As campañas de ensilado da herba e do millo, pero tamén o abonado ou a sementeira, así como a alimentación do gando con carros mesturadores son hoxe tarefas que se realizan en boa parte das ganderías galegas botando man dos servizos de maquinaria de cooperativas, integrándose en cumas ou contratando a empresas de servizos especializadas en traballos agrícolas. Por iso, lograr unha xestión eficiente da maquinaria é un dos desafíos que se presentan tanto ás ganderías coma ó agro galego hoxe en día.
A xestión da maquinaria foi tamén o tema central da última xornada formativa organizada por Agaca dentro do seu ciclo sobre oportunidades de negocio no agro, unha formación en liña que contou coa participación de profesionais do sector que traballan no seu día a día con servizos de maquinaria agrícola en Galicia.
Delegar determinados servizos de maquinaria na granxa
Atrás quedaron os tempos en que cada gandería se encargaba con maquinaria propia e exclusiva da produción de forraxe e da alimentación do gando. “A especialización e intensificación na produción implica unha demanda de servizos externos para avanzar na xestión das forraxes”, explica Santiago Sousa, director do servizo técnico de Maquinaria Durán e experto en xestión de maquinaria.
Así, nos entornos de maior concentración da produción gandeira, polo xeral hai maior número de parques de maquinaria en común, tanto de cooperativas como de cumas. “Estase vendo un aumento da demanda de traballo a empresas de servizos”, apunta Sousa.
Estes parques de maquinaria dispoñen sobre todo de apeiros de labranza e colleita de forraxes, así como do servizo de carro mesturador. Como o caso da cooperativa Aira, que con 4 parques de maquinaria situados en Chantada, Pol, Sarria e Mesía, conta con 12 colleitadoras, 22 carros mesturadores, 34 tractores, 27 remolques, 16 segadoras, 27 sementadeiras e 11 arados, entre outros apeiros.
O aumento do número de cabezas reduce o tempo dispoñible dos gandeiros para realizar tarefas de cultivo de forraxes por medios propios
Ademais do incremento da produción, o aumento do número de cabezas tamén condiciona que se merque menos maquinaria para a xestión da terra na gandería. Ter maior número de cabezas implica maior demanda de atención do gandeiro ós animais e reduce o tempo dispoñible para a mecanización por medios propios. “As granxas posiblemente de media triplicaron a súa produción, pero seguen tendo a maquinaria mínima. Non se están desorientando da produción de leite”, apuntan dende a Cuma Ganxabar, que agrupa a ganderías das comarcas coruñesas de Xallas e Barcala.
Os grandes investimentos necesarios para medios propios na granxa, como poden ser os robots de muxido, limitan que as granxas poidan asumir en solitario a compra de maquinaria. “Estase priorizando a compra de apeiros como o robot de arrimado e deléganse os traballos de cultivo e recollida de forraxe”, apunta Sousa.
As campañas son máis curtas e as granxas delegan non só o ensilado senón tarefas como o abonado
O cambio climático e a inestabilidade meteorolóxica derivada que se está a rexistrar nos últimos anos están provocando que se concentren os labores en épocas moi curtas e se opte por contratar eses servizos. En cooperativas como Aira pasaron de facer unhas 17.700 pacas e bólas de forraxe no 2018 a máis de 31.400 unidades na pasada campaña. Tamén na colleita do millo experimentaron nese mesmo período un incremento do 21% e chegando a colleitar máis de 4.000 hectáreas.
Xa non é so o ensilado senón que cada vez máis, as granxas tamén delegan traballos como o abonado. “Neste último ano xestionamos uns 86.0000 metros cúbicos de xurro, tivemos un crecemento do 113%”, exemplifica Enrique Otero, director de suministros e servizos Agro na cooperativa Aira, que conta na actualidade con case 3.000 socios e atende a máis de 1.200 granxas.
As cooperativas Aira e Clun incrementaron notablemente as horas dos servizos de maquinaria nos últimos anos
A evolución que experimentaron en cooperativas coma Clun, no parque dos Irmandiños en Ribadeo, evidencia tamén este incremento dos servizos. Así, o servizo de maquinaria pasou de facturar arredor dunhas 4.300 horas no 2001 a rexistrar case 24.600 horas no 2019.
Os condicionantes legais
O aumento da normativa que afecta á actividade agrogandeira tamén está a converterse nun factor limitante para o emprego de maquinaria propia para determinadas labores agrícolas dentro das ganderías, debido á complexa xestión en aspectos legais que supoñen para as granxas.
“Os compromisos asociados á PAC e a outras axudas, implican o rexistro dun gran volume de datos sobre a xestión da superficie produtiva, emprego de fertilizantes e fitosanitarios, sistemas de rotación de cultivos, calendario de pastoreo o que fai que moitos gandeiros opten por derivar estes traballos a empresas que xestionen tamén este volume de datos”, explica Sousa.
Así, cooperativas como Aira están a traballar en programas especializados que poidan recoller esta información que se xera na gandería. “Estamos a desenvolver un proxecto chamado Trac PLUS encamiñado a xerar a recompilar os datos da gandería, para poder darlle a información que solicitan as Administracións e para que o gandeiro poida tela dispoñible para a toma de decisións”, explica Enrique Otero.
“Ás cooperativas non nos queda outra que estar aí para ofrecer eses servizos ós nosos socios ante as esixencias da PAC. Ademais, agora estamos tamén nun momento bo porque todas as máquinas recollen datos. O reto está en ter todos os datos nunha aplicación que poida facer a foto da gandería”, valora Ángel Miranda, director da división agrogandeira da cooperativa Clun.
O aumento dos requisitos de carácter técnico e a necesidade de superar inspeccións técnicas (ITEAF) tamén derivou nun incremento da demanda de servizos específicos como a aplicación de fitosanitarios.
A lexislación medioambiental
A lexislación medioambiental tamén resulta un condicionante para que se externalicen os servizos de maquinaria. “A lexislación medioambiental condiciona cada vez con maior presión a xestión da superficie produtiva, ben en forma de limitacións os usos ben en canto á aplicación de fertilizantes e fitosanitarios”, apunta Sousa.
Con todo, pese a que a tendencia sexa a que as ganderías botan man cada vez máis deses servizos, tamén hai granxas que mercan maquinaria para afrontar a produción de forraxes pola súa conta, dada a saturación que sofren estes servizos, unha experiencia que en máis dunha ocasión remata coa maquinaria parada por un erro de cálculo e ante a falta de tempo dos propios gandeiros para asumir esa tarefa.