarse ao final da súa vida útil, que se adoita estimar nuns 20 anos de actividade. Porén, o cobramento de primas á produción que manteñen un de cada catro parques frea a substitución dos aeroxeradores por outros máis eficientes

Parque eólico de Malpica, o primeiro dos construídos na Costa da Morte, repotenciado no 2017

Parque eólico de Malpica, o primeiro dos construídos na Costa da Morte, repotenciado no 2017

Galicia foi pioneira a nivel estatal na regulación do aproveitamento do vento para a produción de electricidade e nos seus máis de 170 parques eólicos conta con máis de 4.000 aeroxeradores. A meirande parte puxéronse en marcha durante o período que vai dende 1997 ata o ano 2008 e moitos deles poden ser considerados xa obsoletos e pouco eficientes en termos produtivos.

Unha saída nestes casos é a repotenciación dos parques eólicos, que consiste na substitución dos aeroxeradores obsoletos por outros novos, con maior potencia unitaria. Dado que estes procesos de repotenciamento non poden supoñer, segundo a lexislación española, aumentar a potencia total do parque, acaban implicando unha redución moi considerable no número de muíños por parque e un incremento na eficiencia produtiva das instalacións en termos de produción anual de enerxía.

Os primeiros muíños de vento instalados na comunidade xa remataron o periodo de vixencia das primas á produción de enerxías renovables e serían susceptibles de seren repotenciados

Segundo os datos do Observatorio Eólico de Galicia, a data 19-11-2020 había en Galicia 1.569,92 megawatios eólicos cobrando primas, o que representa un 44% da potencia instalada na comunidade. O sistema de apoio á produción eólica rematou no ano 2012 pero segue vixente na actualidade para os parques que entraron en funcionamento entre o 2003 e o 2011. Pero os primeiros muíños de vento instalados na comunidade xa remataron o periodo de vixencia das primas á produción de enerxías renovables e serían susceptibles de seren repotenciados.

Repotenciación vs Novos parques

Traballos de repotenciación do parque eólico de Corme

Traballos de desmontaxe das vellas turbinas do parque eólico de Corme

A recente reactivación da enerxía eólica en Galicia e os parques que se encontran en tramitación administrativa aventuran un repunte do sector nos vindeiros anos e un incremento notable de megawatios en funcionamento. Dada a potencia unitaria dos novos aeroxeradores, que en moitos casos é de 3MW e mesmo nalgún proxecto concreto chegan a acadar os 4,5MW, parece previsible que a potencia media dos muíños eólicos de Galicia vaia a experimentar un importante crecemento desde os 0,8 megawatios actuais de promedio por muíño (no caso dos primeiros aeroxeradores instalados en Galicia a súa potencia é inferior en moitos casos aos 0,5 megawatios).

Os novos aeroxeradores multiplican até por dez a potencia dos vellos

Ese aumento da potencia instalada en Galicia pode vir por unha dobre vía: instalación de novos parques e repotenciamento dos existentes. O Decreto 19/2011, do 10 de febreiro, polo que se aproban definitivamente as directrices de ordenación do territorio, indica, cando se refire ás actuacións relativas á enerxía eólica, que se priorizará “a repotenciación dos parques xa existentes” sobre o desenvolvemento de novos parques.

Os de Malpica, Cabo Vilán, Corme e Zas son dos poucos parques eólicos que foron repotenciados en Galicia

Sen embargo, poucos son até o de agora os casos de repotenciación de parques eólicos levados a cabo na nosa comunidade, que se circunscriben case exclusivamente a uns cantos exemplos na Costa da Morte: os de Malpica, Cabo Vilán, Corme e Zas. “Cóntanse cos dedos da man os parques repotenciados en Galicia”, evidencia Xavier Simón, responsable do Observatorio Eólico de Galicia.

De 80 muíños a tan só 10

Repotenciación do parque eólico de Malpica no ano 2016

Repotenciación do parque eólico de Malpica, onde se desmontaron 69 vellos muíños e se instalaron 7 novos

O parque eólico de Zas, situado entre os concellos de Zas e Santa Comba, foi un dos últimos en repotenciarse. Hai un ano que EDP, a empresa propietaria, rematou os traballos. Tiña orixinariamente 80 muíños de vento dunha potencia de 0,3MW cada un, é dicir, 24MW totais. Logo da repotenciación, eses 80 muíños iniciais foron substituídos por tan só 10 aeroxeradores, cunha potencia unitaria de 2,4MW.

O número de muíños reduciuse considerablemente mais a costa de incrementar o seu impacto visual individual (os muíños orixinais de 24 metros de alto e 14,5 metros de lonxitude das pas foron substituídos por torres de 93 metros de alto e 57 metros de longo de pa). Malia non incrementarse a potencia total instalada do parque, que segue a ser de 24MW, a produción estimada anual practicamente se duplicou, pasando de 52,8GWh a 100,27GWh.

As novas turbinas son máis potentes e van colocadas a maior altura

O primeiro parque repotenciado en Galicia foi o de Cabo Vilán, propiedade de Naturgy, no ano 2016. Alí cambiáronse 22 turbinas de 0,2MW postas en funcionamento nos anos 1991 e 1992 por tan só dous aeroxeradores de 3MW cada un. É dicir, un só dos novos aeroxeradores produce case tanta electricidade coma os 22 vellos, que sumaban unha potencia entre todos de 3,9MW.

No parque de Malpica, o máis antigo da Costa da Morte, situado no límite con Ponteceso, Elecnor desmontou no 2017 os 69 vellos aeroxeradores e colocou no seu lugar tan só 7 turbinas novas, cunha potencia total nos dous casos de 16,5MW; mentres que en Corme EDP cambiou os 61 muíños de 18,3MW por outros 7 que garanten a mesma potencia.

O cambio de turbinas, permitido en Rede Natura

Parque eólico da empresa EDF en Corme, ubicado en Rede Natura e repotenciado nos últimos anos

Parque eólico da empresa EDF en Corme, ubicado en Rede Natura e repotenciado nos últimos anos

En Rede Natura, a partir do ano 2009, coa entrada en vigor da Lei 8/2009, non está permitida a construción de novos emprazamentos eólicos, coa excepción da repotenciación das instalacións xa existentes, polo que o feito de atopárense boa parte destes primeiros parques instalados en Galicia en lugares como a Costa da Morte ou a Serra do Xistral en zonas hoxe protexidas desde o punto de vista medioambiental non impediría o seu repotenciamento.

De feito, o parque de Corme estaba situado en Rede Natura nunha zona considerada de especial protección para aves (ZEPA). A substitución das turbinas actuais por outras novas en parques coma este, construídos fai anos en espazos naturais, permite reducir a súa zona de afectación. Por exemplo, no caso do parque ubicado entre Malpica e Ponteceso, logrouse reducir case á metade a superficie ocupada, pasando de 3,2 hectáreas a 1,9.

Na repotenciación levada a cabo no parque eólico de Malpica, o máis antigo da Costa da Morte, logrouse reducir a superficie ocupada de 3,2 a 1,9 hectáreas

Os traballos de repotenciación non consisten só no cambio dunhas turbinas polas outras, senón que levan aparellado o desmantelamento dos muíños antigos, a recuperación do terreo desde o punto de vista natural e a instalación dos novos aeroxeradores. “Execútase a desmontaxe dos aeroxeradores peza por peza para poder ser reempregados coa dobre vantaxe de reducir o número de residuos e da obtención dun maior retorno económico. Os equipos son desmontados para a súa reutilización e comercialízanse como útiles a nivel global”, explican desde Surus, a empresa creada no 2010 e encargada da repotenciación da meirande parte dos parques en Galicia.

Os vellos aeroxeradores son vendidos no mercado internacional para desenvolver proxectos eólicos noutros países

No caso do parques de Zas e Corme, os vellos aeroxeradores disfrutan xa dunha segunda vida con até 9 empresas ou sociedades distintas como compradores, sendo máis do 50% dos equipos adquiridos por sociedades internacionais. O retorno económico foi máis do dobre do que se obtería co achatarramento das 5.300 toneladas de ferro e aceiro.

A mesma solución de economía circular se levou a cabo en Malpica. “A pesar de levar 20 anos funcionando, tanto os 69 aeroxeradores como os 15 centros de transformación encontrábanse en perfecto estado para ser reempregados”, conta Surus. En total, foron 2.070 toneladas de ferro e aceiro valorizadas e 1,4 millóns de euros de retorno económico, catro veces máis que o seu valor como chatarra.

As primas eólicas, un freo ao repotenciamento?

Parques eólicos que cobran primas pola produción de enerxía renovable / Fonte: OEGA a partir dos datos da CNMC

Parques eólicos que cobran primas pola produción de enerxía / Fonte: OEGA a partir dos datos da CNMV

Até a aprobación do Real Decreto Lei 1/2012, que suprimiu os incentivos económicos para as novas instalacións de produción de enerxía eléctrica a partir de fontes renovables, o Goberno español primaba a produción eólica, solar, hidráulica e procedente de biomasa cun sistema de apoios para instalacións de menos de 50MW.

Derivado destes cambios legais no tempo, na actualidade podemos distinguir dous tipos de parques eólicos en Galicia: os que non reciben primas de apoio estatais e os que si. Tan só os muíños instalados entre 2003 e 2011 estarían neste grupo, mentras o resto de parques, tanto os anteriores como os posteriores, non contarían con mecanismo de remuneración pública e financiaríanse exclusivamente coa venda da enerxía a prezo de mercado.

Catro de cada dez megawatios instalados en Galicia seguen a cobrar primas á produción eólica

Segundo os datos aportados polo Observatorio Eólico de Galicia, a partir dos certificados de garantía de orixe expedidos pola Comisión Nacional do Mercado de Valores, a data 19 de novembro de 2020 unha cuarta parte dos megawatios eólicos instalados en Galicia, correspondentes aos parques postos en marcha entre os anos 2003 e 2011, manterían aínda o cobro de primas á produción de enerxía.

Maiores beneficios e menor tributación

Dinámica da potencia media por aeroxerador en funcionamento no territorio galego / Fonte: OEGA

Dinámica da potencia media por aeroxerador en funcionamento no territorio galego / Fonte: OEGA

A vixencia das primas por produción pode ser un elemento que está a xogar en contra da repotenciación, pois os novos muíños perderían os dereitos de cobro, mais non serviría para xustificar a falta de modernización dos parques máis antigos, os construídos entre os anos 1997 e 2003, que non contan xa con ningún sistema de apoio público.

Neste caso habería condicionantes doutro tipo, como o elevado investimento ou a necesaria tramitación. Aínda que o custo actual de instalación dos aeroxeradores tamén diminuíu a respecto do gasto inicial de cando se montaron os primeiros parques (nos últimos 30 anos produciuse un constante descenso do investimento total necesario para a posta en marcha de parques eólicos, ao pasar de 2.713 euros por MW en 1990 a 1.386 euros en 2019), os repotenciamentos levan aparellado investimentos millonarios. En Cabo Vilán Naturgy gastou 7,6 millóns de euros; en Malpica Elecnor 22 millóns de euros.

O obxectivo das primas ás enerxías renovables era facelas competitivas con respecto ás fontes convencionais a base de carbón e petróleo

No lado oposto estarían os beneficios para as compañías propietarias, xa que aproveitarían unha parte das infraestruturas xa existentes (subestacións, liñas de evacuación, accesos, contratos de dereitos sobre os terreos, etc) e incrementarían notablemente os ingresos actuais grazas a unha maior produtividade do parque. No parque de Malpica, por exemplo, logo da repotenciación acometida no 2017, os 7 aeroxeradores actuais conservan a mesma potencia total dos 69 anteriores (16,5MW) pero son capaces de producir o dobre de electricidade (até 66GWh ao ano). Outro tanto ocorre en Zas, onde cos mesmos 24MW, a produción estimada anual dos 10 muíños actuais practicamente se duplicou con respecto aos 80 vellos, pasando de 52,8GWh a 100,27GWh.

O parque eólico de Malpica produce hoxe con 7 aeroxeradores o dobre de electricidade ao ano ca antes da repotenciación con 69 muíños

A repotenciación tería tamén vantaxes para as empresas desde o punto de vista tributario. O canon eólico, un gravame autonómico que serve para financiar o Fondo de Compensación Ambiental, recada uns 24 millóns de euros anuais, un diñeiro que se reparte entre os concellos que teñen parques e tamén se destina a outras actuacións ambientais e de eficiencia enerxética no conxunto do territorio galego.

Parque eólico de Corme antes da súa repotenciación

Parque eólico de Corme antes da súa repotenciación

O pago está vinculado ao número de aeroxeradores, de maneira que os parques de menos de tres muíños están exentos de tributación e os restantes distribúense en tres tramos: entre 4 e 7 pagan 2.300 euros por aeroxerador ao ano; entre 8 e 15, 4.100 euros; e máis de 15, 5,900 euros.

Naturgy pasou de pagar 129.800€ ao ano de canon eólico polo parque de Cabo Vilán a deixar de tributar na actualidade, Elecnor aforra 391.000€ en Malpica e EDF 431.000€ en Zas e 343.800€ en Corme

Os novos parques teñen menos muíños de vento pero de máis potencia e, en consecuencia, a contía a pagar polo canon eólico tamén diminúe considerablemente. Sirvan os seguintes exemplos ben clarificadores: en Zas a empresa EDF pasou de pagar 472.000 euros anuais de canon eólico por 80 aeroxeradores a tan só 41.000 euros polos 10 actuais; en Corme, a mesma empresa pagaba 359.900 euros polos 61 vellos muíños fronte a tan só 16.100 euros polos 7 aeroxeradores actuais; a mesma cantidade é a que paga hoxe Elecnor en Malpica ao pasar de 69 muíños, polos que antes pagaba 407.100 euros, a 7; no caso de Cabo Vilán, Naturgy pagaba 129.800 euros por 22 vellas turbinas e non paga nada polas dúas actuais que as substituíron.

A diminución no número de muíños tamén leva aparellada, en moitos casos, uns menores ingresos para os propietarios dos montes ao teren asinados contratos de arrendamento por aeroxerador e non por potencia

Por iso, desde o Observatorio Eólico de Galicia, e recollendo o sentir dos representantes municipais, propúxose a modificación da normativa que regula o canon para vincular a cota tributaria coa potencia total do parque eólico e non co número de aeroxeradores.

A diminución no número de muíños por parque tamén leva aparellada, en moitos casos, uns menores ingresos para os propietarios dos terreos, posto que en moitos casos os contratos de arrendamento asinados no seu día coas empresas fixaba un pago anual por aeroxerador, non por potencia, e o descenso de turbinas provoca unha merma proporcional nas rendas que perciben os donos dos montes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información