Por que aumentan os casos da enfermidade do ‘ollo branco’ en Galicia?

O veterinario Raúl Martínez recolle algunhas claves para entender e actuar fronte á queratoconxuntivite infecciosa no gando vacún. Esta enfermidade que mingua a visión, tamén afecta outros aspectos da saúde do animal. A súa presenza en granxas galegas incrementouse nos últimos anos

Por que aumentan os casos da enfermidade do ‘ollo branco’ en Galicia?

Unha res afectada por queratoconxuntivite infecciosa.

Coñecida popularmente como a enfermidade do ollo branco, a nube no ollo ou o ollo rosa, que son algúns dos seus efectos; a queratoconxuntivite infecciosa é unha enfermidade cada vez máis presente nas gandarías galegas. “Co aumento do tamaño das granxas viuse un incremento dos casos desta enfermidade nas granxas de vacún en Galicia”, explica Raúl Martínez, veterinario (Syvac) que falou sobre este problema nas recentes xornadas da ADS Xundeva.

A maior presenza da enfermidade nas gandarías tamén a constatou a veterinaria e coordinadora da Agrupación de Defensa Sanitaria de Vacún (ADS) Xundeva, de Deza e Tabeirós Terra de Montes (Pontevedra), Gloria Martínez: “Nos últimos anos detectamos un aumento dos casos nas gandarías que atendemos”, apunta a coordinadora.

Co aumento do tamaño das granxas incrementáronse os casos de queratoconxuntivite en Galicia

Aínda que inicialmente a enfermidade adoita infravalorarse por parte dos gandeiros, pode terminar por ser un problema sanitario que non só afecta á visión do animal, senón que repercuta noutros aspectos da saúde do animal e na súa produción, ao minguar o seu confort. O veterinario Raúl Martínez achegou algunhas claves para atallar a incidencia da enfermidade na granxa e reducir o número de animais infectados, xa que é unha patoloxía moi contaxiosa.

A combinación de 3 factores

Hai tres factores que están detrás desta enfermidade: a presenza da bacteria, a irritación da cornea do animal e os vectores, que contribúen á súa propagación. “A presenza dun ou dous destes factores non será determinante para que se desenvolva a enfermidade, pero se coinciden o tres o risco dispárase”, explica o veterinario.

causas-queratoconjuntivitis-_-

Os tres factores que propician a aparición da enfermidade.

A Moraxella bovis e a Moraxella bovoculi son as dúas bacterias que provocan a queratoconxuntivite no gando de vacún e concéntranse nas secrecións oculares e nasais do animal. As reses poden exercer de portadores sen desenvolver a enfermidade, se non chegan a darse outros condicionantes para que aparezan os síntomas.

As alpacas de palla ou o po das camas contribúen á irritación da cornea, que favorece o desenvolvemento da enfermidade

Unha das causas que contribúe á enfermidade é a irritación da cornea, que pode producirse de moitas maneiras na granxa. Martínez incide en que a presenza de alpacas de palla en zonas ás que o gando teña acceso aumenta o risco de que se terminen irritando os ollos.

O encamado con sistemas que xeren po no ambiente, como os sistemas mecánicos de esparexido de palla é outro dos factores que provoca lesións no ollo. “Hai granxas que estaban a utilizar encamadoras mecánicas e decidiron volver utilizar sistemas manuais, que implican máis traballo, pola irritación que lles causaba aos animais”, concreta o veterinario.

O risco de irritación nos ollos increméntase nas zonas con po e vento así como nas razas con pálpebras máis claras, xa que a incidencia da radiación solar aféctalles en maior medida.

As moscas e zonas como comedeiros e bebedoiros serven de vectores para a transmisión da infección

Se á ecuación se engade a presenza de vectores, como as moscas, o risco increméntase. Ademais de ser moi habituais nas granxas, as moscas adoitan pousarse nos lagrimais e secrecións nasais dos animais, lugares nos que se localiza a bacteria. “Nas moscas o patóxeno pode aguantar até 4 días, co que o risco de contaxio aumenta”, explica Martínez.

Hai outros lugares, como os comedeiros e bebedoiros, zonas nas que os animais adoitan rascarse, e que tamén poden servir como vectores para a enfermidade. Aínda que, como puntualiza o veterinario, nestes lugares as bacterias só sobreviven unhas horas.

Xunto a este tres factores que propician a aparición da enfermidade, hai outras circunstancias que poden favorecer tanto o contaxio como o desenvolvemento da infección. A falta de vitamina A na dieta do rabaño debilita a saúde do animal e contribúe a aumentar os riscos. Nesta mesma liña, as infeccións circulantes de IBR ou mesmo o uso de vacinas vivas fronte á IBR en época favorable de trasmisión, tamén incrementa as posibilidades de aparición da enfermidade.

As moscas actúan como vector das bacterias favorecendo o contaxio da enfermidade.

As moscas actúan como vector das bacterias favorecendo o contaxio da enfermidade.

Martínez apunta tamén que o amoreamento do gando en espazos reducidos é outro elemento que contribúe á aparición dun brote de queratoconxuntivite. Precisamente, esta é unha das causas que favoreceu a aparición da enfermidade naquelas granxas cun crecemento rápido, xa que en ocasións poden chegar a ter o rabaño, aínda que sexa puntualmente, nun espazo máis reducido do que debesen.

Tamén a ausencia de plans para combater as moscas é un dos factores determinantes, xa que a maior presenza de vectores incrementa notablemente os riscos.

Consecuencias na granxa

Á hora de valorar as consecuencias na granxa, Raúl Martínez bota man dun estudo realizado nunha granxa galega que rexistrou unha gran incidencia desta enfermidade tras multiplicar o seu rabaño en a penas 3 anos até situarse en 500 animais. Nesta gandaría, os primeiros casos aparecen entre os 4 e os 9 meses e afectan case ó 90% do gando desa idade. Ademais de afectar o ollo, os animais tamén presentaron cadros respiratorios e dixestivos. “Ao reducirse a visión, os tenreiros tenden a deixar de comer e iso afecta directamente ao seu desenvolvemento”, explica o veterinario.

Entre os 10 e os 18 meses, observaron que se producía unha redución dos casos, quedando afectado o 70% dos animais. “Aínda que se produce unha melloría, é neste punto cando a enfermidade comeza a cronificarse”, indica. Desde este momento, o número de casos descende e nos animais de entre 19 e 24 meses cae até a metade e a partir dos 2 anos, a penas o 30% está afectado.

Se se trata nas dúas primeiras fases da enfermidade, o ollo pode recuperarse por completo

Por que se produce un brote tan virulento e que afecte a tantos animais? Martínez ten claro que neste caso houbo dous factores claves: o tamaño dos lotes da recría, xa que os animais contaban con pouco espazo; ao que se sumou a ausencia de plans específicos de limpeza e desinfección. O veterinario apunta a que estes son factores que poden darse en moitas gandarías.

Aínda que a enfermidade pode provocar que o animal termine cego, nos casos máis graves; Martínez puntualiza que, se se trata nas dúas primeiras fases da enfermidade, o ollo pode recuperarse por completo. “É unha enfermidade moi contaxiosa e pode chegar a causar perdas graves, polo que son fundamentais os tratamentos temperáns e os plans preventivos”, concreta o veterinario.

Medidas preventivas

Unha vez desenvolvida a enfermidade, unha das claves é reducir as secrecións para tamén atallar os contaxios entre animais. Inicialmente recórrese á aplicación de tópicos. Martínez apunta que non existen pomadas oftalmolóxicas específicas e recomenda recorrer a tratamentos con pomadas oleosas que resultan máis eficaces que as solucións líquidas. Tamén advirte que deben evitarse as solucións en pos, xa que irritan aínda máis o ollo.

Outras solucións, como a aplicación de subconxuntiviais, requiren dunha aplicación máis específica que debe realizala un profesional. “É un tratamento moi eficaz, pero moi laborioso, e se non se realiza como debe pode ser contraproducente”, recoñece o experto.

Máis aló dos tratamentos Martínez achega unha serie de pautas preventivas coas que reducir o risco de contaxio da enfermidade:

-Dispor e aplicar un plan preventivo para moscas. Neste procedemento debe incluírse unha xestión adecuada do cortello, así como prácticas hixiénicas e de limpeza e a aplicación de larvicidas.

-É recomendable separar os animais afectados dos sans, dado que se trata dunha enfermidade moi contaxiosa.

-Dispor de espazo suficiente por animal e proporcionarlle unha alimentación equilibrada.

-Protexer aos animais do vento e o po.

-Realizar vacinación adecuada dos animais para que conten cun sistema inmunolóxico forte. Polo momento, só en América se están a utilizar a vacinas específicas para esta enfermidade, que se presentan como unha solución só cando se constata unha alta incidencia de casos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información