¿Por qué medra a produción ecolóxica en Galicia?

Galicia duplica o crecemento da agricultura ecolóxica en España e en Europa. O pasado ano facturou un 41% máis, pero os expertos coinciden en que aínda ten moito percorrido para seguir medrando. ¿A clave? A entrada neste negocio de grandes industrias transformadoras

¿Por qué medra a produción ecolóxica en Galicia?

Gando de Verín Biocoop, produtora de carne de vacún en ecolóxico.

A facturación da agricultura e da gandería ecolóxica en Galicia medrou en 2017 un 42%, ata os 59,1 millóns de euros, unha suba que duplica a media española, que foi do 14%, e europea, e que supón o dobre que en 2015, cando a produción ecolóxica galega facturou 31 millóns. Trátase dun dato significativo se se ten en conta que este sector presenta unhas boas perspectivas de crecemento en todo o mundo a medio e longo prazo.

Javier García, secretario do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), subliña que “a clave deste crecemento foi o aumento das industrias elaboradoras nos dous últimos anos, cun crecemento de máis do 20% anual, ata chegar a arredor de 200, sobre un total duns 1.000 operadores inscritos”. Así, a entrada de grandes industrias como Lactalis ou Leche Celta no sector do leite ecolóxico, do Grupo Coren na carne e nos ovos bio ou de Hijos de Rivera na sidra ecolóxica explican en boa medida o auxe da facturación destas producións nos últimos dous anos.

“Un incremento de produtores non significa unha suba do produto eco certificado no mercado, pero un incremento rápido dos elaboradores si. A industrialización e a comercialización da produción ecolóxica é clave para este sector, e iso é o que está a pasar en Galicia nos últimos anos e o que explica este despegue”, destaca o secretario do Craega.

“A industrialización e a comercialización da produción ecolóxica é clave para este sector”

Desta forma, os grandes protagonistas do incremento da facturación do sector ecolóxico en Galicia en 2017 son, tan e como se reflicte no seguinte recadro, o leite e os seus derivados, os ovos, a mazá de sidra ecolóxica e as carnes e os seus derivados:

CRAEGA_18_4

“Vai haber un crecemento grande en porcino, avicultura e vacún de carne nos próximos anos”

En canto aos sectores con máis potencial de crecemento, Javier García prognostica que “vai haber un crecemento grande en porcino, avicultura e vacún de carne nos próximos anos porque hai iniciativas interesantes en marcha para colocar grandes cantidades no mercado”.

Sobre a produción de horta, lamenta que “segue sendo a gran materia pendente, porque en Galicia temos condicións idóneas para producir horta ecolóxica en cantidade e con calidade recoñecida”. Outro aspecto, segundo Javier García, no que cómpre avanzar “é na unión dos produtores para vender e colocar o seu produto no mercado”.

Respecto ao vacún de leite, o responsable do Craega calcula que “nos próximos dous anos seguiremos medrando a un ritmo do 40 ou do 50% anual porque aínda temos un bo número de ganderías que están en fase de conversión”. En concreto, a día de hoxe están rexistradas no Craega 60 granxas en produción certificada e 35 en conversión a agricultura ecolóxica, e 2 en proceso de incrición de febreiro a marzo. Destaca tamén que, a diferencia doutros sectores, “os produtores de leite conseguen colocar todo o produto no canal ecolóxico”. Hola, temos

En Galicia o período de conversión para as ganderías é de 2 anos dende que se solicita a inscrición no Craega, mentres que noutras Comunidades ese período é menor. Porén, Javier García subliña que “no Craega temos moi claro que imos seguir cumprindo o que establece a normativa europea de produción ecolóxica en canto a períodos de conversión”. “Ademais -engade-, somos dos poucos consellos reguladores de España que está certificado e auditado anualmente por ENAC, o que supón un plus de calidade no mercado para os nosos operadores”.

¿Como evoluciona a produción ecolóxica no resto do mundo?

O mercado da produción ecolóxica medra en todo o mundo e ten unhas boas perspectivas a medio e longo prazo. A nivel global move xa máis de 80.000 millóns de euros, con Estados Unidos como primeiro mercado, seguido da Unión Europea, con máis de 30.000 millóns, e un crecemento no pasado ano do 11%.

Alemaña é líder indiscutible en Europa en canto a tamaño de mercado, cun crecemento superior ao 10% anual, e arredor de 10.000 millóns de volume de negocio. Pero os alemáns non só son uns consumidores ávidos de produtos bio, senón tamén produtores: unha de cada dez explotacións agrícolas no país xa produce en ecolóxico e este tipo de agricultura xa ocupa arredor do 20% da superficie agrícola do país.

En España, o mercado de produtos de alimentación ecolóxica medrou en 2017 un 14%, fronte ao 2% dos alimentos convencionais, segundo o informe “Mitos y realidades sobre el consumo de productos ecológicos”, elaborado por Kantar Worldpanel e a Fundación Catalunya La Pedrera.

España é o primeiro estado da UE en agricultura ecolóxica en canto a extensión que lle dedica: uns 2 millóns de hectáreas, aínda que seguido de preto por Italia e Francia, que nos últimos anos incrementaron moito a súa produción bio. No 2016 o valor estimado da produción ecolóxica española superou os 1.700 millóns de euros, dos que algo máis da metade expórtase.

“Para o 2030 prevén que o 50% da superficie cultivable da UE estea en ecolóxico”

Neste sentido, o nivel de penetración dos alimentos ecolóxicos en España sigue sendo moi baixo respecto a outros países europeos, polo que o mercado interno aínda ten moito percorrido de crecemento. Así, mentres que en España só o 42% dos fogares merca produtos ecolóxicos, a media europea é do 80%, segundo os datos do estudo elaborado por Kantar Worldpanel e a Fundación Catalunya La Pedrera.

Aínda que a nivel europeo segue sendo un negocio nicho, as perspectivas son moi positivas a medio e a longo prazo. Así, a International Federation of Organic Agriculture Movements EU Regional Group (IFOAM EU Group) prevé que para o ano 2030 o 50% da superficie agrícola da UE sexa cultivada e certificada en ecolóxico.

A agricultura ecolóxica en Galicia en cifras: 

CRAEGA_18_5

CRAEGA_18_1

CRAEGA_18_2

CRAEGA_18_3

Fonte: CRAEGA

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información