Por que non se asegura o viñedo en Galicia?

Das máis de 1.800 hectáreas de viñedo danadas polas xeadas en Galicia, apenas 260 recibirán indemnización por estar aseguradas. Os técnicos advirten de que o cambio climático fai máis necesaria a contratación destas pólizas

Publicidade
Por que non se asegura o viñedo en Galicia?

Viñedos danados polas xeadas en Monterrei.

As fortes xeadas que arrasaron amplas zonas de viñedos a pasada semana -ata o 90% en Monterrei- volveron a poñer sobre a mesa o problema da pouca contratación de seguros agrarios por parte dos viticultores: apenas un 20% do total de viticultores en Galicia teñen asegurados os seus viñedos fronte á media española que supera o 50%.

Ou o que é o mesmo, das aproximadamente 1800 hectáreas de viñedo que foron danadas polas xeadas, apenas 260 recibirán indemnización ao estar aseguradas.

Desde as organizacións agrarias atribúen esta baixa contratación á falta de adaptación das pólizas ás condicións climáticas e de minifundio de Galicia, moi diferentes ás grandes superficies do resto de España, así como á baixa valoración das variedades autóctonas galegas e a que na comunidade a viticultura é unha actividade a tempo parcial para o 80% dos produtores.

Tanto desde Agroseguro, a entidade que aglutina ás 22 principais compañías españolas de seguros agrarios combinados, como desde a Consellería do Medio Rural defenden a contratación de seguros agrarios como a única ferramenta eficaz, algo que tanto Unións Agrarias como o Sindicato Labrego Galego consideran unha cortina de fume para non aprobar axudas directas aos viticultores e adegas máis danadas polas xeadas, e lembran que xa existe un precedente: as axudas a viticultores da Ribeira Sacra polos danos da saraiba o pasado ano.

“As pólizas de seguros teñen unha valoración moi baixa e non se adaptan á realidade de Galicia”

Ana Eiras, responsable de Seguros Agrarios do Sindicato Labrego Galego, considera que “é necesaria un importante labor divulgativa dos seguros agrarios entre o sector por parte da Administración, porque o sentimento xeneralizado entre os viticultores é de que o seguro non serve para nada”.

“O custo do seguro para viñedo en Galicia é alto para o que cubre, e iso que pode estar bonificado ata chegar a un 40% de subvención”, advirte. Por exemplo o custo para o tomador na Denominación de Orixe Valdeorras para a variedade Godello é duns 500 euros para ata 20.000 quilos e sobe a 900 euros para ata 40.000 quilogramos.

Un dos principais motivos é a baixa indemnización que ofrece Agroseguro polas uvas en caso de sinistro. “Trátase dun seguro caro para o que despois lle pagan ao viticultor por uva na indemnización. Sirva como exemplo que en Valdeorras pola variedade Godello, que se paga a 1,10 – 1,15 euros por quilo de uva en adega, sería pagado a 0,58 euros por Agroseguro e na Mencía a 0,63 euros o quilo. É un prezo bastante inferior ao de mercado e a xente demanda que sexa algo maior”, explica Ana Eiras.

Ana Eiras (Slg): “É imprescindible que a Xunta difunda máis os seguros agrarios para viñedo”

Outro obstáculo para a contratación de seguros para viñedo en Galicia é a obrigación de asegurar todas as parcelas incluídas no Rexistro Vitícola, o que encarece notablemente a póliza. “Isto pode ter o seu sentido en Castela, pero non en Galicia onde no viñedo impera o minifundio e ao estar situadas as parcelas en distintas altitudes o risco por danos de xeadas ou de enfermidades fúnxicas é moi variables”, asegura a responsable do Sindicato Labrego. Neste sentido, as ferramentas actuais de xeoreferenciación permitirían realizar seguros por parcela en función do risco de cada unha.

O terceiro motivo que non axuda a incrementar a contratación de seguros agrarios en Galicia é que a data límite de contratación na liña 312 na época de Primavera (Módulo P), que é cando se contrata na Comunidade, finaliza o 25 de marzo, cando os episodios máis problemáticos de xeadas danse en abril, momento en que os brotes da vide están máis desenvolvidos. “En canto ao seguro de outono para viñedo non ten sentido en Galicia, pois os quilos posibles a asegurar son moito menores, o que obriga ao viticultor a pagar a maiores para facer un seguro complementario para aumentar as cantidades”.

En todo caso, Ana Eiras advirte de que “a tendencia é que será cada vez máis necesario para os agricultores e gandeiros en xeral, e para os viticultores en particular, contratar seguros agrarios para facer fronte a uns danos climatolóxicos que se agudizan co cambio climático”. “De feito -subliña-, as propostas da nova PAC tamén van por esa liña de fomentar a contratación de pólizas e reducir as axudas para paliar estes danos”.

Por último, a responsable de seguros agrarios do Sindicato Labrego tamén apela á necesidade de que “a contratación destes seguros se realice con técnicos agrarios que teñan coñecementos”. “Por exemplo, á hora de contratar un seguro de viñedo hai que ir ao rexistro vitícola, que moitas veces non coincide cos datos do Sigpac, e de feito de aí están a vir algúns problemas”, advirte.

A superficie de viñedo que recibirá indemnización polas xeadas en Galicia apenas supera as 260 hectáreas

Segundo os datos de Agroseguro, a data do 3 de maio as hectáreas de viñedo polas que se deu parte en Galicia por danos de xeadas apenas sumaban 260 hectáreas: 128 na provincia de Ourense, a máis afectada, 75 en Lugo, 39 hectáreas na Coruña e 11 en Pontevedra. É dicir, recibirán indemnizacións do seguro apenas o 15% das arredor de 1.800 hectáreas de viñedo afectadas.

Segundo Ramón Sanmartín, responsable de Agroseguro da Zona Noroeste, “o seguro para viñedo ten unhas indemnizacións adaptadas á media de prezos da uva en Galicia nos útimos anos”.

Ramón Sanmartin (Agroseguro): “Aos viticultores que non son profesionais resulta moi difícil venderlles un seguro”

Ademais, lembra que o “aseguramento nos módulos é libre para a xeada, co cal o viticultor ten liberdade para configurar o seguro e adaptalo ás súas necesidades”.

Engade que “o problema do seguro de viñedo en Galicia é que hai moita xente que non se dedica á viticultura como actividade principal e é moi difícil venderlle un seguro”. Pola contra, Ramón Sanmartín destaca que “as principais adegas e os viticultores profesionais na súa maioría se que están asegurados e de feito o 30% da produción de uva en Galicia en denominación de orixe está asegurada, o cal é unha cifra aceptable”.

Por último, o responsable de Agroseguro defende que “o prezo das pólizas non é caro, mesmo para os que son viticultores a tempo parcial, cun custo que rolda os 300 euros por hectárea e para unha produción asegurada duns 6.000 quilos de uva”.

Polémica entre Unións Agrarias e a Consellería ao redor das axudas polos danos das xeadas

O sindicato Unións Agrarias reclama á Consellería do Medio Rural un trato igualitario para todos os viticultores de forma que os resultaron afectados polas xeadas da pasada semana reciban tamén axudas do mesmo xeito que os da Denominación de Orixe Ribeira Sacra que sufriron danos pola saraiba en agosto de 2016.

Neste sentido, Xosé Ramón González, responsable de Agricultura de Unións considera “moi pertinente que se cubrisen con axudas directas da Xunta as perdas sufridas en Sober o pasado ano, pero non entendemos que a vontade política da Consellería demostrado naquel momento se transfome en pasividade agora, nun momento no que está en xogo o futuro de moitas explotacións nas catro das cinco denominacións de orixe galegas”, especialmente na de Monterrei, na que resultou danado máis do 90% do viñedo e na de Valdeorras, onde a superficie afectada estímase entre o 60 e o 70%.

Xosé Ramón González (Unións): “A Xunta debería incrementar as axudas á contratación de seguros”

“Parece máis ben que hai un problema de falta de responsabilidade como se puxo de manifesto na clamorosa ausiencia da Xunta de Galicia na reunión interautonómica do Grupo de Traballo COPAC-Sequía no Ministerio de Agricultura o pasado 28 de abril, na que se perfilou a provisión de axudas do Goberno para a seca e as xeadas”, engade Xosé Ramón González.

Por último, desde Unións Agrarias denuncian a redución de axudas da Consellería do Medio Rural para a contratación de seguros agrarios, “que pasaron de contar cunha partida de 8 millóns de euros no ano 2008 a 4,5 millóns en 2017”. “Hai que incrementar o apoio público ás pólizas, que neste momento está nun escaso 8% por parte da Xunta, cando en base á a normativa estatal podería chegar ao 65%”, conclúe Xosé Ramón González.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información