Por que en Irlanda producen o leite barato e de calidade?

Irlanda é un dos países punteiros do mundo na produción de leite e o que máis está a aumentar a produción dende o fin das cotas. César Resch, investigador no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, ven de realizar unha estadía en Irlanda para coñecer o seu sistema de produción lácteo. Velaquí a súa análise

Por que en Irlanda producen o leite barato e de calidade?

Vacas pacendo en Irlanda. Autor: César Resch

Vinte e cinco anos pasaron dende a miña última longa estadía en Irlanda. Por aquel entón , ano 1990, durante un ano estiven compartindo experiencias e saberes na Escola Agraria de Ballyhaise no Condado de Cavan. De volta estiven en Irlanda durante algo máis de dous meses, agora como investigador en Moorepark, un centro de investigación no Sur do país, no Condado de Cork.

Tanto a Escola Agraria de Ballyhaise como o Centro de Investigacións de Moorepark pertencen a Teagasc, esta institución pública conta cun orzamento anual de 150 millóns de euros e desenvolve as súas actividade en tres grandes eidos: educación, investigación e transferencia tecnolóxica.

Quero compartir a miña experiencia no sector lácteo irlandés dende a perspectiva da produción e da industria/distribución, intentando deixar claro que a fortaleza do sistema reside nunha planificación ben ideada e nunha estratexia que abrangue todo o sector lácteo comezando polos produtores, as industrias e a venda-distribución do produto. Todo elo acompañado por un forte investimento en educación e investigación.

Non é a miña pretensión tratar de ver o bos que son os irlandeses e o mal que o fixemos nós, senón poñer a miña experiencia ao servizo dun sector lácteo galego que, en comparación co irlandés, ten moitas feblezas, pero como veremos tamén, ten as súas fortalezas.

Unha primeira aproximación ao sector lácteo irlandés

A república de Irlanda ten unha capacidade de autoconsumo de produtos lácteos que non chega ao 10% da súa produción. Por elo, toda a cadea láctea está enfocada á exportación, renunciando incluso a parte do mercado interno. Sorprende que o 25% do leite líquido consumido na República foi producido en Irlanda do Norte, que o mercado de iogur estea en mans de empresas foráneas ou que as perspectivas para este ano 2015 prevean importar 600 millóns de litros de leite, basicamente de Irlanda do Norte, cifra esta que ven coincidindo co consumo interno de equivalentes leite da República.

“Toda a cadea láctea de Irlanda está enfocada á exportación”

A exportación de produtos lácteos converteuse no eixo central do sector, Irlanda exporta cada ano máis de 5 millóns de toneladas de produtos lácteos transformados ao mercado mundial.

CESAR_RESCH_IRLANDA_TABOA_1Expoño a continuación unha táboa con algunhas cifras comparativas en canto a estrutura do sector lácteo irlandés e galego, as cifras son aproximadas e con elas pretendese ilustrar diferenzas e similitudes entre ambos países.

Pódense apreciar coincidencias en cifras globais: a cifra de autoconsumo de leite e a máis relevante. Existen grandes diferenzas sobre todo en canto a porcentaxe de terreo agrícola onde Irlanda ten unha das cifras máis altas de Euroa e isto lévanos a unha diferenza moi importante en canto superficie por explotación. Engadiremos aquí que a parcelación en Irlanda e moito menor que en Galiza: en Irlanda entre o 60 e 70% da SAU das explotacións de leite esta na Milk Platform, que son aqueles terreos que están rodeando as instalacións onde están establo e sala de muxido.

“En Irlanda as explotacións teñen moita máis base territorial que en Galicia, o que lles permite ter máis marxe por litro”

Irlanda produce algo máis do dobre de leite que Galiza con preto do dobre de explotacións e o triplo de vacas. Polo tanto, a diferenza en canto ás estruturas produtivas non radica na produción por explotación xa que o tamaño das unidades produtivas son moi similares. A diferenza céntrase no sistema ou modelo produtivo: en Irlanda as explotacións teñen unha base territorial moito maior, o que posibilita unha carga gandeira por hectárea moito menor. E isto, a pesar duns rendementos por vaca moi por baixo dos galegos, dá como resultado uns custos de produción por litro de leite moi inferiores e, polo tanto, unha marxe por litro e unha renda por explotación moito mais altas.

CESAR_RESCH_IRLANDA_TABOA_2Outra das maiores diferenzas atopadas refírese á cantidade e sobre todo á distribución de precipitacións ao longo do ano. Na táboa seguinte pódense ver a distribución de precipitación en Mabegondo e Fermoy (zona leiteira por excelencia) destes últimos catro anos. Se ben a cantidade de chuvia foi prácticamente a mesma, uns 1.100 litros anuais, a distribución é moi diferente, acadando a localidade galega máis dun 70% da precipitación entre os meses de Outubro e Marzo e unha marcada seca no verán.

Esta distribución máis uniforme, xunto cunha non excesiva precipitación, fan do sur de Irlanda unha zona moi apta para a produción de pasto durante un longo período no ano. Hai que sinalar que o 80% da produción de leite de Irlanda está nos condados do Sur.

Outro factor desfavorable en termos de precipitación é que en varias zonas leiteiras de Galiza a cantidade de chuvia anual supera con creces a cantidade destas dúas localidades, acadando medias anuais entre 1.500 e 2.000 litros pero cunha moi escasa cantidade de chuvia no verán.

A produción de leite en Irlanda

Tal e como se comentou, a produción de leite en Irlanda baséase na necesidade de exportar o produto ao mercado mundial, facendo isto que baseen toda a súa estratexia produtora nuns custes de produción moi baixos e producindo un leite cunha moi alta calidade, entendendo por calidade a cantidade de sólidos (graxa+proteína) que contén o leite. A cantidade de sólidos será definitiva á hora de conformar o prezo final do litro de leite, aspecto este que será comentado máis adiante.

Claves do sistema de produción de leite irlandés

Agrupación de partos

O éxito do sistema para a produción de leite a baixo custe e con alto contido en sólidos baséase nunha estratexia de partos agrupados e nun moi bo manexo de pradeiras. A agrupación de partos é a clave principal para que o sistema funcione polo que comprender o que significa en termos de custes é esencial para que o sistema completo resulte exitoso.

 “O éxito do sistema irlandés baséase na agrupación de partos e nun moi bo manexo das pradeiras”

A agrupación de partos conséguese, obviamente, cun período de inseminación tamén moi compacto nun período que vai de Maio a finais de Xullo. Márcase como obxectivo conseguir nestes tres meses sobre un 90% de vacas preñadas. Durante as seis primeiras semanas realízase inseminación artificial, normalmente sincronizando en xovencas, sendo o obxectivo destas primeiras inseminacións unha mellora xenética en base a cruzamentos con touros probados e sendo desexable acadar un 60/70% de preñeces nestas seis primeiras semanas. Posteriormente, durante as seguintes seis semanas, o rabaño estará cun touro, habitualmente de aptitude cárnica, para deste xeito intentar acadar o obxectivo dun 90% de vacas preñadas.

O índice de cualificación das vacas e touros que se utiliza para os cruzamentos é o EBI (Economic Breeding Index) no que os factores con máis peso son os seguintes: Fertilidade e facilidade de parto 42%; Kg proteína 21%; Produción de leite 10%. Este índice vai mudando co tempo e cada vez os factores relacionados coa fertilidade e eficiencia en transformación de alimento en leite teñen maior peso.

 Os gandeiros irlandeses seguen a máxima: “Unha vaca, un parto, un ano”

Os rabaños con razas cruzadas son sobre un 10% da cabana, utilizándose como principais razas a cruzar -sempre con Frisona-, a Jersey e a Roxa Noruega. Como sempre, o obxectivo destes cruzamentos é conseguir máis sólidos por animal (kg de graxa e proteína), así como mellorar a fertilidade e lonxevidade do rabaño.

No mes de Setembro faise un diagnóstico de xestación, sempre con escáner, e as vacas que estean baleiras serán vendidas ao remate da súa lactación no mes de Novembro/Decembro. Polo tanto, en termos de fertilidade as vacas non teñen unha segunda oportunidade. A máxima de “Unha vaca, un parto, un ano” séguese con rigor polos gandeiros dun xeito xeneralizado.

Un dos puntos fortes do sistema, en canto a redución de custes, e a baixa taxa de reposición que hai nos rabaños. Así, a duración media das vacas é de entre catro e cinco lactacións que, sumado á reposición por infertilidade, fai que a taxa de reposición sexa entre un 18 e 25% anual. As xovencas nadas todas no mesmo período serán cubertas en Maio/Xuño do ano seguinte a unha idade media de 15/17 meses de idade tendo o seu primeiro parto aos 23/25 meses de vida.

Sistema de alimentación

As pradeiras son a base da alimenación do gando vacún en Irlanda. Autor: César Resch

As pradeiras son a base da alimenación do gando vacún en Irlanda. Autor: César Resch

Un dos obxectivos do sistema de produción de leite en Irlanda é que as vacas se alimenten coa maior cantidade de herba pastada posible. Hai que dicir que o réxime de precipitacións e temperaturas deste país para produción de herba é en xeral bastante mellor que o galego.

Como dicía, o obxectivo -se é posible- é que a medida que as vacas van parindo (no mes de Febreiro comeza a parideira) estas vaian saíndo ao pasto, de xeito que o pico de produción de herba faise coincidir co pico de produción de leite, coincidindo ambos a finais do mes de Maio.

“Faise coincidir o pico de produción de herba, a finais de Maio, co pico de produción de leite”

O sistema é tanto máis exitoso canto menor sexa a cantidade de silo que temos que facer na explotación. Se acertamos facendo coincidir a máxima produción de herba coas máximas necesidades dos animais e, ademais, facemos que coincida tamén a época de menor necesidade das vacas -período seco- coa época de menor produción de herba, entón o sistema está sendo exitoso.

A cantidade de concentrado que reciben as vacas é moi moderada e varía sobre todo en función da climatoloxía do ano. As cantidades de concentrado por vaca e ano poden ir dende un mínimo de 200 quilos ate un máximo que sería desexable que non pasase dos 800 quilogramos por lactación. Este concentrado utílizase basicamente nos primeiros meses de lactación. En anos excesivamente húmidos as vacas permanecerán máis días no establo, onde o silo de herba se complementará con algo de concentrado, e pode ser que tamén en cola de lactación, sobre todo se temos que reservar pasto en previsión para o seguinte ano.

“O obxectivo é que as vacas consuman silo non máis de 100 días ao ano”

Fanse habitualmente dúas cortas de silo, todo contratado, calculando sobre 1000/1200 quilos de materias seca de silo a consumir por vaca e ano. Este silo basicamente é o que consumen as vacas en cola de lactación e no período seco, que é o período no que as vacas están estabuladas. Coincide esta fase co período de menores necesidades das vacas e un obxectivo é que a súa duración non supere os 100 días por ano.

Manexo de pradeiras

Realmente poderiamos dicir que os gandeiros irlandeses son produtores de herba para alimentar as vacas. Saben perfectamente que canta máis herba produzan mellor lles irá na explotación en termos económicos e, polo tanto, son auténticos especialistas en produción de pasto para alimentar aos animais. O rendemento das pradeiras pode acadar óptimos de produción de 12/14 toneladas por hectárea e ano de materia, seca dos que se aproveitarán un máximo dun 80% en pastoreo. E 9/10 toneladas de materias seca consumida polas vacas por hectárea é unha moi boa cifra.

“As pradeiras en Irlanda chegan a render 14 toneladas de materia seca, das que as vacas pacen o 80%”

O pastoreo é unha técnica cunha certa complexidade na que todo está moito máis calculado e medido do que un profano puidera pensar. A cantidade de pasto en oferta, a presión que se exerce sobre o pasto tendo en conta a carga gandeira, cantidade de adubo, altura da herba, a entrada e saída das vacas e moitos outros factores están moi ben estudados e parametrizados.

Hai unha importante utilización de nitróxeno nas ganderías de leite: a maioría das explotacións móvense entre 400 e 500 UF de nitróxeno sendo esta última cifra o límite marcado por lei. Polo tanto, se cada vaca en forma de excretas produce 85 UF de Nitróxeno e a carga gandeira media está entre 2 e 2,5 UGM por hectárea, temos entón que as máis das explotacións aplican máis de 220 UF de Nitróxeno mineral por ano, o que significa máis de 800 kg de Nac 27% por ha e ano.

Con estas cifras de nitróxeno no terreo, a presenza de trevo nas pradeiras é testemuñal sendo as máis delas monofitas de raygrass inglés. A persistencia das pradeiras é moi importante resementándose só unha media dun 10% anual, tendo un evidente aforro neste concepto tamén.

Sistema de dobre estación de partos

Tal e como foi descrito ate agora, o sistema funciona en máis do 85% das granxas produtoras de leite, pero hai unha porcentaxe superior ao 10 % que establecen tamén un sistema de partos agrupados pero en dous períodos. A finalidade destas granxas é producir leite líquido para o mercado interior nos meses nos que este fica desabastecido coas outras granxas. Hai que decatarse que o resto de granxas nos meses de Decembro e Xaneiro prácticamente non producen leite.

 “O custe de produción en Irlanda está nos 21 céntimos por litro”

Neste sistema as vacas terán dúas parideiras: unha primeira coincidente co final de inverno na que 2/3 do rabaño debería parir, e outra seis meses despois na que parirá o terzo restante. Este sistema implica que as vacas consumen máis concentrado, pero hai que dicir tamén que os custes fixos son menores por litro de leite xa que o rendemento das vacas é máis alto e non están tan sobredimensionadas as instalacións.

Economía do sistema

Tal e como se describiu o sistema de produción de leite en Irlanda é un sistema de baixo output se se compara con outros sistemas máis intensivos tanto en litros de leite por vaca como por hectárea, pero tamén un sistema con moi baixo custe de produción. Isto último confírelle ao sistema unha capacidade importante de resistencia en situacións de estrés con prezos de leite moi baixos.

A cifra que manexan é que o custe de produción debe de estar sobre os 21 céntimos de euro por litro de leite, sen incluír neste custe remuneración da man de obra propia e o custe de oportunidade de capital e terras. O sistema de produción obviamente ten moito que ver co sistema de pagamento do leite, e este sistema de pagamento co produto que fai a industria, e o produto que fai a industria co produto que exporta.

César Resch Zafra
Moorepark, Co. Cork, República de Irlanda, Outubro 2015
Estadía financiada pola Xunta de Galicia con fondos do FSE Galicia 2007-2013

César Resch Zafra

César Resch Zafra é enxeñeiro agrónomo pola Universidade Politécnica de Madrid na especialidade de Zootecnia. Completou os seus estudios no Ballyhaise Agricultural College, na República de Irlanda. Entre os anos 1992 e 1994 traballa en empresas de asesoramento a gandeiros de leite en Nova Zelanda e Francia.

En 1995 comeza a súa andaina profesional na empresa de suministros agrarios Progando S.L., na que realiza labores de asesoramento a ganderías de leite e colabora intensamente na implantación de sistemas de calidade, tanto en fábrica como en ganderías.

No ano 2001 doutórase pola Universidade de Santiago de Compostela coa tese “Economía da alimentación do gando vacún de leite en Galicia”. Dende o ano 2003 é profesor asociado na Escola Politécnica de Lugo. No ano 2010 comeza a traballar no INGACAL como investigador en sistemas de produción de leite en base a forraxes no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información