Por que, cando e como controlar a presenza de moscas na granxa?

A parte da incomodidade que supoñen para as vacas, as moscas elevan o risco de contaxio de enfermidades, polo que o seu control nas gandarías é fundamental. O farmacéutico Carlos Guada e o veterinario César Ramos ofrecen unhas recomendacións para reducir a presenza destes insectos

Por que, cando e como controlar a presenza de moscas na granxa?

Carlos Guada e César Ramos durante a celebración dos Encontros Gandeiros da ADS Xundeva, en Lalín.

A presenza de moscas nas granxas é inevitable, pero a falta dun plan de control destes insectos incrementa o risco de contaxio de enfermidades para as vacas, ademais de crear unha situación de malestar e tensión para os animais, o que repercute directamente de forma negativa nos índices produtivos e reprodutivos.

O farmacéutico Carlos Guada e o veterinario César Ramos, ambos da firma S.P. Veterinaria, ofreceron en días pasados algunhas recomendacións, no marco dos Encontros Gandeiros da ADS Xundeva en Lalín, para atallar a presenza dos insectos nas gandarías.

“Xamais conseguiremos eliminar ao 100% a poboación de moscas na granxa pola presenza de materia orgánica”, Carlos Guada, farmacéutico

“Xamais conseguiremos eliminar ao 100% a poboación de moscas na granxa pola elevada presenza de materia orgánica nas súas instalacións, pero hai estratexias para reducir, de forma notable, a súa carga de infestación”, apunta Guada.

Aínda que non se consega a súa erradicación total, o control da súa poboación a un nivel tolerable contribúe a reducir os riscos sanitarios na granxa. “As moscas actúan como vectores da transmisión dun gran número de bacterias, polo que ao controlar a súa poboación redúcese a incidencia de enfermidades”, explica o farmacéutico.

Elixir o momento axeitado

Á hora de trazar un plan de actuación para reducir a presenza de moscas, os dous expertos coinciden en ter en conta aspectos como o momento da aplicación para incrementar a súa eficacia. “Por norma xeral, hai o malo costume de actuar sobre as formas adultas do insecto, cando xa son moscas”, indica Guada.

“Hai que actuar sobre o ciclo biolóxico da mosca femia, xa que pon ovos en zonas de difícil acceso”, Carlos Guada

Centrarse só en aplicar insecticidas con acción adulticida contra as moscas adultas condiciona que realmente se consiga unha redución destes insectos na granxa. “Hai que actuar sobre o ciclo biolóxico da mosca femia, xa que porán ovos en moitas zonas ás que non temos fácil acceso, como as fosas de xurro”, concreta Carlos Guada. “Coñecer o ciclo biolóxico do insecto axúdanos a decidir que tratamentos empregar en cada fase, para obter mellores resultados”, reafirma o veterinario César Ramos.

Desde os ovos, as larvas eclosionan pasando por tres estadios larvarios até transformarse en pupa e terminar sendo unha mosca adulta, unha fase na que xa están capacitadas para o apareamento, realizando postas de entre 100 e 150 ovos. Atendendo a este ciclo, os especialistas recomendan actuar tamén nas fases nas que os insectos son aínda larvas, con larvicidas, que permitan reducir a presenza de adultos e a súa reprodución.

Os especialistas recomendan actuar nas fases nas que os insectos son aínda larvas, sen esperar a que cheguen a adultos

Cos larvicidas, como o diflubenzurón, impídese directamente o desenvolvemento das larvas, que non chegan a eclosionar e morren dentro dos ovos. No caso de que a femia adulta non o inxerise, as larvas eclosionan e inxiren o diflubenzurón impedindo o paso ao seguinte estadio larvario, é dicir, rompe o ciclo biolóxico. “Trátase dun principio activo cunha toxicidade nula, que resulta inocuo para aves, mamíferos e abellas, polo que se pode aplicar en presenza de animais e non necesita prazo de seguridade”, apunta Carlos Guada.

Humidade e temperatura, marcan o momento de aplicación de tratamentos

Segundo a fase na que se atope o insecto ubícanse nunhas zonas ou noutras da gandaría, por iso é fundamental coñecer o seu ciclo para tamén localizalas. Así, cando son adultos adoitan estar en zonas con animais e residuos orgánicos. A temperatura óptima son os 35 graos pero soportan un rango de variacións que vai desde os 13 graos até un máximo que pode chegar aos 45 graos.

Mentres, para os ovos prefiren zonas sombrías, frescas e con humidade. Tamén as larvas migran e aliméntanse en zonas húmidas e sombrías cara a zonas secas, onde entran en fase de pupa. “En Galicia, temos a humidade necesaria, mesmo nos meses de verán, para propiciar a eclosión dos ovos e o desenvolvemento larvario”, indica César Ramos.

Recomendan empezar con tratamentos contra as moscas cando se alcanza unha temperatura de 16 graos

Con todo, a medida que aumenta a temperatura redúcese o tempo de eclosión e desenvolvemento, o que favorece un incremento do número de moscas adultas listas para reproducirse. Cunha temperatura de 16 graos, o ciclo do insecto prolóngase durante entre 40 e 49 días. Aínda que, cando se alcanza unha media de 30 graos, o ciclo acúrtase até situarse en 9 ou 10 días. “En pouco máis dunha semana teremos máis insectos adultos listos para realizar novas postas”, incide o veterinario.

Neste sentido, o experto recomenda comezar a aplicar tratamentos para frear a incidencia das moscas cando se alcanza unha temperatura de entre 15 e 16 graos para manter un control sobre todas as fases dos insectos. “Cos aumentos progresivos das temperaturas medias e máximas que estamos a experimentar a causa do cambio climático, os tratamentos deben condicionarse á temperatura e xa non a unha determinada época do ano”, concreta César Ramos.

Aplicar os tratamentos en horas pouco calorosas ou á tardiña prolonga o seu efecto até en 2 semanas

“Antes os larvicidas adoitaban aplicarse nos meses de marzo ou abril, agora é máis complicado fixar unha época debido ás variacións de humidade e ao incremento da temperatura, polo que adoita recomendarse aplicalos cedo”, apunta Guada.

De igual maneira, a aplicación dos tratamentos nas horas menos calorosas permite prolongar o seu efecto e incrementar a súa eficacia. “Se se aplican á tardiña a súa persistencia é maior e pódese conseguir incrementar o seu efecto mesmo até 2 semanas”, concreta Guada.

Zonas nas que aplicar tratamentos

Unha das regras para conseguir unha maior eficacia á hora de aplicar tratamentos contra as moscas é asegurarse de utilizalos en zonas escuras, húmidas e con acumulación de materia orgánica, xa que son os ecosistemas vitais dos insectos. Pero tamén hai outras zonas que son propicias para o desenvolvemento dos insectos en distintas fases e que poden pasar desapercibidas. É o caso, por exemplo, das zonas entre corredores, onde a arrobadera non chega e que son un acceso bo ás camas dos animais, un lugar que escollen a pupas, ao ser unha zona seca.

zonas-proclives-para-a-cria-de-mosca-nas-granxas-

As zonas próximas ás camas e dos corredores onde non chegan as limpezas automáticas son espazos proclives para que críen as moscas.

Tamén os bordos dos cubículos e os comedeiros son zonas para a posta de ovos e as larvas. As partes baixas dos bebedoiros ou as entradas á área de muxido son espazos que hai que ter en conta para aplicar tratamentos, e que moitas veces se esquecen.

Zonas escuras, con acumulación de restos de comida, estiércol ou fosas de xurro son espazos proclives para as moscas

As zonas nas que se produzan lixiviados dos silos ou acumulación de restos de comida ou limpeza de esterco son favorables para o desenvolvemento dos insectos. “En calquera superficie de cama quente, parideira ou con animais enfermos hai que utilizar tratamento en toda a superficie, xa que son propicios para o desenvolvemento das moscas”, apunta Ramos.

Do mesmo xeito, a fosa do xurro é habitualmente un dos focos máis destacados para a aparición de moscas. Nestes casos, Ramos incide na importancia de aplicar correctamente os larvicidas, que ademais adoitan ser os tratamentos cun custo máis elevado fronte a un adulticida clásico. “As larvas adoitan estar nas zonas da periferia naquelas partes nas que a fracción líquida e sólida se mestura, polo que os nosos esforzos deben concentrase nestes espazos”, recomenda o veterinario.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información